Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 24 de xullo de 2015 Páx. 30941

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 102/2015, do 9 de xullo, polo que se acorda a extinción da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

A Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, creou no seu artigo 37 a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O dito artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia foi derrogado pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que establecía na súa disposición transitoria terceira un réxime transitorio para as entidades instrumentais creadas con anterioridade á súa entrada en vigor, establecendo que continuarían rexéndose pola súa normativa específica mentres non se procedese a adaptar a súa regulación ás determinacións contidas no título III desta lei, adaptación que debía realizarase mediante decreto da Xunta de Galicia no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.

A Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional non chegou a adaptarse ás previsións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, como se prevía na súa disposición transitoria terceira para as entidades instrumentais creadas con anterioridade á súa entrada en vigor.

Por outra banda, as funcións e competencias que a Lei 3/2002, do 29 de abril, atribuíu á Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, foron asumidas posteriormente póla Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que as exercerá a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional, en virtude do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Así mesmo, e malia a que no momento da creación da Axencia, a Lei 3/2002, do 29 de abril, prevía a dotación con medios persoais, materiais e orzamentarios para o cumprimento das súas funcións, a dita previsión legal de dotación de medios non se fixo efectiva, e non figuran nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dotacións orzamentarias para a Axencia nin conta com persoal adscrito, nin conta com medios persoais nin materiais adscritos.

En virtude do exposto, co obxecto de racionalizar a organización administrativa evitando duplicidades de funcións en distintos órganos administrativos, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de xullo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Acordar a extinción da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

Artigo 2. Funcións e competencias

As funcións atribuídas á Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional quedan asumidas pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, que as exercerá a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xullo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria