Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 21 de xullo de 2015 Páx. 30519

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2015 pola que se acorda ampliar o prazo de presentación de ofertas para concorrer á licitación da compra pública precomercial de servizos de I+D para o deseño e desenvolvemento de modelos matemáticos de imperfeccións dos compoñentes de radiofrecuencia en transceptores baseados en sistemas MIMO a grande escala que traballen a frecuencias milimétricas, destinado ao desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito das redes 5G, que permitirán posicionar o Centro de Investigación Atlantic como un referente internacional neste ámbito (expediente ID1/15), e se informa do financiamento con fondos Feder do expediente 16/15.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 30 de xuño de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 121 a Resolución do 18 de xuño de 2015 pola que se anunciaba procedemento aberto, mediante tramitación ordinaria, para a licitación da compra pública precomercial de servizos de I+D para o deseño e desenvolvemento de modelos matemáticos de imperfeccións dos compoñentes de radiofrecuencia en transceptores baseados en sistemas MIMO a grande escala que traballen a frecuencias milimétricas, destinado ao desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito das redes 5G, que permitirán posicionar o Centro de Investigación Atlantic como un referente internacional neste ámbito (expediente ID1/15). O prazo de presentación das ofertas remataba o décimo quinto día natural seguinte ao da publicación desa resolución no DOG. Non obstante, de forma sobrevida recíbese escrito remitido pola responsable do contrato, do 10 de xullo de 2015, no cal se pon de manifesto a dificultade de que as empresas estranxeiras poidan concorrer se non se amplía o prazo de presentación de ofertas, e dada a particularidade do obxecto deste expediente (compra pública precomercial), estímase oportuno establecer os medios que permitan promover e facilitar a concorrencia. A maiores, tense detectado que non se publicou no perfil de contratante da Universidade de Vigo a totalidade do prego de cláusulas regulador do procedemento.

Segundo. Con data do 23 de xuño 2015 publicouse no DOG número 117 o anuncio de licitación correspondente ao expediente 16/15 «Plataforma para prototipos de sistemas MIMO en banda multimedia», que na súa publicación non se facía constar que a adquisición de dito equipo foi financiado por fondos Feder.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto no artigo 105.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acórdase ditar a seguinte

Resolución:

Expediente (expediente ID1/15):

Primeiro. Ampliar o prazo de presentación de ofertas, por un período de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, o cal rematará ás 14.00 horas do último día do prazo que corresponda. Non obstante, se o último día do prazo coincide con sábado ou día inhábil na Universidade de Vigo entenderase prorrogado ata as 14.00 horas do primeiro día hábil seguinte.

Segundo. Os licitadores que presentasen a súa oferta con anterioridade á publicación desta resolución poderán, se o coidan oportuno, presentar unha nova oferta que substitúa a anterior.

Terceiro. As condicións da licitación son as que aparecen reflectidas no perfil do contratante e nos anuncios respectivos publicados no BOE número 154, do 29 de xuño de 2015, e no DOG número 121, do 30 de xuño, respectivamente, agás o novo prazo de presentación de ofertas.

Expediente 16/15.

Primeiro. Infórmase que o contrato relativo a este expediente está financiado polo seguinte programa: Proxecto TACTICA. Fondo Tecnolóxico. Innovación e competividade por e para as empresas. Programación estructural Feder (80 %) para a Comunidade Autónoma de Galicia 2007-2013. Ministerio de Economía e Competividade (Mineco). Dirección Xeral de Innovación e Competitividade Empresarial. Data límite para executar a aplicación dos fondos: 31.12.2015.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela os interesados poderán interpor recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG. Non obstante, os interesados poderán optar por interpor contra esta resolución recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación ante o mesmo órgano que a ditou e, neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vigo, 14 de xullo de 2015

Por delegación (Resolución do 7.5.2014; DOG do 13 de maio)
Manuel Fernández Jáuregui
Xerente da Universidade de Vigo