Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 18 de setembro de 2015 Páx. 37204

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2015 pola que se aproba o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Porto do Son.

A área de explotación e planificación portuaria do ente público Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Porto do Son, instalacións portuarias situadas no termo municipal de Porto do Son na provincia da Coruña e adscritas ao ente público para a súa xestión. Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación, prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia na falta de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia celebrada o día 30 de xullo de 2015, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Porto do Son, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da área de explotación e planificación portuaria do 24.7.2015, que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 30.7.2015 dando a conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Porto do Son e elevándoo e propoñéndoo para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar conferida por Orde do 30 de marzo de 2012,

RESOLVE:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto Porto do Son (Porto do Son, A Coruña), na súa última versión asinada en maio de 2015 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos Andrés D. Cervantes Refojos, como xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, como xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2015

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia