Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 29 de xuño de 2015 Páx. 27127

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 87/2015, do 4 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade dun tramo de 439 metros da estrada provincial LU-P-4803 da Pontenova á Augaxosa, a prol do Concello da Pontenova.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Lugo solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade a prol do Concello da Pontenova de 439 m da estrada provincial LU-P-4803 da Pontenova á Augaxosa, os cales discorren integramente polo municipio da Pontenova.

Ao abeiro das previsións legais, o Pleno do Concello da Pontenova aceptou o cambio de titularidade do tramo da seguinte estrada:

LU-P 4803 da Pontenova á Augaxosa entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+439

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello da Pontenova do tramo da estrada provincial LU-P 4803 da Pontenova á Augaxosa entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+439.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Pontenova deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello da Pontenova, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourellle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas