Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 5 de outubro de 2015 Páx. 38811

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ANUNCIO do 17 de setembro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, polo que se acorda deixar aberta, por un prazo de tres meses, a poxa pública para a venda dun inmoble situado no concello de Valencia.

Mediante a Orde da Consellería de Facenda do 16 de setembro de 2015 acordouse, de conformidade co artigo 72 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio, deixar aberta por un prazo de tres meses a poxa pública para a venda do seguinte ben inmoble:

– 50 % do dominio da vivenda situada na avenida Pérez Galdós, 65, planta primeira, porta primeira, de Valencia, dunha superficie construída de 94,85 m2 e de 82,70 m2 útiles, segundo recente medición. Referencia catastral 4522008YJ2742B0003YB. Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Valencia, ao tomo 2.955, folio 171, sección sétima do predio 11.385.

Prezo mínimo: 8.370,51 euros.

Durante o prazo de tres meses contados a partir deste anuncio, calquera interesado poderá presentar unha proposta de compra por escrito, polo prezo que o interesado determine, sempre e cando iguale ou supere o mínimo fixado. A proposta de compra deberá recoller o nome, DNI, domicilio e teléfono de contacto, e deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos da Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia do 25 % do prezo ofrecido.

Poderán presentar proposicións todas as persoas que teñan capacidade para contratar e, en particular, para levar a cabo o contrato de compravenda segundo as normas contidas no Código civil. Non poderán participar as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, así como as que incorresen nos supostos previstos na normativa sobre incompatibilidades.

Se o ofertante é unha persoa xurídica, deberá achegar para acreditar a representación da persoa asinante a escritura notarial de constitución da sociedade e de poder específico ou xeral, este último inscrito debidamente no Rexistro Mercantil.

A documentación deberá presentarse en sobre pechado, no Rexistro Único da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo San Caetano), ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, con indicación no seu exterior, no anverso «Venda piso Valencia VND/2014/0019», dirixido á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Consellería de Facenda, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 15781 de Santiago de Compostela, e no reverso a identificación do ofertante.

Serán rexeitadas as propostas presentadas fóra de prazo, as que non alcancen o prezo mínimo fixado, as que non veñan acompañadas do xustificante da Caixa Xeral de Depósitos e aquelas con condicións ou que de forma clara non permitan determinar a oferta de compra.

Transcorrido o prazo, procederase a anunciar unha nova poxa pública e establecerase como tipo de licitación a mellor oferta presentada. Con anterioridade á poxa, procederase á devolución dos depósitos constituídos para garantir as ofertas de cantidades inferiores á que sirva de tipo para a nova poxa.

As condicións da adquisición que rexerán na cuarta poxa pública que teña lugar, de ser o caso, na cal poderá tomar parte calquera interesado aínda que non presentase ningunha solicitude previa, serán as recollidas no prego de condicións correspondente ás tres poxas públicas anteriores, que estarán á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, rúa A Pastoriza, 8, 2º andar, Santiago de Compostela. Serán por conta dos adxudicatarios os custos dos anuncios, que non superarán os dous mil euros.

A proposición que sirva de tipo para a poxa producirá plenos efectos, aínda que o ofertante non compareza no acto da súa realización, polo que se o ben lle fose adxudicado perderá o depósito no caso de non efectuar o pagamento do prezo total dentro do prazo de 15 días a partir da notificación de adxudicación.

No caso de que durante este prazo de tres meses se presenten ofertas económicas de igual contía e non concorra ningún propoñente nin interesado ao acto de poxa pública, a adxudicación recaerá sobre o que primeiro presentase a súa oferta, para o cal se atenderá á data de entrada no rexistro sinalado na convocatoria.

Se durante este prazo de tres meses non se presenta ningunha proposta por escrito, desistirase definitivamente deste procedemento de venda.

Para máis información, poderán dirixirse á Subdirección Xeral do Patrimonio. Teléfono: 981 54 41 51.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015

Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda