Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 7 de setembro de 2015 Páx. 36157

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

CÉDULA do 13 de agosto de 2015 pola que se notifica a resolución do procedemento sancionador e de reposición da legalidade urbanística por actuacións abusivas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, devolta polo servizo de Correos por resultaren os seus interesados ausentes na repartición (expediente POL/101/2014).

A Dirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, o día 22 de xullo de 2015, ditou resolución pola que se declara prescrita, polo transcurso do prazo legalmente establecido, a infracción de construción dunha terraza nunha edificación destinada a cafetaría (Tapería A Illa), na illa de San Bartolomeu, parroquia de Meira, no termo municipal de Moaña, e se ordena aos herdeiros de Manuel Fervenza Costa e a outra persoa a restitución das cousas e a súa reposición ao estado anterior da comisión da infracción, para cuxo efecto deberán proceder á completa demolición das obras da terraza no prazo máximo de tres meses contado desde a notificación da resolución. Daranlle conta á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e advertirán expresamente que, unha vez transcorrido o prazo concedido sen que desen cumprimento nos seus xustos termos ao ordenado, se procederá á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas ou ben a través da execución subsidiaria por conta dos infractores e á súa custa. Todo isto consonte o disposto nos artigos 107 da Lei de costas e 199 e 200 do seu regulamento, en relación cos artigos 93 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ao non se poder realizar a notificación persoal daquela resolución aos citados interesados, mediante esta cédula, e ao abeiro do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícaselles a dita resolución por medio dun anuncio no Boletín Oficial del Estado.

Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 61 da LRXPAC, o acto non se publica na súa integridade, fáiselles saber aos interesados que o texto íntegro da resolución que se notifica se encontra ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, sitas no edificio Witland, Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula no Boletín Oficial del Estado. Unha vez transcorrido o dito prazo, a notificación entenderase producida.

Contra esa resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción desta notificación, ou ben, se non exercen o seu dereito a presentar recurso de reposición, poderán interpor directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela ou ante o da circunscrición onde o recorrente teña o seu domicilio, á elección deste, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para que conste e lles sirva de notificación aos citados interesados, en cumprimento do disposto no artigo 59.5 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, expido e asino esta cédula.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2015

P.S. (Artigo 3 do Decreto 51/2008, do 6 de marzo)
José María Domínguez Blanco
Subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística