Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 18 de setembro de 2015 Páx. 37206

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2015 pola que se aproba o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Canido.

A área de explotación e planificación portuaria do ente público Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Canido, instalacións portuarias situadas no termo municipal de Vigo, na provincia de Pontevedra, e adscritas ao ente público para a súa xestión. Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación, prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia na falta de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia celebrada o día 30 de xullo de 2015, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Canido, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da área de explotación e planificación portuaria do 24.7.2015, que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia de 30.7.2015 que dá a conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Canido e o eleva e propón para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar conferida por Orde do 30 de marzo de 2012,

RESOLVE:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Canido (Vigo, Pontevedra), na súa versión asinada en febreiro de 2014 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos Andrés Cervantes Refojos, como xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, como xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria, e pola arquitecta Lorena Pardiñas Lamas como autora.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2015

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia