Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 15 de setembro de 2015 Páx. 36864

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de abril de 2015, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Acibal como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 30 de abril de 2015, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Acibal, promovido por Norvento, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Barro e Moraña queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Acibal.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Relación co planeamento urbanístico local vixente e proposta de modificación.

A infraestrutura do parque eólico Acibal está entre dous concellos: Moraña e Barro. A seguir analízase a relación coa normativa urbanística vixente.

1.1. Relación co planeamento muncipal do Concello de Moraña.

1.1.1. Adecuación ao planeamento municipal do Concello de Moraña.

A infraestrutura asociada ao parque eólico conta cos elementos relacionados a seguir no concello de Moraña: catro aeroxeradores e dúas torres meteorolóxicas coas súas correspondentes plataformas, vías, gabias de canalizacións, o edificio de control, a subestación e zonas anexas.

A superficie de afección urbanístico-territorial derivada dos distintos elementos do parque situados no concello de Moraña é de 47,60 ha, o que supón o 99,64 % da área de afección total urbanístico-territorial, de 47,77 ha.

O concello de Moraña dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado o 3 de agosto de 2001, que cualifica a zona afectada pola implantación do parque eólico como solo rústico de especial protección de parques forestais, zonas agrestes e de áreas de cultivo de potencialidade agrícola (Ordenanza 8).

A parte do PXOM de Moraña que é de aplicación neste caso inclúese no anexo I do presente proxecto sectorial.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada, entre outras, pola Lei 15/2004, do 29 de decembro e, máis recentemente, pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, respecto ao réxime aplicable aos municipios con planeamento urbanístico non adaptado (que é o caso de Moraña) ao solo clasificado polo plan vixente como non urbanizable ou rústico seralle de aplicación integramente o disposto na devandita lei para solo rústico.

Atendendo á cualificación actual do solo segundo o plan do Concello de Moraña e atendendo tamén ás características e ao uso actual dos terreos afectados (plantacións forestais de especies de crecemento rápido, todos eles pertencentes a montes veciñais en man común), segundo o artigo 32. (Categorías) da Lei 9/2002, cabería cualificar os terreos afectados neste municipio como solo rústico de especial protección forestal.

Por outra parte, o certificado urbanístico emitido polo Concello de Moraña o 14 de xaneiro de 2011 sinala que a zona onde se situarán os aeroxeradores se encontra cualificada como solo rústico de especial protección de parques forestais, zonas agrestes e de áreas de cultivo de potencialidade agrícola. A citada certificación urbanística inclúese no anexo V do presente proxecto sectorial.

A Lei 9/2002, no seu artigo 33, regula os usos e actividades posibles no solo rústico. Entre estes inclúense os recollidos na alínea:

«m) Infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos ou de produción de enerxía».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, encóntrase entre os usos relacionados na citada alínea.

Os devanditos usos, segundo o artigo 37 da Lei 9/2002, recentemente modificada pola Lei 2/2010, están permitidos por licenza municipal directa en solos rústicos de especial protección agropecuaria ou forestal.

1.1.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal de Moraña.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio de Moraña para compatibilizar o parque eólico Acibal cos usos de solo previstos nela, pois existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o plan do termo municipal de Moraña, ou se adapte á lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano I1109-06-PL 06 cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas conforme o artigo 37 da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada entre outras pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, a Lei 6/2007, do 11 de marzo, e pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída no plano I1109-06-PL 06 destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento.

A zona de afección urbanístico-territorial do parque eólico Acibal, no concello de Moraña é de 47,60 ha.

2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar, ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solo queda permitida a localización das infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas das plantacións forestais.

3. Limitacións de uso.

As áreas de pleno dominio defínense como aquelas áreas que despois da construción do parque non poderán ser utilizadas polos propietarios dos terreos. É o caso dos terreos afectados polos catro aeroxeradores, polas antenas meteorolóxicas e polas súas correspondentes plataformas, así como pola subestación e edificio de control.

As áreas en réxime de servidume, caso das zonas correspondentes ás vías, ao voo dos aeroxeradores (entendido este, segundo se explicita no documento de solicitude de declaración de utilidade pública e o grafado na RBDA incluída no anexo II do presente documento, como a zona comprendida dentro do diámetro de cada un dos aeroxeradores), e ás gabias de cableamento, teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2. Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar calquera acto que poida danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3. Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4. Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

Na zona de protección eólica (terreo protexido para permitir a libre circulación do aire nas proximidades do aeroxerador; véxase RBDA e plano parcelario), poderanse realizar actividades agrícolas ou gandeiras, pero non actividades forestais ou calquera outra que impida a circulación do vento nesa zona, nin situar obstáculos de altura superior ao 20 % da altura da buxa; neste caso non poden superar os 24 metros de altura.

1.2. Relación co planeamento municipal do Concello de Barro.

1.2.1. Adecuación ao planeamento municipal do Concello de Barro.

A infraestrutura asociada ao parque eólico afecta ao concello de Barro cun pequeno tramo de vía de acceso a unha torre meteorolóxica.

A superficie de afección urbanístico-territorial derivada do parque eólico Acibal ao concello de Barro é de 0,17 ha.

O concello de Barro dispón dun plan xeral de ordenación municipal (PXOM), con data de aprobación do 23 de maio de 2003, que clasifica o solo en que se sitúa o futuro parque eólico como solo rústico de protección forestal (SRPF).

O planeamento urbanístico do Concello en cuestión está adaptado á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, pero non ás súas modificacións (entre outras, a Lei 15/2004, do 29 de decembro, a Lei 6/2007, do 11 de marzo, e a Lei 2/2010, do 25 de marzo).

Pola súa banda, o certificado urbanístico emitido polo Concello de Barro o 12 de xaneiro de 2011 sinala que a zona afectada polo parque eólico se encontra cualificada como solo rústico de protección forestal. A citada certificación urbanística inclúese no anexo V do presente proxecto sectorial.

A Lei 9/2002, no seu artigo 33, regula os usos e actividades posibles no solo rústico. Entre estes inclúense os recollidos na alínea:

«m) Infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos ou de produción de enerxía,».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, encóntrase entre os usos relacionados na citada alínea.

Os devanditos usos, segundo o artigo 37 da Lei 9/2002, recentemente modificada pola Lei 2/2010, e a Lei 15/2010, están permitidos por licenza municipal directa en solo rústico de especial protección forestal.

1.2.2. Proposta de modificacións do plan municipal de Barro.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio de Barro para compatibilizar o parque eólico Acibal cos usos de solo previstos nela, pois existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o plan do termo municipal de Barro ou se adapte á Lei do solo incluiranse as delimitacións sinaladas no plano I1109-06-PL 08, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas conforme o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, a Lei 6/2007, do 11 de marzo, e pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída no plano I1109-06-PL 08 destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento.

A área de afección urbanístico-territorial do parque eólico Acibal no concello de Barro é de 0,17 ha.

2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar, ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solo queda permitida a localización das infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros, sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas das plantacións forestais.

3. Limitacións de uso.

As áreas en réxime de servidume, neste caso os tramos de vía, teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2. Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar calquera acto que poida danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3. Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4. Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

1.3. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse con:

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A adaptación do planeamento á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada, entre outras, pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e pola Lei 2/2010, do 25 de marzo.

1.4. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecue o plan municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no plan sectorial eólico de Galicia aprobado polo Consello da Xunta do 1.10.1997 (DOG do 15.11), e na súa modificación aprobada polo Consello da Xunta o 5.12.2002 (DOG do 3.1.2003) e de conformidade co establecido na disposición derrogatoria da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, que modifica o texto da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións do parque eólico Acibal.

En consecuencia, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no proxecto sectorial que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.