Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 10 de setembro de 2015 Páx. 36400

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista consistente nunha estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e na extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/13-0).

Para os efectos previstos nos artigos 73 e 104 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, nos artigos 78 e 96 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e nos artigos 18 da Lei de expropiación forzosa e 17 do seu regulamento, sométese ao trámite de información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista consistente nunha estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e na extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo), que promove a empresa Gas Galicia SDG, S.A. e que está declarada de utilidade pública polo artigo 103 da citada Lei 34/1998.

• Peticionaria.

Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

• Antecedentes.

O 8.4.2008 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Barreiros (Lugo), que se publicou no Diario Oficial de Galicia (16.5.2008) e no Boletín Oficial da provincia (21.4.2008). Segundo consta neste proxecto de autorización administrativa, a subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de gas natural licuado (GNL) situada nunha parcela colindante coa estrada N-634, xunto ao parque empresarial da Espiñeira, e desde a cal partirá a rede de distribución cara ao núcleo urbano de Barreiros.

O 11.9.2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución de instalacións de distribución de gas natural e planta satélite de GNL en Barreiros, promovido por Gas Galicia SDG, S.A. Segundo consta neste proxecto de execución, a planta de GNL situarase nas parcelas 21, 22, 23, 26 e 28 próximas ao parque empresarial da Espiñeira, desde a cal partirá a rede de distribución cara ao núcleo urbano de Barreiros, acadando unha lonxitude de 8.029 m.

O 7.9.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e se aprobou a addenda I ao proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural e planta satélite de GNL en Barreiros, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (18.10.2010) e no Boletín Oficial da provincia (8.10.2010). Segundo consta nesta addenda I, a rede de distribución no núcleo urbano de Barreiros ampliarase en 7.472 m.

• Obxecto da petición.

O 16.6.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista, cuxo proxecto leva por título «Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión de rede en MOP 14 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo)».

Con esta infraestrutura gasista, a subministración de gas natural á rede de distribución do núcleo urbano de Barreiros, inicialmente proxectada desde unha planta satélite de GNL, pasará a realizarse desde o gasoduto de transporte básico da Mariña lucense.

A autorización de instalacións que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados, necesarios para o establecemento destas instalacións e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

• Descrición das instalacións.

O proxecto «Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión de rede en MOP 14 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo)» recolle a instalación dunha estación de regulación e medida (ERM), para a subministración de gas natural á rede de distribución de Barreiros, e a extensión de rede necesaria para levar o gas desde esta ERM ata o futuro punto de conexión coa rede existente no núcleo urbano.

As instalacións de gas obxecto deste proxecto resúmense nun total de 264 m de tubaxe de polietileno e aceiro de diferentes diámetros, e o seu alcance resúmese nos seguintes puntos:

– Instalación dunha ERM MOP 16/4 bar Q 5000 D, que se instalará no interior da posición 03 do gasoduto de transporte básico da Mariña lucense.

– Execución dunha extensión de rede en MOP 4 bar, desde a saída da ERM ata o punto de conexión coa rede de distribución existente en Barreiros, na estrada xeral Cruz Pequena.

– Instalación de válvulas de corte para a regulación e control do fluxo de gas á entrada e saída da ERM.

• Termo municipal afectado.

A solicitude afecta o termo municipal de Barreiros, na provincia de Lugo.

• Orzamento.

O orzamento das instalacións ascende á cantidade de setenta e un mil seiscentos corenta e sete euros con noventa e oito céntimos (71.647,98 €).

• Afección a predios particulares.

A afección a predios particulares derivada da execución do proxecto titulado «Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión de rede en MOP 14 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo)», concrétase na seguinte forma:

A) Imposición de servidume permanente de paso de gas ao longo do trazado da condución, cunha largura de tres (3) metros, un e medio (1,5) a cada lado do eixe, por onde discorrerá soterrada a tubaxe e o cable de comunicación e telemando que se requiran para a condución de gas. Esta servidume que se establece estará suxeita ás seguintes limitacións de dominio:

– Prohibición de efectuar traballos de arada, cava ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos de talo alto.

– Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construción, edificación, movemento de terras ou efectuar algún acto que rebaixe a cota do terreo ou poida danar ou perturbar o bo funcionamento das instalacións.

– Libre acceso do persoal e equipamentos necesarios para a vixilancia e para manter, reparar ou renovar as instalacións, co pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

– Posibilidade de instalar os fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como de realizar as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para isto.

B) Contigua á zona de servidume permanente antes detallada existe unha zona de seguranza, definida na norma UNE 60.305.83 (que se adopta para as canalizacións de polietileno, de desenvolvemento posterior, por requirir a mesma protección que as tubaxes de aceiro), que se estende ata cinco (5) metros a cada lado do eixo da canalización, na cal a execución de escavacións ou obras pode representar un cambio nas condicións de seguranza da canalización e na cal non se dan as limitacións anteriores nin se prohiben as obras incluídas como prohibidas na zona de servidume de paso, sempre que se informe previamente o titular da instalación para a adopción das accións oportunas que eviten os riscos potenciais para a canalización.

C) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras da franxa que se reflicte para cada parcela nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer temporalmente todo obstáculo e realizaranse os traballos ou operacións necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos.

O que se fai público para coñecemento xeral e especialmente dos propietarios de terreos e demais titulares afectados polo proxecto titulado «Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión de rede en MOP 14 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo)», na relación que se insire como anexo a esta resolución, para que poidan examinalo na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, e na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo, e presentar nos ditos centros as alegacións que consideren oportunas no prazo de 20 días a partir do seguinte á publicación deste anuncio. Os planos parcelarios poderán ser igualmente consultados no Concello de Barreiros.

Faise constar que esta publicación se realiza igualmente para os efectos determinados polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os interesados sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando intentada a notificación non se puidese realizar.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Relación de predios afectados polo proxecto «Estación de regulación
e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión de rede en MOP 14 bar
para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo)»

Abreviaturas utilizadas: OT-Ocupación temporal; SP-Servidume permanente de paso; POL-Polígono; PAR-Parcela; LU-Lugo; BA-Barreiros.

Termo municipal: Barreiros (Lugo).

Nº de predio

Titular e enderezo

SP (m2)

OT (m2)

POL

PAR

Paraxe

Natureza

LU-BA-382

Emilia González Palmeiro

Lg. Cruz Lobo, 1º C
27792 Barreiros (Lugo)

19,00

52,00

9

423

Carral de Fóra

Prado