Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 29 de setembro de 2015 Páx. 38018

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 17 de setembro de 2015 pola que se acorda a cesión en propiedade dun espectrofotómetro de luminiscencia, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

O Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, dispón no seu artigo 1 que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlles aos outros organismos da Comunidade Autónoma.

O dito decreto, no seu artigo 16, establece que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro é un órgano de dirección dependente da Secretaría Xeral do Mar á cal corresponde a investigación mariña, que se desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

O artigo 16.2 do Decreto 132/2014, do 2 de outubro, establece que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro contará para o exercicio das súas funcións, dependendo funcionalmente da dirección xeral, co Centro de Investigacións Mariñas (Cima), que exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás áreas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía.

Ao Cima correspóndenlle a coordinación, programación e xestión das infraestruturas e medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña; a xestión e o control de gastos de funcionamento e execución dos proxectos de investigación; o fomento da coordinación interinstitucional e a integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

O artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite que os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia poidan ser cedidos gratuitamente para a realización de fins de utilidade pública ou interese social a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que a súa afectación ou explotación non se considere previsible.

O artigo 83 da Lei 5/2011 establece que a cesión de bens mobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do titular da consellería que teña a adscrición do ben.

O 15 de xullo de 2015, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) solicitou á Consellería do Medio Rural e do Mar, a cesión dun espectrofotómetro de luminiscencia, situado no Centro de Investigación Mariña (Cima) de Corón.

O fin de utilidade pública a que á Consellería do Medio Rural e do Mar vai destinar o Intecmar o ben cedido é a determinación de pigmentos fotosintéticos (clorofila «a», «b» e «c») por espectrofluorimetría con extracción de acetona mediante a técnica de Nevaux e Panouse dentro do programa de control que leva a cabo a Unidade de Oceanografía e Fitoplancto do Intecmar.

En consecuencia, de conformidade con previsto no artigo 27, número 15, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acordar a cesión en propiedade, ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), dun espectrofotómetro das seguintes características:

Espectrofotómetro de luminiscencia.

Modelo LS-50B.

Número de serie: 35735 (901).

Artigo 2

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido polo artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o ben cedido destinarao a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social.

b) Coa cesión outórgaselle ao Intecmar a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados como se se descoida ou se utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e a propiedade do ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

Artigo 3

A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou empregado público en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

Corresponde á Consellería do Medio Rural e do Mar verificar a aplicación do espectrofotómetro citado no artigo 1 ao fin para o que é cedido, e para isto pode adoptar cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar