Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 25 de setembro de 2015 Páx. 37786

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2015, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de topógrafos/as, convocado pola Orde do 9 de maio de 2014 (Diario Oficial de Galicia número 99, do 26 de maio), pola que se lles dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o día 17 de setembro de 2015, o tribunal nomeado pola Orde do 7 de abril de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 68, do 13 de abril), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de topógrafos/as, convocado pola Orde do 9 de maio de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 99, do 26 de maio),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.2.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez (10) puntos.

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de topógrafos/as, no lugar onde se realizou a proba, no taboleiro de anuncios do Servizo de Rexistro Xeral e Información á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.7 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.1.4 da convocatoria, os aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinais ou fotocopias compulsadas) de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo).

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015

Ramón de la Sota Crespí
Presidente do tribunal