Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 5 de agosto de 2015 Páx. 32255

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2015 pola que se convoca o Curso superior de técnico de urbanismo 2015/16.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o Curso superior de técnico de urbanismo 2015/16, ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre ambos.

1. Obxectivos.

O curso ten como obxectivo que os alumnos adquiran os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que os capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para ese efecto, partirase da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que se fai imprescindible no ámbito da ordenación do territorio e do urbanismo.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

– Módulo I: a escala territorial (56 horas teóricas e 56 horas prácticas).

– Módulo II: o plan urbanístico (36 horas teóricas e 36 horas prácticas).

– Módulo III: xestión e disciplina urbanística (60 horas teóricas e 44 horas prácticas).

3. Prazas: 40.

4. Destinatarios.

O curso está dirixido a aqueles profesionais que se encadren nalgunha das situacións seguintes:

4.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

4.3. Ser arquitecto colexiado no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

4.4. Persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente, así como os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitectos, enxeñeiros, arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos.

Este curso valorarase con 1,5 puntos a aqueles/as alumnos/as que fosen considerados aptos á súa finalización e, polo tanto, teñan dereito a certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

5. Matrícula.

5.1. Importe:

5.1.1. O importe da matrícula é de tres mil euros (3.000 euros), salvo o indicado no punto seguinte:

5.1.2. Terán un réxime bonificado, correspondéndolles un importe de matrícula de mil novecentos euros (1.900 euros), todos aqueles solicitantes que se atopen encadrados nas situacións descritas no punto 4.1 e 4.2, así como para os que, estando encadrados no punto 4.3 –arquitectos colexiados no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia– estean subscritos ao seu servizo de Formación no momento da formalización da matrícula.

5.1.3. Terán un réxime bonificado, correspondéndolles un importe de matrícula de dous mil setecentos euros (2.700 euros), os solicitantes que se atopen encadrados no punto 4.3 –arquitectos colexiados no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia– que non estean subscritos ao seu servizo de Formación no momento da formalización da matrícula.

5.2. Modalidades de pagamento:

O importe anterior poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos.

– No caso de aboar o importe completo ao formalizar a matrícula, aplicarase unha bonificación dun 5 % sobre o importe correspondente, en función do tipo de solicitante.

– No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 60 % aboarase ao formalizar a matrícula e o 40 % restante farase efectivo entre o 15 e o 30 de xaneiro de 2016.

5.3. Prazo de inscrición e documentación requirida:

O prazo para a inscrición permanecerá aberto ata o día 17 de setembro de 2015, ou ben ata que se cubran a totalidade das prazas dispoñibles. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario que para ese efecto figurará na páxina web de COAG (http://www.coag.es), na sección do curso, acreditando o aboamento da matrícula correspondente e a documentación requirida en cada caso, e que se relaciona no punto seguinte:

5.3.1. Se os solicitantes se encadran na situación descrita no punto 4.1 e 4.2, deberán presentar certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

5.3.2. Se os solicitantes se encadran na situación descrita no punto 4.4, deberán presentar orixinal ou copia debidamente cotexada da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

6. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes.

7. Publicación da lista de admitidos e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de seleccionados publicarase na páxina web do COAG (http://www.coag.es) e no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar dous traballos e superar catro exames tipo test. Un dos traballos farase en grupo e elaborarase baixo a dirección dos monitores dos talleres durante o período docente; o traballo individual tratará sobre unha materia relacionada coa actividade obxecto do curso. A proposta do titor e do título do traballo individual deberá ser aprobada previamente polos directores do curso. Ambos os traballos serán obxecto de exposición pública e o traballo individual será avaliado por un tribunal designado para o efecto.

O prazo de entrega dos traballos fixarase durante a realización do curso e será comunicado aos alumnos coa suficiente antelación. Se tras a exposición pública do traballo individual o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o alumno poderá presentar de novo o traballo unha soa vez na data que a dirección do curso lle indique.

Ao final de cada módulo os alumnos deberán superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test. Os alumnos deberán aprobar a totalidade dos exames para obter o certificado de aproveitamento. Os que non superen algún dos exames poderán presentarse unha segunda vez antes da lectura do traballo individual. Os que non superen a totalidade dos exames poderán presentarse de novo na seguinte convocatoria do curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar o 10 % das horas lectivas. Toda ausencia deberá ser sempre motivada e xustificada ante a EGAP.

Non se expedirán certificados de asistencia sen superar o curso.

9. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de xuño de 2016.

Terá unha duración de 288 horas, que se distribuirán a razón de oito horas por semana, ordinariamente os xoves, das 10.00 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 20.00 horas. A duración do traballo individual cífrase en 62 horas, polo que no certificado final se consignarán 350 horas.

Durante a celebración deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a súa asistencia a cada unha das sesións académicas e ao taller.

10. Modificacións e incidencias.

A EGAP e o COAG reservan para si a facultade de modificar o programa, e de resolver as cuestións que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización).

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de, polo menos, o seu primeiro prazo, por un importe que o COAG considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, o COAG procederá á devolución das cantidades abonadas.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública