Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 2 de xuño de 2015 Páx. 21605

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de febreiro de 2015, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Xinzo Norte como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 26 de febreiro de 2015, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Xinzo Norte, promovido por TH Eólica de Xinzo e Paraño, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o plan no concello de Sarreaus queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Xinzo Norte.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Plan vixente.

Os terreos onde se pretende implantar o Parque Eólico Xinzo Norte están localizados no municipio de Sarreaus, da provincia de Ourense.

O municipio de Sarreaus non conta con ningunha figura de plan municipal aprobada, e polo tanto réxese pola Lei urbanística vixente na Comunidade Autónoma de Galicia, que é a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas modificacións introducidas pola Lei autonómica 15/2004, do 29 de decembro, a Lei autonómica 6/2007, do 11 de maio, a Lei autonómica 3/2008, do 23 de maio, a Lei autonómica 6/2008, do 19 de xuño, a Lei autonómica 18/2008, do 29 de decembro, a Lei 2/2010, do 25 de marzo, e a Lei 15/2010, do 28 de decembro. Á Lei 9/2002 referirémonos a partir de agora como LOUG. Así mesmo, complementarase e subsidiarase a LOUG polas normas complementarias e subsidiarias de plan das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (en diante normas subsidiarias provinciais) aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1991, en desenvolvemento da Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia. Así mesmo, neste momento está en tramitación un novo Plan xeral de ordenación municipal, que obtivo aprobación inicial o 24 de novembro de 2007.

A clasificación urbanística do solo afectado polo parque eólico en estudo realízase aplicando integramente o réxime de solo rústico establecido na LOUG.

En atención ás características dos terreos afectados, atribúeselles o réxime de solo rústico de protección ordinaria.

Con todo, posto que se afecta o solo de montes veciñais de man común, o dito solo pódese asimilar en virtude dos usos recolleitos na LOUG como solo rústico de especial protección forestal.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación do plan xeral.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente».

A área delimitada polo presente proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no plan xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde con uso, segundo o artigo 32.2.c) da LOUG:

«c) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio».

Esta área represéntase no plano nº 6, follas 1 e 2, plan municipal modificado.

Por tanto, deberá incluírse no plan xeral afectado pola delimitación desta nova área de clasificación.

Así mesmo, o artigo 30 da Lei 9/2002 di:

«Os instrumentos de ordenación do territorio, en congruencia coa escala territorial respectiva e cos fins públicos perseguidos, poderán modificar o réxime de usos e condicións da edificación previstos nesta lei para o solo rústico […]».

O solo rústico de protección de infraestruturas aquí indicado aterase ao definido pola LOUG para este tipo de solo, ao cal se engaden as restricións que se describen a continuación:

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo exclusivamente a zona delimitada no plano nº 6, follas de 1 a 2, do proxecto sectorial do Parque Eólico Xinzo Norte como solo rústico de protección de infraestruturas, sen alterar o resto do plan.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo, deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas respecto das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun radio de 200 m ao redor dos aeroxeradores, coa excepción do edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

2.2. Eficacia.

De acordo coa modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan Eólico de Galicia, aprobada definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, o plan dos concellos afectados queda vinculado ás determinacións contidas nos proxectos sectoriais redactados no seu desenvolvemento, e non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas nos proxectos sectoriais que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.

A Lei 10/1995, de ordenación do territorio, no seu artigo 24, establece que «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o plan do ente ou entes locais en que se asenten os ditos plans ou proxectos, que deberán adaptarse a elas dentro dos prazos que para ese efecto determinen».

No mesmo sentido, o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1, establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. No artigo 11.2 establece que o municipio no que se asente a dotación obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.

Así mesmo, o artigo 34 da LOUG:

«4. Non necesitarán autorización autonómica previa, para os efectos desta lei, as infraestruturas, dotacións e instalacións previstas nun proxecto sectorial aprobado ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia […]».

Cando se revise o plan municipal do municipio afectado e se adapte á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou a que a substitúa, e deberanse incluír as delimitacións sinaladas no plano nº 6, follas 1 e 2, deste documento, clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas» que se rexerá pola normativa desenvolvida no punto anterior.

Respecto da lexitimidade das obras para realizar como consecuencia deste proxecto sectorial, para a súa execución non é necesaria a obtención de licenza municipal, segundo o artigo 11.3 do Decreto 80/2000:

«3. As obras públicas definidas detalladamente no proxecto sectorial serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, de acordo coa disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia. Neste suposto, con carácter previo ao comezo das obras, remitiráselle ao concello un exemplar do seu proxecto técnico».

2.3. Prazo.

A adecuación do plan xeral local deberá realizarse coa redacción e tramitación:

– Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

– Da revisión do plan urbanístico municipal vixente.

– Da adaptación, de ser o caso, do plan á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou normativa que a substitúa.

3. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1 de outubro de 1997, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.