Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 20 de agosto de 2015 Páx. 34144

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

De acordo co disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Traballo e Benestar a xestión das subvencións que desenvolven as políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a ocupabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, da Estratexia española de activación para o emprego 2014-2016, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego van encamiñadas a que os estados membros deben, para unha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecuen ás necesidades concretas de cada territorio co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices fan especial fincapé na importancia de que todas as persoas mozas desempregadas reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedaren desempregadas ou rematar a educación formal.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe una das súas principais preocupacións e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego. A mocidade galega é un dos grupos de poboación que máis se viron afectados polo proceso de destrución de emprego froito da grave crise económica que estamos a sufrir desde hai varios anos.

O alto nivel de desemprego xuvenil pon de manifesto a grave situación laboral en que se atopan os mozos e mozas, que pode ter como consecuencia unha forte desconexión do mercado de traballo e de exclusión social a longo prazo.

Neste sentido, a Estratexia de emprendemento e emprego xuvenil prevé, entre outras medidas, os incentivos á contratación coa finalidade de mellorar a ocupabilidade e a inserción profesional das persoas mozas que nin estudan, nin traballan, nin reciben formación e impedir que a situación de desemprego se prolongue no tempo, xa que deste xeito se reducen as posibilidades dunha reincorporación óptima ao mercado de traballo. Trátase, en definitiva, de prever no posible e, se é o caso, de minimizar os períodos de desemprego obxectivo de especial importancia para a xente nova.

A este obxectivo responde o Sistema nacional de garantía xuvenil regulado no título IV, capítulo I, da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

En concreto, regúlanse na presente orde os incentivos ás empresas con centros de traballo en Galicia que contraten, de xeito indefinido ou temporal, as persoas mozas desempregadas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, desde unha análise das diferentes necesidades da situación de mulleres e homes e a coordinación cos orientadores laborais contratados no marco do Programa operativo de emprego xuvenil.

As bases que rexen os programas regulados nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que a finalidade e o obxectivo último da Iniciativa xuvenil e do Programa operativo de emprego xuvenil é a mellora da empregabilidade e a inserción laboral da mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, mediante a creación de postos de traballo, polo que non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, e en particular:

– Eixo 5. Integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas nin participan en actividades de educación e formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) N 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 dos programas de incentivos á contratación por conta allea que teñen por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través dos seguintes programas:

a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) Programa de incentivos á contratación temporal das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación.

2. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

3. Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo serán de aplicación o Regulamento (CE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 341, do 20 de decembro de 2013), o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, así como a normativa estatal de subvencionabilidade dos gastos para o período 2014-2020.

4. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

2. No exercicio económico 2015, as axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.02.322C 473.3, código de proxecto 2015 00 567, cun crédito de 2.899.321,83 euros; 11.02.322C.481.4, código de proxecto 2015 00 567, cun crédito de 299.926,02 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

3. Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

4. Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos da presente orde, entenderase por:

a) Persoa moza inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil: aquela moza e mozo desempregado que, cumprindo o requisito da idade, estea inscrito no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, sen que se requira a súa inscrición como demandante de emprego, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. E aquela persoa moza que, superando a idade exixida, non sexa atendida previamente de acordo co disposto no artigo 101.4 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, deberán manter o cumprimento do requisito de non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da contratación obxecto de subvención.

Estas circunstancias serán comprobadas de oficio polo órgano instrutor e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

b) Persoa desempregada: aquela que no momento da súa contratación careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Custo salarial: importe mensual que lle vai supoñer á empresa ter unha persoa traballadora contratada. Nel están incluídos única e exclusivamente o salario bruto e os custos sociais a cargo da empresa.

d) Sectores estratéxicos: para os efectos desta orde consideraranse sectores estratéxicos os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación ambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia) e economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización).

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso salvo que neste adquirise eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 5. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar polas contratacións que se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou da persoa representante que actúe con poder suficiente.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

6. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da publicación da presente orde e rematará o 30 de setembro de 2015.

