Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 6 de agosto de 2015 Páx. 32398

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2015 para o desenvolvemento e a promoción da tarxeta-bono Cultura Galega.

Segundo o disposto na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ésta é unha axencia pública autonómica, con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións. Conforme o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está adscrita a este departamento.

Entre os seus fins destacan a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia; impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos xeográficos, físicos, educativos, sociais ou económicos que poidan dificultar o acceso á cultura; fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega ou estreitar a coordinación entre as administracións públicas con competencias na materia e os axentes privados, de acordo cos principios de subsidiariedade e complementariedade, para aproveitar as sinerxias, incrementar a posibilidade de financiamento e conseguir unha maior calidade e eficiencia na xestión cultural.

De acordo co anterior, a Agadic pon en marcha a campaña tarxeta-bono Cultura Galega, coa que se pretende incentivar na poboación galega de 18 a 30 anos o consumo de produtos culturais galegos, concretamente libros en galego e artes escénicas representadas na nosa comunidade autónoma.

Por todo isto, e en consonancia cos obxectivos, fins e funcións da Agadic, apróbase a presente resolución para o desenvolvemento e a promoción da tarxeta-bono Cultura Galega, de acordo coas seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto

1. A campaña tarxeta-bono Cultura Galega realizada pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) ten por obxecto a subvención da compra de certos produtos culturais, entre a poboación comprendida entre os 18 e 30 anos, mediante a emisión de bonos cos cales o usuario/a se beneficiará dunha subvención para adquirir libros en galego e/ou entradas para asistir a espectáculos de artes escénicas representados na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego).

2. Cada un destes bonos concretizados nunha tarxeta(s)-bono Cultura Galega terá un prezo de venda de 33 euros e daralle ao/á portador/a un valor de 50 euros para a adquisición de libros en galego ou entradas a espectáculos de artes escénicas representados na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego) e realizados dentro da rede de establecementos adheridos á campaña.

A diferenza –subvención– de 17 euros en cada tarxeta-bono será achegada pola Agadic co obxectivo de incentivar o consumo destes produtos culturais.

Segunda. Entidade colaboradora

1. O desenvolvemento e a xestión destas axudas levaraos a cabo unha entidade colaboradora, seleccionada pola Agadic, que actuará en nome e por conta da Agadic na adxudicación das tarxetas, e coa que se subscribirá o correspondente convenio de colaboración. Unha vez asinado este convenio, farase público o nome da entidade colaboradora na páxina web da Agadic e mais na páxina www.tarxetaculturagalega.gal . A entidade colaboradora achegará unha declaración responsable de que cumpre os requisitos exixidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

2. A venda das tarxetas efectuaraa a entidade colaboradora a través da web www.tarxetaculturagalega.gal e dun teléfono 902 habilitado para a venda dos bonos. Este número de teléfono será publicado na páxina web da Agadic e mais na páxina www.tarxetaculturagalega.gal unha vez asinado o correspondente convenio de colaboración coa entidade colaboradora seleccionada. Só se poderá adquirir unha única tarxeta-bono por persoa. En tal sentido, habilitaranse os mecanismos necesarios para garantir esta condición.

Terceira. Recursos económicos

1. O importe económico destinado á finalidade prevista na cláusula primeira en concepto de subvención é de 99.994 euros, orzados na aplicación 09.A1.432B.780.0.

2. A citada cantidade, co axuste que puider corresponder en función do número total de tarxeta(s)-bono Cultura Galega cuxa adquisición se prevexa, será ingresada pola entidade colaboradora aos establecementos participantes a través do sistema de liquidación previsto nesta resolución.

Cuarta. Natureza das axudas

As axudas que se concedan no marco da presente campaña terán a consideración de subvencións a fondo perdido.

Quinta. Beneficiarios

1. Consideraranse beneficiarios destas axudas as persoas físicas que adquiran unha Tarxeta-Bono Cultura Galega polos medios e canles establecidos na cláusula segunda, parágrafo 3, da presente resolución, e comprendidas entre as idades de 18 a 30 anos.

2. Para a adquisición dos produtos subvencionables será precisa a presentación por parte do beneficiario de documento acreditativo da súa identidade. Os beneficiarios quedarán sometidos ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexta. Produtos subvencionables

As tarxetas do presente programa servirán como medio de pagamento para mercar os seguintes produtos culturais:

– Libros escritos en galego, en papel, incluíndo traducións doutras linguas ao galego.

– Entradas para espectáculos de artes escénicas levados a cabo na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego) e en centros adheridos á campaña.

Quedan expresamente fóra do programa, sen poderen adquirirse a través da tarxeta-bono Cultura Galega, os seguintes produtos: libros de texto e material curricular, artigos de papelaría, equipamentos, software e consumibles de informática e electrónica, xogos e videoxogos.

Sétima. Establecementos participantes

1. Poderán adherirse ao programa tarxeta-bono Cultura Galega, aceptando esta como medio de pagamento, aqueles establecementos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia de que sexan persoas físicas ou xurídicas, cumpran os seguintes requisitos:

a) Sexan establecementos mercantís de libre acceso ao publico, dedicados fundamentalmente á venda de libros (pemes e grandes empresas) ou de espectáculos escénicos (teatro, danza, música...), con independencia da súa titularidade pública ou privada.

b) Dispoñan de acceso á internet no punto de venda.

2. O número máximo de establecementos que poderán adherirse a este programa é de 180 e as solicitudes resolveranse por orde de entrada.

Oitava. Procedemento de adhesión. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, así como a solicitude (anexo I) e a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e seran debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

4. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. O dito prazo poderá ser obxecto de prórroga mediante a oportuna resolución da Agadic, que deberá ser publicada no DOG.

5. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos solicitados, requirirase o interesado por escrito para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue a documentación preceptiva coa indicación de que se así non o fixer, se dará por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

6. A Dirección da Agadic resolverá o procedemento de adhesión e notificaralles aos solicitantes a resolución no prazo máximo dun mes desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Aos establecementos adheridos facilitaráselles a documentación necesaria e o material promocional da campaña. A súa notificación cursarase no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da súa adopción. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se ditase ou publicase resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo de conformidade co previsto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

7. A listaxe dos establecementos adheridos ao programa tarxeta-bono Cultura Galega publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no portal:

www.tarxetabonoculturagalega.gal

Novena. Obrigas do establecemento adherido

O establecemento adherido á campaña Tarxeta-Bono Cultura Galega adquirirá as seguintes obrigas:

a) Aceptar a tarxeta Cultura Galega como medio de pagamento, exclusivamente para os produtos descritos na cláusula sexta. No suposto de que a tarxeta non sexa suficiente para cubrir o prezo establecido, a persoa beneficiaria deberá completar a diferenza en metálico ou con calquera medio de pagamento aceptado polo establecemento adherido.

b) Comprometerse á recepción e colocación dos materiais publicitarios nun lugar visible do establecemento durante a vixencia da campaña e informar de xeito gratuíto os beneficiarios.

c) A non devolución aos compradores da diferenza entre a compra e o valor do bono.

d) No suposto de devolución do produto adquirido empregando a tarxeta-bono, o importe correspondente será reintegrado na propia tarxeta, de estar dentro do prazo de vixencia desta. En caso contrario, o establecemento devolverá a cantidade aboada polo comprador de acordo coas normas mercantís vixentes, esta operación non poderá xustificar o pagamento do importe da subvención que, de ser o caso, lle correspondería.

e) Poderá recibir chamadas de verificación do funcionamento da campaña, así como do relativo a todo o proceso de xestión e desenvolvemento do proxecto.

f) Solicitar a exhibición do NIF dos compradores/as que utilicen a tarxeta-bono Cultura Galega nos establecementos adheridos para comprobar a identidade do beneficiario e que a súa idade se atopa comprendida entre os 18 e 30 anos.

g) Os establecementos adheridos dedicados á venda de libros estarán obrigados a aplicar un desconto adicional do 10 % do prezo de venda ao público das publicacións vendidas dentro deste programa.

h) O emprego da tarxeta-bono Cultura Galega é compatible con cantos outros descontos, ofertas ou vantaxes se apliquen por parte dos establecementos por aplicación doutros plans, programas, acontecementos ou calquera outro motivo.

Décima. Vixencia do programa

1. A validez da tarxeta-bono Cultura Galega limitarase en exclusiva ao ámbito territorial de Galicia e estenderá a súa aplicación conforme os seguintes prazos:

a) As tarxetas-bono poderán adquirilas as persoas interesadas nos canais habilitados pola entidade colaboradora (web ou teléfono) durante o prazo dos dous meses seguintes ao da publicación da listaxe dos establecementos adheridos no Diario Oficial de Galicia e no portal www.tarxetabonoculturagalega.gal

b) As persoas que adquiran as tarxetas-bono poderán utilizalas exclusivamente nos establecementos adheridos á campaña no prazo dos dous meses seguintes ao da publicación da listaxe dos establecementos adheridos no Diario Oficial de Galicia e no portal www.tarxetabonoculturagalega.gal

c) Unha vez transcorrido o dito prazo perderán a súa validez como medio de pagamento. As cantidades económicas non gastadas das tarxetas perderanse no caso de non ser consumidas durante o período habilitado para o seu uso.

2. A Agadic, se circunstancias de interese público ou razóns organizativas así o aconsellasen, poderá modificar estas datas mediante resolución motivada e dándolle a oportuna publicidade no Diario Oficial de Galicia e no portal www.tarxetabonoculturagalega.gal

Undécima. Procedemento de liquidación das tarxetas recibidas polos establecementos participantes

1. A liquidación das cantidades que as persoas usuarias das tarxetas van gastando será efectuada cunha periodicidade mensual. Para isto, emitirá unha liquidación a entidade colaboradora citada na cláusula segunda da presente resolución, o establecemento participante na campaña poderá acceder á dita liquidación e efectuar as comprobacións e rectificacións que considere pertinentes de acordo cos documentos xustificativos das operacións realizadas. A seguir, a entidade colaboradora ingresará as cantidades resultantes no número de conta facilitado por cada establecemento asociado, salvo o caso de que o establecemento adherido manifeste expresamente a súa desconformidade coa liquidación efectuada.

2. Estes pagamentos realizaranse ata o remate da campaña, liquidando todas as cantidades correspondentes aos gastos efectivamente realizados polos usuarios da(s) tarxeta(s) Cultura Galega durante a vixencia do programa, de forma proporcional á contía da subvención. Logo da dita data, as cantidades non consumidas polos usuarios das tarxetas perderanse e compensaranse coas cantidades liquidadas pola entidade colaboradora.

3. Unha vez efectuadas por parte da entidade colaboradora as liquidacións mensuais aos establecementos participantes, a Agadic, tras a presentación da documentación xustificativa correspondente por parte da entidade colaboradora, efectuaralle as correspondentes liquidacións á entidade colaboradora.

Esta documentación será a seguinte:

– Memoria económica, con desagregación e explicación de cada unha das liquidacións efectuadas polos establecementos asociados.

– Xustificantes das transferencias realizadas aos establecementos adheridos.

4. Unha vez finalizada a vixencia do programa, e como máximo ata o 31 de decembro de 2015 inclusive, a entidade colaboradora presentará na Agadic a liquidación final co importe a que ascenderon as axudas liquidadas, mediante a presentación da seguinte documentación:

– Memoria descritiva das actividades desenvolvidas.

– Memoria económica, con desagregación e explicación de cada unha das liquidacións efectuadas polos establecementos adheridos.

– Xustificantes das transferencias realizadas aos establecementos adheridos.

– Relación de suxeitos a que se lle expediu a tarxeta, na cal consten, como mínimo, os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, data de nacemento, data de expedición da tarxeta.

Duodécima. Inspección e incumprimentos

A Agadic, como responsable do programa, resérvase o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos e verificar o correcto desenvolvemento do presente programa de axudas.

Así mesmo, o presente programa queda suxeito ás actuacións de comprobación da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e/ou do Consello de Contas, conforme a súa normativa.

No suposto de que se operase algún incumprimento das obrigas establecidas na presente resolución por parte dos establecementos adheridos, a Agadic poderá cancelar a adhesión destes á campaña tarxeta-bono Cultura Galega e comunicarlle tal circunstancia á entidade financeira colaboradora, co fin de impedir o troco das tarxetas-bono.

Décimo terceira. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.es

O uso do dito ficheiro circunscríbese exclusivamente á xestión do programa de tarxetas-bono promovido pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e poderá ser cedido á entidade colaboradora exclusivamente para a realización das funcións encomendadas polo correspondente convenio, a cal actuará como encargada do tratamento de datos durante a vixencia do programa e só para efectos deste.

Décimo cuarta. Recursos

As resolucións ditadas pola Dirección da Agadic derivadas do presente programa non porán fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso de alzada ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

A presente resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2015

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

missing image file