Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 11 de xuño de 2015 Páx. 22743

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de maio de 2015 que modifica a Orde do 18 de novembro de 2014 pola que se regulan a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras Infeccións de Transmisión Sexual (ITS).

A Orde do 4 de febreiro de 2004, modificada pola Orde do 18 de maio de 2007, creou a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida, e estas foron modificadas pola Orde do 18 de novembro de 2014 pola que se regulan a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras Infeccións de Transmisión Sexual (ITS), como órgano asesor das autoridades sanitarias e adaptándoa á situación actual e ás novas necesidades de xeito que se inclúan os obxectivos, funcións e sectores implicados na loita contra o VIH e as demais ITS.

O novo plan de loita contra o VIH e as ITS en Galicia pretende integrar todas as partes implicadas neste esforzo promovendo a súa participación. Deste xeito, procúrase ter en conta todos os puntos de vista e aproveitar os seus coñecementos e experiencias para ofrecer unha resposta integral (biopsicosocial) e integrada (todos os servizos) ás persoas afectadas por estas infeccións.

As actividades de loita contra a infección polo VIH e outras ITS desenvólvenas entidades que traballan en diferentes eidos como o sanitario, social, educativo, xuvenil ou asociativo, nos cales se atopan equipos de profesionais multidisciplinares. A coordinación dos esforzos de todas as entidades e profesionais involucrados é un labor complexo pero necesario para acadar unha resposta efectiva e eficiente a esta enfermidade.

Seguindo este criterio, regulouse a composición desta comisión pola Orde do 18 de novembro (DOG do 24 de novembro de 2014), e deuse cabida nela a múltiples sectores profesionais que traballan nestes eidos. No entanto as educadoras e os educadores sociais, que con frecuencia forman parte dos equipos de prevención e apoio ás persoas afectadas, non están representadas. Con esta modificación na composición da orde trátase de posibilitar a representación deste sector profesional co fin de que poida achegar a súa experiencia e visión socioeducativa.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 18 de novembro de 2014 pola que se regulan a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras Infeccións de Transmisión Sexual (ITS).

O artigo 4.1.c) da Orde do 18 de novembro de 2014 pola que se regulan a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras Infeccións de Transmisión Sexual (ITS) queda modificado como segue:

Un. Engádese un novo ordinal ao artigo 4.1.c), que queda redactado como segue:

«16º. Unha persoa proposta polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade