Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 25 de setembro de 2015 Páx. 37789

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ás datas e aos efectos das distintas medidas en materia de selección temporal contidas no Plan de ordenación de recursos humanos de determinados servizos non clínicos da estrutura organizativa da Xestión Integrada de Vigo, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto.

Mediante a Orde do 23 de xullo de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 139, do 24 de xullo) aprobouse o Plan de ordenación de recursos humanos de determinados servizos non clínicos da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

No seu punto noveno disponse que, de conformidade co previsto na norma xeral II.4.6.2 da Resolución conxunta do 26 de abril de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se dispón a publicación do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (Diario Oficial de Galicia núm. 89, do 9 de maio), o persoal estatutario temporal dos servizos afectados pertencente a categorías que fosen obxecto de reclasificación nos termos do ordinal sétimo, poderá formar parte das listas de selección temporal da categoría en que aquelas se reclasifiquen, correspondentes á área de Vigo. A incorporación nas ditas listas terá lugar de xeito automático, sen necesidade de esperar á formalización dunha nova xeración das listaxes das devanditas categorías.

No suposto anterior e para os efectos da valoración dos méritos, os servizos prestados na categoría profesional de orixe serán computados na categoría de reclasificación.

Pola súa vez, o persoal estatutario temporal dos servizos afectados que formaba parte das listaxes das categorías orixinarias de cociñeiro/a, costureiro/a, lavandeiro/a, limpador/a, pinche ou pasador/a de ferro da área sanitaria de Vigo poderá compatibilizar, se así o desexa, a súa inscrición nas listaxes das categorías de reclasificación correspondentes á devandita área, coa inscrición nas listaxes de selección temporal de cociñeiro/a, costureiro/a, lavandeiro/a, limpador/a, pinche ou pasador/a do ferro das áreas limítrofes.

As anteriores medidas faranse efectivas logo do seu tratamento na comisión central de seguimento do pacto.

En reunión deste órgano con data do 4 de setembro de 2015, concretáronse as datas e os efectos destas medidas nos seguintes termos:

Primeiro. Proceso ordinario de xeración de listas

As persoas aspirantes admitidas nas listas de selección temporal e promoción profesional temporal da área de Vigo, das categorías de pinche, cociñeiro/a, lavandeiro/a, pasador/a de ferro, limpador/a ou costureiro/a deberán inscribirse a través de Fides/expedient-e
(www.sergas.es) ata o 15 de outubro de 2015, se desexan formar parte das novas listas ordinarias de selección temporal ou promoción profesional temporal da categoría de reclasificación. Así mesmo, e dentro do mesmo prazo, poderán compatibilizar a inscrición nas listas da súa categoría de orixe, en área limítrofe, nos seguintes termos:

1.1. Pinche.

Admítese a compatibilidade de inscrición nas listas da categoría de celador/a-área de Vigo e pinche-área de Pontevedra, Ourense ou Santiago de Compostela.

1.2. Cociñeiro/a.

As persoas aspirantes admitidas nas listas da categoría de cociñeiro/a-área de Vigo, no prazo anteriormente indicado, poderán inscribirse nas listas desta categoría de calquera área sanitaria.

1.3. Lavandeiro/a e pasador/a de ferro.

Será compatible a inscrición nas listas da categoría de celador/a-área de Vigo e lavandeiro/a ou pasador/a de ferro-área de Pontevedra ou Santiago de Compostela.

Para tal efecto, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de outubro de 2015, ambos incluídos, reabrirase o prazo de inscrición nas listas de selección temporal e promoción profesional temporal das categorías de lavandeiro/a e pasador/a de ferro.

Aquelas persoas aspirantes que no prazo de inscrición iniciado pola Resolución do 9 de xullo de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 135, do 17 de xullo) tivesen formalizado a súa solicitude de inclusión nas listas de selección temporal ou promoción profesional dalgunha destas categorías e non desexen efectuar ningunha modificación no formulario de inscrición non terán que realizar ningunha actuación.

Aqueles/as aspirantes que desexen modificar a área de inscrición ou inscribirse, de non telo realizado no prazo inicial, poderán efectualo a través de Fides/expedient-e no prazo indicado.

Finalizado este prazo, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do seu anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisionais acadadas. Esta relación incluirá as inscricións presentadas en ambos os prazos.

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou o rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas nas listas.

Contra esta resolución, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

1.4. Limpador/a e costureiro/a.

As persoas aspirantes admitidas nas listas da categoría de limpador/a-área de Vigo poderán inscribirse ata o 15 de outubro de 2015 nas listas de celador/a-área de Vigo.

As persoas aspirantes admitidas nas listas da categoría de costureiro/a-área de Vigo poderán inscribirse ata o 15 de outubro de 2015 nas listas de grupo auxiliar da función administrativa-área de Vigo.

1.5. Efectos comúns a todas as categorías.

1.5.1. Os servizos prestados no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo na categoría reclasificada valoraranse como servizos prestados na categoría de reclasificación a todos aqueles aspirantes que se inscriban nas listas desta última categoría na área de Vigo.

1.5.2. Valorarase, de ter participado o/a aspirante, a nota acadada por este/a na fase de oposición do proceso de selección fixa convocado polo Servizo Galego de Saúde no ano 2009 para a mesma categoría a que opta.

1.5.3. Aqueles/as aspirantes que non formalicen a súa inscrición nalgunha categoría en Fides/expedient-e ata o 15 de outubro de 2015 non resultarán admitidos/as nas novas listas que se xeren.

Segundo. Réxime transitorio

Transitoriamente, desde a data de efectos da reclasificación ata a publicación da lista definitiva do proceso ordinario de xeración, procederase de oficio á integración das persoas aspirantes admitidas nas listas das categorías reclasificadas na correspondente á categoría de reclasificación do mesmo ámbito territorial. Valorarase, de ter participado o/a aspirante, a nota acadada por este/a na fase de oposición da OPE 2009 do Servizo Galego de Saúde da categoría en que se integra. Neste período transitorio, e con relación ao persoal afectado, a renuncia ao chamamento non será penalizable.

Ademais, as persoas aspirantes admitidas nas listas da categoría de limpador/a e costureiro/a da área de Vigo, con efectos da data de reclasificación, integraranse de oficio sen necesidade de inscrición e coa mesma puntuación, nas listas da categoría de limpador/a e costureiro/a, respectivamente, na área de Pontevedra. Neste suposto, a renuncia ao chamamento non será penalizable.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos