Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 17 de agosto de 2015 Páx. 33729

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2015 pola que se delegan competencias en materia de desafiuzamentos nos xefes das áreas provinciais.

O Decreto 97/2014, do 24 de xullo (DOG do 5 de agosto), fixou a nova estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo e atribuíulles, no seu artigo 21.1, aos xefes das áreas provinciais do IGVS, entre outras, as funcións que lles sexan delegadas de acordo coas súas funcións.

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia (DOG do 24 de xullo), regula no seu artigo 81 e seguintes o desafiuzamento administrativo como unha potestade da Administración sobre as vivendas protexidas. Regúlanse como causas do seu inicio, entre outras, o impagamento das rendas pactadas así como non destinar a vivenda a domicilio habitual e permanente. A competencia está regulada no artigo 85, que establece que lle corresponde ao director ou directora do IGVS a competencia para incoar e resolver os procedementos de desafiuzamentos, designar a persoa instrutora e secretaria, así como as persoas que deban levar a cabo o lanzamento, e acordar o precinto cautelar.

A xestión desenvolvida no IGVS fai preciso, de cara a unha maior axilidade, delegar parte desta competencia do director xeral do IGVS nos xefes das áreas provinciais, o que permitirá a axilización administrativa, dentro do rigoroso respecto ás garantías xurídicas.

En consecuencia, visto o disposto nos artigos 10 e 11 c) da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e no Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, así como no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Primeiro. Delegar nos xefes das áreas provinciais do IGVS as competencias seguintes:

a) Incoar os procedementos de desafiuzamento administrativo de acordo coas causas taxadas reguladas no artigo 81.1 da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia.

b) Designar as persoas instrutoras e secretarias do expediente, así como as que deban levar a cabo o lanzamento.

c) Acordar o precinto cautelar, no caso de que se considere necesario.

Segundo. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Terceiro. En calquera momento, o director xeral poderá reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta resolución.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2015

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo