Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 24 de setembro de 2015 Páx. 37702

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ANUNCIO do 4 de setembro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, polo que se acorda deixar aberta, por un prazo de tres meses, a poxa pública para a venda dun inmoble no concello de Ribadeo.

Mediante a Orde da Consellería de Facenda do 3 de setembro de 2015 acordouse, de conformidade co artigo 72 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio, deixar aberta por un prazo de tres meses a poxa pública para a venda do seguinte ben inmoble:

Predio urbano. Número once. Vivenda tipo D, sita á fronte e dereita segundo se mira ao edificio desde a súa fachada principal, en parte da segunda planta alta de vivendas, do edificio sinalado co número 22 da avenida Rosalía de Castro, da vila de Ribadeo. Destinada a vivenda e distribuída en diferentes cuartos e servizos; ocupa a superficie útil aproximada de 51,90 m2, e mirando desde a rúa da fronte, linda: pola fronte, coa avenida de Rosalía de Castro; dereita, de Julio Pérez López e Anselmo López Rodríguez; costas, escaleiras e patio de luces do edificio; e esquerda, con vivenda tipo A de igual planta e casa e corredor distribuidor. Cunha cota de participación de dous enteiros e sesenta centésimas por cento. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadeo ao predio 24.688, folio 71, libro 321, tomo 720, inscrición terceira. Referencia catastral 8428001PJ5282N0011GB.

Predio urbano. Dúas cincuenta e seis avas partes indivisas do predio número dous da propiedade horizontal, soto un, o máis alto, do edificio sinalado co número 22 da avenida Rosalía de Castro de Ribadeo. Atópase destinado a espazos para garaxe aparcadoiro e sublocais. Ten unha superficie construída aproximada de 495 m2 e, mirando desde a avenida da fronte, linda: fronte, subsolo da avenida de Rosalía de Castro; dereita, de Julio Pérez López e Anselmo López Rodríguez; costas, de Julio Ríos García; e esquerda, con casa número 24 de igual vía pública. Esta participación indivisa confire ao seu titular o disfrute vinculado e exclusivo da praza de garaxe nº 10, que se demarca con 2,55 metros de ancho e 4,95 metros de longo aproximadamente, coa superficie aproximada de 12,62 m2. Lindeiros: fronte, zona de acceso e manobra; fondo, praza de garaxe nº 7; esquerda, praza de garaxe nº 11; dereita, casa nº 24 de igual vía pública. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ribadeo ao predio 24679-7, folio 53, libro 328, tomo 732, inscrición segunda. Referencia catastral 8428001PJ5282N0002OF.

Prezo mínimo: 25.149,88 euros.

Durante o prazo de tres meses contados a partir deste anuncio, calquera interesado poderá presentar unha proposta de compra por escrito, sobre o lote único relacionado anteriormente, e polo prezo que o interesado determine, sempre e cando iguale ou supere o mínimo fixado. A proposta de compra deberá recoller o nome, DNI, domicilio e teléfono de contacto e deberá ir acompañada do xustificante acreditativo da consignación na Caixa Xeral de Depósitos da Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia do 25 % do prezo ofrecido.

Poderán presentar proposicións todas as persoas que teñan capacidade para contratar e, en particular, para celebrar o contrato de compravenda segundo as normas contidas no Código civil. Non poderán participar as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, así como as que incorresen nos supostos previstos na normativa sobre incompatibilidades.

Se o ofertante é unha persoa xurídica, deberá achegar para acreditar a representación da persoa asinante a escritura notarial de constitución da sociedade e de poder específico ou xeral, este último inscrito debidamente no Rexistro Mercantil.

A documentación deberá presentarse en sobre pechado, no Rexistro Único da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo San Caetano), ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, con indicación no seu exterior, no anverso, «Venda inmoble Ribadeo VND/2015/0002», dirixido á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Consellería de Facenda, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 15781 de Santiago de Compostela, e no reverso a identificación do ofertante.

Serán rexeitadas as propostas presentadas fóra de prazo, as que non alcancen o prezo mínimo fixado, as que non veñan acompañadas do xustificante da Caixa Xeral de Depósitos e aquelas con condicións ou que de forma clara non permitan determinar a oferta de compra.

Transcorrido o prazo, procederase a anunciar unha nova poxa pública e establecerase como tipo de licitación a mellor oferta presentada. Con anterioridade á poxa, procederase á devolución dos depósitos constituídos para garantir as ofertas de cantidades inferiores á que sirva de tipo para a nova poxa.

As condicións da adquisición que rexerán na cuarta poxa pública que teña lugar, de ser o caso, na cal poderá tomar parte calquera interesado aínda que non presentase ningunha solicitude previa, serán as recollidas no prego de condicións correspondente ás tres poxas públicas anteriores, que estarán á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, rúa Pastoriza, 8, 2º andar, Santiago de Compostela. Serán por conta do adxudicatario os custos dos anuncios, que non superarán os mil euros.

A proposición que sirva de tipo para a poxa producirá plenos efectos, aínda que o ofertante non compareza no acto da súa realización, polo que se o ben lle fose adxudicado perderá o depósito no caso de non efectuar o pagamento do prezo total dentro do prazo de 15 días a partir da notificación de adxudicación.

No caso de que durante este prazo de tres meses se presenten ofertas económicas de igual contía e non concorra ningún propoñente nin interesado ao acto de poxa pública, a adxudicación recaerá sobre o que primeiro presentase a súa oferta, para o cal se atenderá á data de entrada no rexistro sinalado na convocatoria.

Se durante este prazo de tres meses non se presenta ningunha proposta por escrito sobre o inmoble, desistirase definitivamente deste procedemento de venda.

Para máis información poderán dirixirse á Subdirección Xeral do Patrimonio. Teléfono: 981 54 41 51.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2015

Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda