Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 6 de xullo de 2015 Páx. 27995

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de xuño de 2015 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Julián Francisco Suárez Freire e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Julián Francisco Suárez Freire, adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, resultan os seguintes:

Feitos.

Primeiro. Manuel Puga Pereira, presidente do padroado da Fundación Julián Francisco Suárez Freire, presentou o 2.6.2015 a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da dita entidade, adoptado polo seu padroado o 11 de decembro de 2014.

Segundo. A devandita fundación foi constituída en escritura pública co número de protocolo 250, outorgada en Santiago de Compostela o 9.2.2001 ante o notario José Antonio Montero Pardo, clasificada como de interese sanitario pola Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 26.3.2001 e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais do 6.4.2001. A fundación foi adscrita ao Protectorado da Consellería de Sanidade e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2001/26.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos estatutos, a fundación ten por obxecto o estudo teórico e práctico e o fomento das ciencias farmacéuticas, e o desenvolvemento de estudos, investigacións, cursos científicos, así como a convocatoria e promoción de bolsas, premios ou certames, e o fomento da divulgación e a difusión científica, que ofrezan relación coas ramas das ciencias farmacéuticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Xunto coa solicitude preséntase a seguinte documentación:

a) Certificado do 16.4.2015 da secretaria, co visto e prace do presidente, no cal consta o acordo de extinción da fundación, adoptado co quórum requirido pola normativa de aplicación na reunión do padroado celebrada o 11.12.2014.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción por imposibilidade material de realizar o fin fundacional.

c) Documentación contable correspondente ao exercicio pechado en 31.12.2014, que comprende balance, conta de resultados e memoria de actividades.

d) Proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais.

Primeira. A Consellería de Sanidade exerce o protectorado sobre a Fundación Julián Franscisco Suárez Freire de conformidade co disposto no Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2 b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Sanidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segunda. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional e para tal efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e o proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación, nos termos previstos no artigo 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e na demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Julián Francisco Suárez Freire, adoptado polo padroado con base na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2015

P.D. (Orde do 15.6.2009; DOG núm. 119, do 19 de xuño)
Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade