Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 10 de agosto de 2015 Páx. 32779

IV. Oposicións e concursos

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2015 pola que se anuncia a convocatoria dun posto de persoal directivo (director/a de Profesionalización).

En virtude do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, ao cal, de acordo co artigo 29 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, lle corresponde a dirección da Área do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e da Área de Formación Continua e Consultoría da Axencia.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Terceiro. Contra a presente resolución os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a directora da Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou poderá impugnar directamente perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2015

María Nava Castro Domínguez
Director da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Código: PX.A20.00.005.15770.001

Denominación do posto: director/a de Profesionalización.

Dependencia: Axencia Turismo de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de galicia.

Directivo do grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: alta dirección/laboral

ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de director/a de Profesionalización da Axencia Turismo de Galicia

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a de Profesionalización da Axencia Turismo de Galicia.

2. Vínculo.

O vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

O/a director/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades de persoal ao servizo das administracións públicas.

3. Funcións do/da director/a.

Son funcións propias do/da director/a as establecidas no artigo 29 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

4. Requisitos dos/das aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter cumpridos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario/a, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían, no caso de persoal laboral, no que fose separado/a ou inhabilitado/a.

f) Estar en posesión dunha titulación superior universitaria de: licenciado/a ou graduado/a en titulacións vinculadas ao sector turístico ou agroalimentario.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

5. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Turismo de Galicia (praza de Mazarelos, nº 15, Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso deberá remitirse por fax ao seguinte número: 981 95 73 80, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Na solicitude os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras, e ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Turismo de Galicia para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Coa solicitude tamén deberá relacionar de forma individualizada cada un dos méritos que aleguen e presentar a documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

Así mesmo, coa solicitude terá que achegarse o plan de actuación (recollido no punto 8 das presentes bases) en soporte papel e en formato electrónico.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e será responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para a presentación de solicitudes será de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Turismo de Galicia ditará resolución en que se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web da Axencia Turismo de Galicia e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Todas as publicacións referidas a esta convocatoria faranse ademais no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia.

7. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado por resolución da directora da Axencia Turismo de Galicia e será constituído unha vez publicada na web da Axencia Turismo de Galicia a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

8. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.

1ª fase: baremación de méritos alegados e valoración dun plan de actuación da Dirección de Profesionalización.

A puntuación máxima é de 90 puntos conforme a seguinte distribución:

1.1. Méritos cunha puntuación máxima de 60 puntos.

1.2. Plan de actuación da Dirección de Profesionalización cunha puntuación máxima de 30 puntos.

1.1. A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

1.1.1. Formación, puntuación máxima de 20 puntos.

– Estar en posesión dun doutoramento ou unha segunda licenciatura/grado universitario vinculadas o sector turístico ou agroalimentario impartidos por centros oficias de titularidade pública ou privada homologadas.10 puntos.

– Dominio de idiomas estranxeiros, acreditado mediante titulacións expedidas por organismos oficiais, ata un máximo de 10 puntos.

Inglés: 6 puntos.

Outros: 2 puntos por cada un.

Outórgase maior puntuación ao dominio do inglés, posto que é o idioma máis utilizado no ámbito turístico internacional.

1.1.2. Experiencia cunha puntuación máxima de 40 puntos.

– Por experiencia laboral de cando menos dous anos en tarefas de dirección en materia de marketing, comunicación e comercio exterior enfocada a sectores agroalimentarios e turísticos con polo menos unha experiencia laboral internacional: 5 puntos por cada ano a partir do segundo ata un máximo de 15.

– Por experiencia laboral de cando menos dous anos en tarefas de deseño e implantación de plans de actuación enfocada a sectores agroalimentarios e turísticos: 5 puntos por cada ano a partir do segundo ata un máximo de 15.

– Por experiencia laboral de cando menos dous anos na xestión e tramitación de axudas públicas: 5 puntos por cada ano a partir do segundo ata un máximo de 10.

1.2. Plan de actuación para a Dirección de Profesionalización, cunha puntuación máxima de 30 puntos.

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación en que se recolla a estratexia que se desenvolvería na Dirección de Profesionalización da Axencia Turismo de Galicia a medio prazo. Este plan deberá conter as principais accións que se poñerían en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se aplicaría.

O plan non poderá superar os 50 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades de Turismo de Galicia.

• Viabilidade, entendida como unha adecuada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se xulgan para acadalos.

• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sostidos no tempo.

• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto .

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

• Contido innovador do plan proposto, valorando a novidade do proxecto e a súa potencial achega inspiradora para futuras iniciativas.

Para procederse á valoración do plan de actuación (número 1.2), o/a candidato/a deberá obter cando menos 35 puntos puntos na parte de méritos (1.1).

Para acceder á 2ª fase do proceso selectivo, o/a candidato/a deberá obter cando menos unha puntuación total de 55 puntos na 1ª fase. Calquera candidato/a cunha puntuación inferior á sinalada, será excluído/a do procedemento de selección.

O tribunal de selección disporá da facultade de non convocar á defensa do plan de actuación (2ª fase) aqueles/as candidatos/as que, aínda superando os 55 puntos exixidos na 1ª fase, dispoñan dunha puntuación cuxo valor numérico imposibilite matematicamente ser seleccionado/a en relación co resto de candidatos/as.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Turismo de Galicia e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución aprobando a lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Turismo de Galicia..

Os/as candidatos/as que superen a 1ª fase do procedemento selectivo serán convocados nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas baremacións definitivas para a defensa dos plans de actuacións.

2ª fase: defensa do plan de actuación da Dirección de Profesionalización.

A puntuación máxima correspondente a esta fase é de 10 puntos.

A data e lugar establecidos para a defensa dos plans de actuacións serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Axencia Turismo de Galicia con corenta oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder a todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

9. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos e valoración do plan de actuación; 2º defensa do plan de actuación).

De persistir o empate, resolverase a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación na parte de experiencia laboral. Se aínda así persiste o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia as puntuacións obtidas polos aspirantes con indicación do candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días, desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará á directora da Axencia Turismo de Galicia a proposta a favor do/da aspirante que obteña a maior puntuación. O nomeamento corresponde ao Consello Reitor da Axencia Turismo de Galicia por proposta motivada da Dirección.

De non se presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da directora da Axencia Turismo de Galicia que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

10. Forma de acreditación e valoración dos méritos.

A formación acreditarase mediante a presentación de fotocopia cotexada dos títulos ou certificados correspondentes.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos se se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público, se é o caso. Ademais, o/a aspirante deberá anexar un certificado de tarefas así como calquera outro documento que permita acreditar o cumprimento dos méritos asociados á experiencia laboral.

O tribunal non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.