Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 7 de agosto de 2015 Páx. 32694

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación da Pobra de Trives (Ourense), promovido pola empresa Repsol Butano, S.A. (expediente IN627A 2014/10-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Repsol Butano, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Enrique Mariñas Romero, 36, 2º andar, oficina 1, 15009 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 14.11.2014 a empresa Repsol Butano, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no termo municipal da Pobra de Trives (Ourense), así como a aprobación do correspondente proxecto de execución.

Segundo consta no proxecto presentado, cuxo orzamento ascende a 112.628,56 €, as características básicas das instalacións son as seguintes:

• A estación de almacenamento instalarase nunha parcela (referencia catastral: 4392012PG4349S0001ZE) situada nas proximidades da avenida Otero Pedrayo, no núcleo de poboación da Pobra de Trives. Terá unha capacidade de almacenamento de 67,2 m3 e estará composta por dous depósitos aéreos, cunha capacidade unitaria de 33,6 m3, e demais instalacións complementarias de válvulas, regulación e seguridade. As características fundamentais de cada depósito son:

– Marca: LAPESA.

– Modelo: LP 34 A.

– Forma: cilíndrica horizontal.

– Tipo: aéreo.

– Capacidade: 33.600 l.

– Lonxitude: 14.580 mm.

– Diámetro: 1.750 mm.

– Contido: 14.112 kg de propano.

– Presión de deseño: 20 bar.

• A rede de distribución, que partirá da estación de almacenamento, deseñarase para unha presión máxima de operación de 2 kg/cm2, estará formada por tubaxe de polietileno de media densidade SDR-11, en diámetros de 90, 63 e 40 mm, e terá unha lonxitude de 2.947 m. Así mesmo, deseñarase para admitir a distribución tanto de gas propano comercial como de gas natural.

Segundo. O 15.12.2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.1.2015 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Repsol Butano, S.A.

Terceiro. O 23.3.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación da Pobra de Trives (Ourense), promovida pola empresa Repsol Butano, S.A. (expediente IN627A 2014/10-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27.4.2015, no Boletín Oficial da provincia do 21.4.2015 e nos xornais La Voz de Galicia do 1.4.2015 e La Región do 31.3.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Pobra de Trives entre o 27 de marzo e o 21 de abril de 2015.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución, presentouse un escrito de alegacións, por parte de María de la Paz Guerra Rodríguez (como propietaria do predio e do inmoble situado no nº 14 da rúa Eumenio Ancochea), do que se deu traslado á empresa Repsol Butano, S.A., quen presentou a súa contestación ao respecto. Neste escrito de alegacións, a alegante manifesta a súa oposición á instalación do centro de almacenamento na parcela proxectada, con base nas seguintes argumentacións: a súa instalación proxéctase en zona urbana, estremeira con predios particulares, edificios, así como cun centro cívico e cerca dun colexio; non se cumpren as distancias de seguridade establecidas legalmente na norma UNE 60250; non se cumpren as distancias fixadas nas disposicións legais e regulamentarias sobre actividades molestas ou perigosas (distancia mínima de 2.000 m a vivendas); implica unha perda de valor da súa propiedade, pola súa proximidade; e supón un perigo, debido aos riscos de fugas ou explosión, para todos os veciños.

Cuarto. O 2.6.2015 a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o dito proxecto de execución, facendo constar que non existen inconvenientes para a súa autorización.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; e no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista do escrito de alegacións presentado por María de la Paz Guerra Rodríguez, do escrito de contestación da empresa Repsol Butano, S.A. e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• En canto ás observacións relativas ao incumprimento das distancias de seguridade fixadas pola norma UNE 60250, débese indicar o seguinte:

– Segundo os planos que figuran no proxecto de execución, cúmprense as distancias a límites de propiedade e abertura de inmobles fixadas nesta norma UNE.

– A vivenda máis próxima, pertencente á alegante, está fóra destes límites de propiedade.

• En canto ás observacións relativas ao incumprimento das distancias de seguridade fixadas polas disposicións legais e regulamentarias sobre actividades molestas ou perigosas, cómpre indicar o seguinte:

– O «artigo 4. Localización. Distancias» a que se fai referencia, pertence ao Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, aprobado polo Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, e nel fíxase unha distancia mínima de 2.000 m ao núcleo máis próximo de poboación agrupada para a instalación de industrias fabrís consideradas perigosas ou insalubres.

– O centro de almacenamento de GLP non constitúe unha industria fabril.

– En calquera caso, o mencionado Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, foi derrogado na Comunidade Autónoma galega polo Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental, derrogado pola súa vez pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

• En canto ás demais observacións, hai que indicar o seguinte:

– Segundo informe dos servizos técnicos da xefatura territorial, do 2.6.2015, no proxecto de execución respectáronse os regulamentos técnicos e de seguridade que lle son de aplicación e con carácter xeral: a Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos e o Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, que aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias.

– O Concello da Pobra de Trives e a empresa Repsol Butano, S.A. subscribiron, con data 12.3.2015, un convenio para a dotación dunha instalación de subministración de gas propano por canalización neste municipio en que, entre outras cousas, establecen a instalación do centro de almacenamento na parcela en cuestión, titularidade do concello, para a cal se tramitará o correspondente expediente de cesión de uso e ocupación polo Concello a prol de Repsol Butano, S.A.. Así mesmo, o Concello declara que o dito terreo dispón de cualificación urbanística adecuada para instalar o centro de almacenamento.

Terceiro. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Logo de ver os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación da Pobra de Trives (Ourense), promovida por Repsol Butano, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora, Repsol Butano, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento desta autorización administrativa, unha fianza por valor de 2.252,57 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Repsol Butano, S.A., titulado «Proxecto de autorización administrativa e de execución de obra de estación de almacenamento de GLP e rede de distribución para a subministración de gas propano canalizado no termo municipal da Pobra de Trives (Ourense)», asinado polo enxeñeiro técnico industrial Iván Piñeiro Vázquez (colexiado nº 372 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo) e visado por este colexio co nº 1304/2014 e data 14.11.2014; e no cal figura un orzamento de 112.628,56 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución; unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas