Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 6 de agosto de 2015 Páx. 32409

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2015 pola que se convocan cursos para persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito, con data do 2 de xaneiro de 2015, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse cursos de aplicacións informáticas para persoal da Administración local de Galicia.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria de cursos para persoal da Administración local de Galicia que figuran no anexo II, que se deberá desenvolver segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Persoal ao servizo da Administración local de Galicia e, en caso de vacante, persoal de Administración autonómica e estatal, que se atopen en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúna os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.es > .

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es> .

Cuarta. Criterios de selección

1. Con carácter xeral, darase prioridade no proceso de selección dos participantes aos solicitantes que presten servizos na Administración local da provincia de Ourense.

2. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no ordinal segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2015, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG do 11 de febreiro), comezarase pola letra S.

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

O enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es> .

O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

a) As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia:

Deberá xustificarse documentalmente ante os responsables das probas das actividades formativas nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización das probas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os alumnos deberán responder de forma correcta un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas e o horario en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación. As datas e o lugar de realización desta serán os indicados no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV15028.

Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (contorno Windows).

1. Obxectivos.

Realizar unha aproximación ao funcionamento dos sistemas operativos, redes intranet e internet e xestores de correo electrónico no contorno Windows.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local de Galicia e, no caso de vacantes, persoal da Administración autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Datas: do 14 setembro ao 14 de outubro de 2015.

Sesións presenciais: 14 de setembro e 14 de outubro de 2015; presentación e proba final.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3, Ourense).

Prazas: 20.

4. Contido.

• Módulo 1 - Introdución ao ordenador (hardware e software).

• Módulo 2 - Utilización básica do sistema operativo.

• Módulo 3 - Personalizar o contorno.

• Módulo 4 - Introdución a internet.

• Módulo 5 - Navegación pola World Wide Web.

• Módulo 6 - Utilización e configuración do correo electrónico.

• Módulo 7 - Transferencia de ficheiros FTP.

Código: CV15029.

Aplicacións informáticas de tratamento de textos (Microsoft Word 2010).

1. Obxectivos.

Coñecer a aplicación informática de tratamento de textos Microsoft Word 2010 e o seu manexo.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local de Galicia e, no caso de vacantes, persoal da Administración autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Datas: do 26 de outubro ao 25 de novembro de 2015.

Sesión presenciais: 26 de outubro e 25 de novembro de 2015; presentación e proba final.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3, Ourense).

Prazas: 20.

4. Contido.

• Módulo 1 - Introdución a Word.

• Módulo 2 - Formatado de texto e páxina.

• Módulo 3 - Inserción de imaxes e táboas.

• Módulo 4 - Combinar correspondencia.

• Módulo 5 - Revisión, coautoría e control de cambios de documentos.

Código: CV15030.

Aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Office 2010).

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecemento práctico avanzado na folla de cálculo Excel.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local de Galicia e, no caso de vacantes, persoal da Administración autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 50 horas.

Datas: do 7 de setembro ao 15 de outubro de 2015.

Sesións presenciais: 7 de setembro e 15 de outubro de 2015; presentación e proba final.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3 Ourense).

Prazas: 20.

4. Contido.

• Módulo 1 - Introdución a Excel.

• Módulo 2 - Follas de datos. Celas e rangos.

• Módulo 3 - Formatados.

• Módulo 4 - Fórmulas e funcións.

• Módulo 5 - Imaxes e obxectos.

• Módulo 6 - Gráficas.

• Módulo 7 - Traballo con datos.

• Módulo 8 - Macros e modelos.

• Módulo 9 - Impresión.

• Módulo 10 - Utilidades de Excel.

Código: CV15031.

Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (Microsoft Office 2010).

1. Obxectivos.

Proporcionar uns coñecementos introdutorios no manexo do xestor de bases de datos relacionais.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local de Galicia e, no caso de vacantes, persoal da Administración autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 50 horas.

Datas: do 19 de outubro ao 26 de novembro de 2015.

Sesións presenciais: 19 de outubro e 26 de novembro de 2015; presentación e proba final.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3, Ourense).

Prazas: 20.

4. Contido:

• Módulo 1 - Introdución ás bases de datos e a Microsoft Access 2010.

• Módulo 2 - Bases de datos avanzadas.

• Módulo 3 - Formularios en Microsoft Access 2010.

• Módulo 4 - Consultas en Microsoft Access 2010.

• Módulo 5 - Informes en Microsoft Access 2010.

Código: CV15032.

Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información (Microsoft Powerpoint 2010).

1. Obxectivos.

Coñecer a aplicación informática para presentacións: gráficas de información Microsoft Powerpoint 2010 e o seu manexo.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local de Galicia e, no caso de vacantes, persoal da Administración autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Datas: do 30 de novembro ao 30 de decembro de 2015.

Sesión presenciais: 30 de novembro e 30 de decembro de 2015; presentación e proba final.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3, Ourense).

Prazas: 20.

4. Contido:

• Módulo 1 - Coñecendo o Powerpoint.

• Módulo 2 - Presentación de información.

• Módulo 3 - Decorando as presentación.

• Módulo 4 - Efectos especiais e publicación.