7. Se a contratación subvencionable se formalizou entre o 1 de outubro de 2014 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a entrada en vigor desta orde. Neste suposto entenderase como ultimo día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación desta orde. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro dia hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

8. As axudas establecidas nesta orde polas contratacións subvencionables formalizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral e, en todo caso, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2015 establecido no punto 6.

9. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web do Programa de garantía xuvenil: http://garantiaxuvenil.xunta.es , na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es , e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es .

10. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Para estes efectos, o modelo de solicitude (anexo I e anexo II-A) inclúe a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberá achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas bases reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación das solicitudes de axudas desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a lopd.traballo@xunta.es

Artigo 9. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, o Servizo de Traballo e Economía Social.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

4. Cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda, entenderase que a empresa desiste da súa solicitude. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

Artigo 10. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola correspondente intervención da proposta emitida polo correspondente servizo instrutor, a resolución ditaraa o órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar e seralle notificada á persoa interesada. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de cinco meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo e á Iniciativa de emprego xuvenil, con concreción do obxectivo temático, prioridade de investimento e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Dado que a subvención está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e pola Iniciativa de emprego xuvenil, na resolución de concesión informarase a persoa ou entidade beneficiaria que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, en relación co artigo 115.2. da mesma norma xurídica.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 12. Incompatibilidades e concorrencia

1. Os incentivos establecidos para cada modalidade de contratación recollidos nesta orde son incompatibles entre si. Para o caso de que unha mesma contratación poida dar lugar á súa inclusión en máis dun dos supostos para os que está prevista a subvención, correspóndelle a opción á persoa solicitante.

2. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE.

b) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de levar unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os ingresos da subvención.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e pola Iniciativa de emprego xuvenil, as persoas ou entidades beneficiarias deberán manter unha pista de auditoria suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

f) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar. Neste sentido, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o establecido no artigo 10.5 desta orde.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo e pola Iniciativa de emprego xuvenil

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e a Iniciativa de emprego xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil do período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

O incumprimento pola entidade beneficiaria das obrigas de información e publicidade establecidas terá como consecuencia o reintegro parcial do 2 % da contía da subvención percibida.

Así mesmo, informaranse as persoas destinatarias de que as actuacións nas cales participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar), pola Iniciativa de emprego xuvenil e polo Fondo Social Europeo, así como dos obxectivos dos fondos, e os emblemas figurarán, como mínimo, nesta comunicación.

b) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 15. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos programas desta orde.

2. As obrigas de reintegro establecidas nesta orde entenderanse sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. Procederá, así mesmo, a perda do dereito ao cobramento da subvención ou o reintegro nos casos previstos para cada programa concreto nos artigos 26 e 34 desta orde.

Artigo 16. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe, o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 17. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración de Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 18. Réxime de axudas

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 1379/2013 do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

CAPÍTULO II
Programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas mozas
inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil

Artigo 19. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas realizadas desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015 formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

2. Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo-descontinuo, que realicen as empresas e as entidades empregadoras con persoas mozas desempregadas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Artigo 20. Requisitos

1. A persoa moza pola que se solicita a subvención debe estar inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregada na data da súa contratación indefinida e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da contratación.

2. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

3. Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

4. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras fixas cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

No caso de que no mes anterior á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

5. A xornada da contratación indefinida inicial a tempo parcial deberá ser como mínimo do 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.

6. As contratacións polas cales se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 21. Contías dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 7.000 euros. Esta contía incrementarase en 600 euros no suposto de que a persoa contratada sexa muller, persoa discapacitada ou unha persoa en que concorra algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos segundo se define no artigo 3 desta orde, a contía do incentivo será de 8.200 euros.

2. A contía dos incentivos será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

3. Os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

Artigo 22. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 30 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23. Solicitudes e documentación

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I-A, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

1. No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante e/ou da persoa representante da entidade no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.

Se o solicitante é persoa xurídica, NIF da empresa no caso de non presentar a autorización para a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude, e poder suficiente para actuar en nome da entidade.

2. Declaración do cadro de persoal, neto e fixo, de todos os centros de traballo da empresa en Galicia no mes anterior ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola que se solicita subvención (anexo I-B).

3. Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo I-C) e a nómina do mes de contratación.

4. Documentos TC2 correspondentes á mensualidade anterior ao mes de realización da contratación e, se é o caso, documentos TC2 correspondentes á mensualidade da contratación obxecto de solicitude de subvención.

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 20.4 desta orde.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación, no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, entre a cal deberá figurar:

a) Documento TC2 correspondente á mensualidade da contratación obxecto de subvención.

b) Cumprimento por parte da empresa da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento comunitario da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo I-E.

c) Declaración complementaria da presentada coa solicitude, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo I-D.

d) Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas de información e publicidade a que se refire o artigo 14.2.a) desta orde.

e) Información dos indicadores de execución sobre as entidades e os participantes aos que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa de garantía xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es ).

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual á anterior, e a persoa traballadora substituta deberá estar inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da substitución obxecto de subvención. Esta substitución deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa subvencionada. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

Ambas as circunstancias, que deben concorrer na persoa traballadora substituta, serán comprobadas de oficio polo órgano instructor e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

2. Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento desta obriga, corresponderá á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.

Para iso, o beneficiario está obrigado a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, as nóminas das 24 mensualidades correspondentes a cada traballador subvencionado.

3. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador a que se refire o parágrafo 1 anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 26. Reintegro

Procederá o reintegro da axuda cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 25.1 deste capítulo, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa ou se substitúa cunha persoa que non esta inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil, e o reintegro parcial que procederá nos seguintes casos:

a) Se se efectuou a substitución pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que hai que reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes no cal aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivera vacante.

b) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita polo menos cunha xornada de traballo igual á da persoa que causou baixa, ou no suposto dunha modificación da xornada de traballo da persoa contratada e subvencionada.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior e o cálculo da contía que hai que reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que lle correspondería en función da nova xornada de traballo e divídese entre vinte e catro meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses con xornada inferior, sexa cal sexa o día de dito mes en que aquela se realice.

CAPÍTULO III
Programa de incentivos á contratación temporal de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación en contrato indefinido

Artigo 27. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións de carácter temporal realizadas desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015 formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, así como as súas transformacións en contratos indefinidos.

Artigo 28. Requisitos

1. Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo, agás o contrato temporal para a formación e aprendizaxe, que se realicen con persoas mozas desempregadas, que non tiveran traballado nos trinta días naturais anteriores á data da contratación, e inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

2. Os contratos temporais terán unha duración mínima inicial superior a 6 meses, agás o contrato en prácticas que, conforme o artigo 11 do Estatuto dos traballadores, terá unha duración inicial mínima de 12 meses.

3. Como consecuencia da contratación temporal pola que se solicita a subvención ten que incrementarse o emprego neto da entidade solicitante no ámbito territorial de Galicia respecto ao mes anterior ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal non se computarán as persoas traballadoras cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

4. No suposto de transformación dun contrato temporal subvencionado en indefinido, aplicaranse as normas do capítulo II da presente orde.

5. As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 29. Contías dos incentivos

1. A contía da axuda calcularase do seguinte xeito:

i. 200 euros por cada un dos seis primeiros meses completos da duración do contrato. Esta contía incrementarase en 20 euros mensuais no suposto de que a persoa contratada sexa muller, persoa discapacitada ou unha persoa en que concorra algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos segundo se define no artigo 3 desta orde, a contía do incentivo incrementarase ata 50 euros por mes completo de contratación.

ii. 300 euros por cada unha das seguintes mensualidades completas da duración do contrato e ata un máximo de seis. Esta contía incrementarase en 30 euros mensuais no suposto de que a persoa contratada sexa muller, persoa discapacitada ou unha persoa na cal concorra algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos segundo se define no artigo 3 desta orde, a contía do incentivo incrementarase ata 50 euros por mes completo de contratación.

2. Os contratos en prácticas incentivaranse cunha axuda de 3.600 euros. Esta contía incrementarase en 300 euros no suposto de que a persoa contratada sexa muller.

No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos segundo se define no artigo 3 desta orde, a contía do incentivo será de 4.200 euros.

3. A contía dos incentivos será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

4. A transformación de contratos temporais en indefinidos incentivarase con 2.500 euros. No caso de que a transformación do contrato temporal en indefinido sexa realizada por unha empresa pertencente a un sector estratéxico segundo se define no artigo 3 desta orde, a contía do incentivo será de 3.700 euros.

Se a transformación se produce con anterioridade ao remate da duración inicial dun contrato temporal xa subvencionado, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

O cálculo da contía que hai que minorar da subvención que lle correspondería á transformación farase do seguinte xeito:

i. Divídese a subvención concedida polo contrato temporal entre o número de meses de duración deste contrato.

ii. Calcúlase o número de meses que resta para o cumprimento do contrato temporal, a partir da data da transformación do contrato temporal en indefinido.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses que restan por cumprir do contrato temporal. A contía resultante descontarase do importe total da subvención que corresponde á transformación, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a transformación do contrato en indefinido non será computado para efectos da compesación, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

5. Os beneficios establecidos á contratación neste programa non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60 % do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención.

Artigo 30. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 30 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 31. Solicitudes e documentación

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo II-A, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

1. No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante e/ou da persoa representante da entidade no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.

Se o solicitante é persoa xurídica, NIF da empresa no caso de non presentar a autorización para a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude, e poder suficiente para actuar en nome da entidade.

2. Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia no mes anterior ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada, segundo o modelo do anexo II-B.

3. Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se solicita na que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II-C e a nómina do mes de contratación.

4. Documentos TC2 correspondentes á mensualidade anterior ao mes de realización da contratación e, se é o caso, documentos TC2 correspondentes á mensualidade da contratación obxecto de solicitude de subvención.

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 28, punto 3.

Artigo 32. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación, no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, entre a cal deberá figurar:

a) Documento TC2 correspondente á mensualidade da contratación obxecto de subvención.

b) Cumprimento por parte da empresa da obriga de informar as persoas traballadoras subvencionadas acerca do financiamento comunitario da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo II-E.

c) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude, segundo o modelo do anexo II-D.

d) Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas de información e publicidade a que se refire o artigo 14.2.a) desta orde.

e) Información dos indicadores de execución sobre as entidades e os participantes aos cales se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa de garantía xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es ).

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 33. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período de duración do contrato obxecto de subvención.

No suposto de extinción da relación laboral dunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación temporal, polo menos cunha xornada de traballo en tempo de dedicación igual á anterior, e a nova persoa traballadora deberá estar inscrita no Sistema nacional de garantía xuvenil e non ter traballado nos 30 días naturais anteriores á data da substitución. Esta substitución deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

Ambas as circunstancias serán comprobadas de oficio polo órgano instrutor e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

2. Unha vez finalizado o período de cumprimento desta obriga, corresponderá á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.

3. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador a que se refire o parágrafo 1 anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 34. Reintegro

1. Entenderase que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procederá o reintegro parcial das axudas cando a persoa traballadora non sexa substituída pola empresa unha vez que transcorrera a duración mínima do contrato para que este poida ser subvencionado. O cálculo da contía que se reintegrará farase en función dos meses en que a persoa traballadora estivo na empresa en relación coa duración total do contrato obxecto de subvención.

2. Entenderase que se produce un incumprimento total e, polo tanto, procederá o reintegro total dos incentivos cando a persoa traballadora subvencionada cese na súa relación laboral antes de que transcorra o período mínimo de subvención e a empresa non proceda a substituíla.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das cales derivan, ditadas por delegación da conselleira.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social as atribucións citadas no parágrafo anterior será exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación ou, na súa falta, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file