Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 25 de agosto de 2015 Páx. 34749

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Vimianzo 220/66/20 kV-ampliación 2 liñas 66 kV, situada no termo municipal de Vimianzo (expediente IN407A 2015/029-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación en avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A subestación Vimianzo 220/66/20 kV, situada no termo municipal de Vimianzo (A Coruña), é compartida entre Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE) e Unión Fenosa Distribución, S.A., a primeira é propietaria do conxunto de instalacións de 220 kV e a segunda das instalacións de 66 e 20 kV. Esta subestación dispón na actualidade das seguintes instalacións básicas:

• Un parque de 220 kV, en configuración en barra simple, constituído por dúas posicións de liña (Mazaricos e Mesón do Vento), unha posición de trafo de potencia e unha posición de medida de tensión de barras.

• Un banco monofásico de potencia T-III con relación de transformación 220/66/10 kV e potencia 3×100 MVA, máis unha unidade de reserva das mesmas características.

• Un parque de 66 kV de distribución barra simple, formado por tres posición de liña (Pontella, Reserva e Acomplamento lonxitudinal coas barras do parque de 66 kV de xeración), dúas posicións de trafo T-I e T-II 66/20 kV, máis medida de tensión de barras.

• Un parque de 66 kV de xeración, en configuración en simple barra, constituído por catro posicións de liña (PE Zas, PE Monterredondo, Do Vilán - PE Penaforcada e Cabana) e unha posición de trafo de potencia T-III 220/66 kV, máis medida de tensión de barras.

• Dous trafos de potencia T-I e T-II con relación de transformación 66/20/10 kV e potencia 15 MVA.

• Un parque de 20 kV barra simple formado por celas compactas, constituído por cinco posicións de liña, dúas posicións de trafo T-I e T-II, unha posición de servizos auxiliares e unha posición de medida de tensión de barras.

Segundo. O 21.4.2015 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Vimianzo 220/66/20 kV-ampliación 2 liñas 66 kV», acompañada do proxecto de execución e da declaración responsable que acredita o cumprimento da normativa que lle é de aplicación.

Este proxecto de execución prevé a ampliación do parque de 66 kV da Subestación Vimianzo, mediante a instalación de dúas novas posicións de liña, 612 L/Muxía 1 e 613 L/Muxía 2, que serán dous módulos híbridos de liña PASS M00 de ABB, con acometida en subterráneo. Esta ampliación do parque de 66 kV implica a prolongación do embarrado mediante tubo de aluminio de 120/104 mm de diámetro, igual ao existente.

Terceiro. O 29.4.2015 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Vimianzo 220/66/20 kV-ampliación 2 liñas 66 kV», que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 28.5.2015 e no Boletín Oficial da provincia do 14.5.2015.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 6.7.2015 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Vimianzo 220/66/20 kV-ampliación 2 liñas 66 kV».

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Vimianzo 220/66/20 kV-ampliación 2 liñas 66 kV», situada no termo municipal de Vimianzo (A Coruña).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución SA, titulado «Subestación Vimianzo 220/66/20 kV-Ampliación 2 liñas 66 kV», asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristobal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio con nº 201404820 e data 23.12.2014; e no que figura un orzamento de 408.009,00 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas