Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 29 de xuño de 2015 Páx. 27153

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 da Coruña

EDICTO (DSP 207/2015).

Vistos por Piar Carreira Vidal, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número 5 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo número 207/2015, seguidos por instancia de Jorge Alberto Espinelli, asistido pola letrada Vanesa Cruz Campos, contra o empresario individual José Manuel Celeiro López e o Fondo de Garantía Salarial, que non comparecen, sobre despedimento.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que a parte demandante antes citada formulou demanda que correspondeu por quenda e recibiu este xulgado con data 26 de febreiro de 2015 contra o demandado xa mencionado, na cal, despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza pola cal se declaraba que o despedimento do demandante era nulo ou, de ser o caso, improcedente, e condenábase a demandada á readmisión do traballador, nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento ou, á elección daquela de optar pola non readmisión e conseguinte extinción do contrato de traballo, que lle aboe a indemnización na contía que legalmente se estableza cos aboamentos dos salarios deixados de percibir dende a data de efecto en que tivo lugar a decisión da demandada de extinguir o contrato de traballo.

Segundo. Que, unha vez admitida a trámite a demanda, foron convocadas as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar o 5 de xuño de 2015, coa asistencia da parte demandante, que ratificou a súa demanda. O demandado non compareceu malia ser citado en legal forma. Recibido o xuízo a proba pola parte demandante, propúxose interrogatorio de parte, documental, e logo de declaración de pertinencia uníronse os documentos aos autos, e testifical co resultado que consta neles. A seguir as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais vixentes.

Feitos probados.

Primeiro. O demandante, Jorge Alberto Espinelli, prestou os seus servizos para o empresario individual José Manuel Celeiro López desde o 24 de xaneiro de 2014, coa categoría profesional de «reparador de maquinaria», e polo que percibía un salario mensual de 1.000 € líquidos e 50 € de comisión por cada máquina reparada.

Segundo. Jorge Alberto Espinelli non fora de alta polo seu empregador.

Desde o día 21 de xaneiro de 2015 non pode acceder ao seu posto de traballo, sen que se lle entregase comunicación de despedimento ou indemnización ningunha.

Terceiro. O traballador non ten nin tivo no último ano a condición de delegado de persoal nin membro de comité de empresa, nin representante sindical.

Cuarto. Con data de 18 de febreiro de 2015 tivo lugar acto de conciliación previa ante o SMAC, logo de papeleta presentada o 2 de febreiro de 2015, co resultado de intentado sen efecto, ante a non comparecencia da conciliada que constaba citada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos, que se declararon probados, inferíronse apreciando en conciencia a proba practicada no acto do xuízo oral, segundo as regras da sa crítica, conforme os principios de inmediación e oralidade, especialmente da testifical prestada por instancia da parte demandante (artigo 97 da Lei reguladora da xurisdición social), e igualmente polo recoñecemento dos feitos da demandada, por aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, e 91.2 da Lei reguladora da xurisdición social, ante a súa non comparecencia, e citación cos apercibimentos legais correspondentes, tras ser interesado o seu interrogatorio pola demandante en tempo e forma, por recoñecidos os feitos que constan na demanda, así como a testifical prestada por clientes do establecemento.

En primeiro lugar, en canto á existencia de relación laboral, tarefas que desempeñaba, antigüidade e salario, resultan das manifestacións da parte demandante, xunto coa documental achegada, e as manifestacións das testemuñas que relatan como era Jorge Alberto Espinelli quen realizaba os labores de reparación de maquinaria no establecemento titularidade do empresario individual José Manuel Celeiro López.

En segundo lugar, o cesamento na relación laboral, do recoñecemento de feitos pola demandada ante a súa non comparecencia.

Segundo. Ao exercerse a acción de despedimento improcedente, no presente suposto alega a parte demandante a existencia dun despedimento que podemo considerar tácito, derivado da extinción da relación laboral do traballador sen comunicación ningunha, feito que revela inequivocamente a vontade empresarial de pór fin á relación contractual (STS do 4 de decembro de 1989, 9 de xuño de 1986, 2 de decembro de 1989; 14 de xuño, 9 e 11 de outubro de 1990). Tal vontade inequívoca de cesamento da relación laboral cabe concluíla da imposibilidade de continuar realizando a súa actividade laboral, na cal non constaba de alta pola empresa, sen existir comunicación ningunha por parte da empresa dirixida ao traballador, explicación das causas ou aboamento de cantidade ningunha como indemnización, e iso en atención ao recoñecemento dos feitos, por aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, e 91.2 da Lei reguladora da xurisdición social, que debe considerarse da empresa demandada, ante a súa non comparecencia, e citación cos apercibimentos legais correspondentes, tras interesar o seu interrogatorio a demandante en tempo e forma. Téñase en conta que a relación laboral resulta acreditada a través do mesmo medio e as propias manifestacións das testemuñas, que refiren ter visto o demandante no citado establecemento.

En consecuencia con todo o anterior e á vista da proba practicada, debe concluírse que concorre a vontade inequívoca da empresa de pór fin á relación laboral sen causa xustificativa ningunha, nin comunicación escrita á parte traballadora indicando o feito do despedimento. Polo tanto, e segundo o disposto polos artigos 110 da Lei reguladora da xurisdición social, e 56.1 do Estatuto dos traballadores, debe estimarse a demanda e declarar a improcedencia do despedimento, por non se acreditar a existencia de causa de despedimento, sen que igualmente se tivesen observado os requisitos formais previstos no artigo 55 e demais concordantes do citado Estatuto, en canto aboamento de indemnización, comunicación por escrito con explicación das causas e data de efectividade.

Como consecuencia da declaración de improcedencia do despedimento, e o previsto no artigo 56 do Estatuto dos traballadores, o empresario no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza poderá optar entre a readmisión do traballador, con aboamento dos salarios de tramitación (que serán os salarios deixados de percibir desde a data de despedimento ata a notificación da sentenza que declarase a improcedencia ou ata que tivese encontrado outro emprego, se tal colocación fose anterior á dita sentenza e probase o empresario o percibido, para o seu desconto dos salarios de tramitación), ou o aboamento dunha indemnización de trinta e tres días de salario, por ano de servizo, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano ata un máximo de corenta e dúas mensualidades.

En canto a tal indemnización, debe sinalarse que se debe fixar o salario da demandante na cantidade de 1.000 €, e polo tanto un salario diario de 32,88 € e a antigüidade, desde o 24 de xaneiro de 2014, que computadas ata a data do despedimento, 21 de xaneiro de 2015, a razón de 33 días de salario por ano de servizo supón unha indemnización de 1.084,93 €.

En canto aos salarios de tramitación, o Real decreto lei 3/2012 –e no mesmo sentido a Lei 3/2012– suprime os salarios de tramitación para o caso de opción pola indemnización, polo que despois de ter lugar o despedimento con posterioridade á súa entrada en vigor observarase a regulación do artigo 110.1 da Lei reguladora da xurisdición social –por remisión do artigo 123.2 do mesmo corpo legal– coa súa modificación polo Real decreto lei 3/2012, e que remite o artigo 56.1 do Estatuto dos traballadores, tamén modificado por ese real decreto lei, polo tanto con remuneración dos salarios de tramitación só no caso de opción pola readmisión.

Terceiro. Segundo o disposto polo artigo 191.1 e 3.a) da Lei reguladora da xurisdición social, contra esta resolución pode interporse recurso de suplicación, do cal coñecerá a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación,

Decisión:

Que debo estimar e estimo a demanda que en materia de despedimento foi interposta por Jorge Alberto Espinelli contra o empresario individual José Manuel Celeiro López e, en consecuencia, debo declarar e declaro improcedente o despedimento de que o demandante foi obxecto en data do 21 de xaneiro de 2015, e debo condenar e condeno a que o empresario individual José Manuel Celeiro López, no prazo de cinco días desde a data de notificación da sentenza, opte entre a readmisión inmediata da demandante, nas mesmas condicións que rexían con anterioridade, con aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento, ata a notificación desta resolución, que ascenden a 32,88 € diarios, ou ben ao aboamento dunha indemnización por despedimento a razón de 1.084,93 €.

O aboamento da indemnización determinará a extinción do contrato de traballo, que se entenderá producida na data do cesamento efectivo no traballo.

No suposto de non optar o empresario pola readmisión ou a indemnización, enténdese que procede a primeira.

Notifíqueselles a presente resolución ás partes facéndolles saber o seu dereito a interpor contra esta recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal poderán anunciar por comparecencia ou por escrito ante este xulgado no prazo de cinco días a partir da súa notificación.

Advírtaselle ao recorrente que non fose traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros do depósito especial indicado no artigo 229.1.a) da Lei reguladora da xurisdición social na conta aberta na entidade Banesto, a nome deste xulgado co número 47570000, código 36 e número de expediente, acreditándoo mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado, a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario pola dita cantidade no cal se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a este xulgado co anuncio de recurso.

En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso no momento de anuncialo.

Dedúzase testemuño literal desta sentenza, que quedará nestas actuacións, con inclusión da orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta a miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza pola maxistrada xuíza que a subscribe, estando a realizar audiencia pública no día da súa data. Dou fe.

A Coruña, 5 de xuño de 2015