Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 4 de agosto de 2015 Páx. 32134

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de xullo de 2015 pola que se adaptan e se incorporan á sede electrónica da Xunta de Galicia os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Traballo e Benestar.

O 27 de febreiro de 2014 o Consello da Xunta aprobou o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (Plan Achega) co obxectivo de acadar unha Administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.

Este plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar no período 2014-2016 os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns na Guía de procedementos e servizos, para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.

Como primeira actuación contida no Plan Achega, o 2 de maio de 2014 (DOG núm. 83) publicouse o Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Neste decreto estableceuse, ademais, que mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza se adaptarán os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías para a habilitación de procedementos aprobadas polo Consello da Xunta do 25 de abril de 2013, actualizadas con posterioridade, e, se for o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta medida foi configurada como unha liña prioritaria de actuación polo Goberno galego posto que existen procedementos administrativos estáticos ou de prazo aberto para a presentación de solicitudes que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011, DOG núm. 138, do 23 de setembro) aínda recollen a presentación exclusivamente presencial por parte dos seus destinatarios. Ademais, tamén se requiría determinada documentación que a lexislación vixente xa non permite solicitar e á cal a Administración galega xa pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Así, e en primeiro lugar, mediante a Orde do 2 de xullo de 2014 (DOG núm. 132, do 14 de xullo), foron adaptados e incorporados á sede electrónica da Xunta de Galicia 58 trámites de prazo aberto da Presidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Posteriormente e a través da Orde do 22 de abril de 2015 (DOG núm. 77, do 24 de abril), un total de 109 procedementos da Consellería do Medio Rural e do Mar foron habilitados electronicamente logo da súa revisión e adaptación.

A continuación, e seguindo a planificación establecida, levouse a cabo a revisión de todos os procedementos de prazo aberto correspondentes á Consellería de Traballo e Benestar por parte dos grupos de traballo constituídos para o efecto.

En concreto, foron revisados 88 trámites ou procedementos o que deu como resultado o seguinte:

– Oito procedementos foron dados de baixa por ser obsoletos ou por non ser utilizados.

– Tres procedementos mantéñense como presenciais dadas as características específicas previstas para a súa presentación e tramitación.

– Nove procedementos foron habilitados electronicamente a través da súa regulamentación específica.

– 42 procedementos foron preparados para admitir a súa dispoñibilidade electrónica a través da presente orde. Ademais, cómpre destacar que cinco destes procedementos son novos e derivan doutros catro trámites que foron desagregados coa finalidade de clarificar e facilitar o seu uso e tramitación polos cidadáns. Por outra banda, un deles, deriva doutros 26 que foron refundidos co obxecto de simplificar e facilitar o seu uso polos cidadáns.

Así pois, a partir da entrada en vigor desta orde, un total de 42 procedementos novos estarán dispoñibles electronicamente o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.

Como alternativa, en 38 deles tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Nos catro restantes, a sede electrónica configúrase como a canle de uso obrigatorio para a presentación das solicitudes por ter como únicos destinatarios empresas e cooperativas, colectivos nos cales a súa capacidade técnica e profesional precisa estar garantida.

Á vista do exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes dos procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Traballo e Benestar, que figuran no anexo desta orde.

Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación

1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude de cada procedemento, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou seu representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para isto, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 4. Información do estado da tramitación

A información personalizada sobre o estado de tramitación do procedemento, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido así como a data en que foron ditados, estará á disposición no cartafol do cidadán, con independencia da canle de presentación de solicitudes, en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 5. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro dado de alta na Axencia de Protección de Datos cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Disposición adicional única

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto, que figuran no anexo desta orde, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Código

Denominación

Presentación

BS101A

Inscricións no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Presencial e sede electrónica

BS305F

Recoñecemento oficial de locais de ensaio.

Presencial e sede electrónica

BS308A

Inclusión no censo de entidades xuvenís.

Presencial e sede electrónica

BS309A

Expedicion de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.

Presencial e sede electrónica

BS312A

Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.

Presencial e sede electrónica

BS319A

Carné Xove.

Presencial e sede electrónica

BS401D

Habilitación de entidades colaboradoras de adopción internacional.

Presencial e sede electrónica

BS423A

Título de familia numerosa/certificado Lei 3/2011.

Presencial e sede electrónica

BS423B

Duplicado do título de familia numerosa/certificado Lei 3/2011 por extravío ou cambio de enderezo.

Presencial e sede electrónica

BS426A

Inscrición no Rexistro de Mediadores e Mediadoras Familiares de Galicia.

Presencial e sede electrónica

BS426B

Mediación e designación de mediadores ou mediadoras familiares.

Presencial e sede electrónica

BS426C

Consentimiento de mediación e designación de mediadores ou mediadoras familiares para solicitudes individuais.

Presencial e sede electrónica

BS613A

Prestacións sociais e económicas para persoas con discapacidade (LISMI).

Presencial e sede electrónica

BS618D

Axudas de inclusión social.

Presencial e sede electrónica

BS626F

Renda de inclusión social de galicia (Risga).

Presencial e sede electrónica

BS640A

Integración na Rede galega de centros de dia de atención social para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

Presencial e sede electrónica

BS650A

Pensión de invalidez non contributiva de invalidez (PNC-I).

Presencial e sede electrónica

BS650G

Pensión de xubilación non contributiva de xubilación (PNC-J).

Presencial e sede electrónica

TR301L

Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.

Presencial e sede electrónica

TR301M

Mantemento da inscrición/acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.

Presencial e sede electrónica

TR330A

Recoñecemento da condición de entidade colaboradora do servizo público de emprego de Galicia en captación de ofertas.

Presencial e sede electrónica

TR340A

Cualificación de iniciativas de emprego.

Presencial e sede electrónica

TR340D

Cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

Presencial e sede electrónica

TR356B

Cualificación e inscrición como empresa de inserción laboral.

Presencial e sede electrónica

TR359A

Inscrición de constitución da asociación no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.

Presencial e sede electrónica

TR359B

Inscrición da modificación de estatutos no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.

Presencial e sede electrónica

TR359C

Inscrición da identidade das persoas titulares da xunta directiva ou órgano de representación no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.

Presencial e sede electrónica

TR359D

Inscrición da apertura e/ou peche de delegacións ou establecementos no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.

Presencial e sede electrónica

TR359E

Inscrición de federacións, confederacións e unións de asociacións no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.

Presencial e sede electrónica

TR359F

Inscrición da incorporación ou separación de asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.

Presencial e sede electrónica

TR359G

Inscrición da suspensión, disolución ou baixa da asociación no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.

Presencial e sede electrónica

TR801A

Cualificación como centros especiais de emprego.

Presencial e sede electrónica

TR802F

Situación legal de desemprego de socios/as de cooperativas de traballo asociado.

Exclusivamente sede electrónica

TR806A

Depósito de actas de eleccións sindicais.

Presencial e sede electrónica

TR808A

Inicio de folga.

Presencial e sede electrónica

TR808B

Fin de folga.

Presencial e sede electrónica

TR809A

Inscrición e seguimento de peches patronais.

Presencial e sede electrónica

TR810A

Conflitos colectivos.

Presencial e sede electrónica

TR820A

Inicio de expedientes de regulación de emprego.

Exclusivamente sede electrónica

TR820B

Decisión empresarial de expedientes de regulación de emprego.

Exclusivamente sede electrónica

TR820C

Expedientes de regulación de emprego-constatación causa de forza maior.

Exclusivamente sede electrónica

TR822C

Autorización para o traballo de menores en espectáculos públicos.

Presencial e sede electrónica