A Orde do 31 de decembro de 2014, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 15, do 23 de xaneiro de 2015, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN223A).
No artigo 1.4, parágrafo primeiro, do anexo I, bases reguladoras, establece a consideración de actuacións subvencionables sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.
O artigo 18.1 do anexo I, bases reguladoras, establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na respectiva xefatura territorial, da correspondente documentación, tendo de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2015 (corrección de erros no DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2015).
Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 18.1 do anexo I da orde para ampliar o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte dos beneficiarios/as.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1
Modificación do artigo 18.1 do anexo I da Orde do 31 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN223A).
O primeiro parágrafo do artigo 18.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:
«1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, na respectiva xefatura territorial, a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada, e ten de prazo para presentala ata o 16 de novembro de 2015 (...)».
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2015
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria