Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 26 de agosto de 2015 Páx. 34814

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2015 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia adaptados á cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento (SEA129_2), cofinanciados co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia adaptados á cualificación profesional extinción de incendios e salvamento (SEA129_2), conforme as seguintes bases:

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas convocadas serán as que se especifican no anexo I desta resolución, na cal se indica tamén o número de horas lectivas, número de edicións, número de prazas e lugar de realización.

As persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán informadas por correo electrónico dos horarios dos cursos, así como das datas de realización e calquera outra información necesaria.

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das actividades formativas convocadas pola presente resolución está adaptado ás unidades formativas asociadas ao certificado de profesionalidade de nivel 2 extinción de incendios e salvamento SEAD0111 creado polo Real decreto 624/2013, do 2 de agosto (BOE núm. 223, do 17 de setembro), e vinculadas á cualificación profesional extinción de incendios e salvamento SEA129_2 creada polo Real decreto 1087/2005, do 16 de setembro (BOE núm. 238, do 5 outubro).

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública http//agasp.xunta.es na epígrafe de «Formación».

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación

Os/as solicitantes deben ter superado con anterioridade o curso básico de protección civil e serán informados por correo electrónico de calquera requisito adicional que se precise nalgunha das actividades formativas convocadas.

Quinta. Inscrición

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 7 de setembro.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúna os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

f) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

g) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sexta. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. Teñen preferencia as persoas que estean desempregadas e que cumpran os requisitos de acceso establecidos no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

2º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico na AVPC.

3º. Teñen preferencia as mulleres ata alcanzar o 50 % das prazas convocadas (artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes). Se non hai suficientes solicitudes de participación de mulleres, estas prazas acrecentarán as da quenda xeral.

4º. Teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

5º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Sétima. Acreditación da condición de desempregado/a e dos requisitos de acceso

1. Acreditación da condición de desempregado/a:

A condición de desempregado/a deberá acreditarse presentando a tarxeta do paro debidamente actualizada.

2. Acreditación dos requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2:

Para acceder á formación dos módulos formativos dos certificados de profesionalidade do nivel de cualificación profesional 2, os alumnos deberán cumprir algún dos requisitos seguintes (artigo 20 do Real decreto 34/2008):

a) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, graduado escolar ou equivalente.

b) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade a que desexa acceder.

c) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional.

d) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio, ou ben ter superado as correspondentes probas de acceso reguladas polas administracións educativas.

e) Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e/ou de 45 anos.

f) Ter as competencias clave necesarias, de acordo co recollido no anexo IV deste real decreto, para cursar con aproveitamento a formación correspondente ao certificado de profesionalidade.

3. Forma e prazo de presentación:

Os/as solicitantes teñen de prazo ata o día 14 de setembro para presentar a documentación que acredite que están en situación de desemprego e que cumpren os requisitos de acceso. Esta documentación deberá presentarse por por correo electrónico (formacion.emerxencias.agasp@xunta.es).

A documentación presentada fóra de prazo poderá non ser tida en conta no proceso de selección para as diferentes actividades formativas.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Uniformidade e normas de comportamento

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

Décima. Aloxamento e manutención

Sempre que haxa habitacións dispoñibles, a Agasp proporcionaralle aloxamento na súa residencia a todas as persoas seleccionadas para as actividades formativas incluídas nesta convocatoria, e ademais proporcionará manutención gratuíta a todas as persoas desempregadas que acrediten esa condición.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Décimo segunda. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

Décimo quinta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 20 de agosto de 2015

Luís Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Denominación do curso

Unidade formativa asociada

Núm. de edicións

Núm. de horas

Prazas por edición

Datas

Lugar

Operacións de salvamento en altura e en espazos confinados, para voluntarios de PC

2344: operacións de salvamento en altura e en espazos confinados

2

50

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Rescate en medios de transporte e en medios acuáticos, para voluntarios de PC

2345: rescate en medios de transporte e en medios acuáticos

2

50

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Soporte vital básico, para voluntarios de PC

0677: soporte vital básico

2

60

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Extinción de incendios urbanos e industriais. Extinción de incendios interiores, para voluntarios de PC

2346: extinción de incendios urbanos e industriais. Extinción de incendios interiores

1

90

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Operacións de extinción de incendios forestais, para voluntarios de PC

2347: operacións de extinción de incendios forestais

1

90

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Intervención en emerxencias con substancias perigosas, para voluntarios de PC

2348: intervención en emerxencias con substancias perigosas

1

80

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Actuación en sucesos por fenómenos naturais, vendavais, inundacións, riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros, para voluntarios de PC

2349: actuación en sucesos por fenómenos naturais, vendavais, inundacións, riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros

1

50

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Apeos, apuntalamentos e saneamentos, para voluntarios de PC

2350: apeos, apuntalamentos e saneamentos

1

80

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)

Achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións, para voluntarios de PC

2351: Achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións

1

60

16

Por determinar

Agasp (A Estrada)