Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 1 de xuño de 2015 Páx. 21408

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de febreiro de 2015 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cos dereitos mineiros, do parque eólico Tenzas do Aire, nos concellos de Rodeiro e Lalín (Pontevedra), promovido pola sociedade Renovables San Martiño, S.L. (expediente IN661A 2011/7-4).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de febreiro de 2015 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cos dereitos mineiros, do parque eólico Tenzas do Aire, nos concellos de Rodeiro e Lalín (Pontevedra) e promovido pola sociedade Renovables San Martiño, S.L. (expediente IN661A 2011/7-4).

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan
as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade
pública, en concreto, así como a compatibilidade cos dereitos mineiros,
do parque eólico Tenzas do Aire, nos concellos de Rodeiro e Lalín (Pontevedra)
e promovido pola sociedade Renovables San Martiño, S.L.
(expediente IN661A 2011/7-4)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Renovables San Martiño (en diante o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Tenzas do Aire (en diante o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 12 MW.

Segundo. O 21.06.2011 o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. Con data do 27.1.2012 a empresa promotora Renovables San Martiño, S.L., titular do parque eólico Tenzas do Aire, admitido dentro da convocatoria aberta pola Orde do 29 de marzo de 2010, solicitou á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, nun desprazamento dos catro aeroxeradores do parque eólico.

Cuarto. Mediante Resolución do 14 de marzo de 2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as modificacións do proxecto do parque eólico Tenzas do Aire, promovido Renovables San Martiño, S.L.

Quinto. Por Resolución do 28 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o proxecto de execución, o seu estudo ambiental e o proxecto sectorial, así como as solicitudes de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e de inclusión no réxime especial do parque eólico, a desenvolver nos concellos de Rodeiro e Lalín (Pontevedra).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8 de maio de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 2 de xullo, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 23 de abril e no xornal Faro de Vigo do 19 de abril. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial de Pontevedra e nos concellos afectados de Rodeiro e Lalín (Pontevedra).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 29.5.2012, Serafín González Prieto, en calidade de presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, presentou escrito no que alega que:

• Ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e biodiversidade, non se autorice a afección dos aeroxeradores e vías de acceso sobre:

– Hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea existente na zona.

– Especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007 presentes na zona.

– Se avalíen as posibles afeccións do proxecto sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia e, consecuentemente, se adapte o proxecto para evitalos totalmente.

• Se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e se considere a adopción de medidas mitigadoras.

• Se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia, de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.

• O proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

2. Con data 11.5.2012, Josefa Fernández López presentou escrito de alegación no cal solicita que se corrixa erro de titularidade nas parcelas 400, 402, 426, 442, 538, 11400, 389, polígono 52.

3. Con data 8.5.2012, Román García González presentou escrito de alegación en que indica que está en contra do trazado da vía proxectada, que divide a parcela 519, polígono 52, en dúas partes deixando unha delas inservible, e que ademais se corta unha canle de rega na dita parcela sen que se presenten solucións. Non se indican os movementos de terra para a dita obra nin os accesos que quedan para as leiras afectadas. Que a vía proxectada afecta un manancial que subministra a vivendas e a explotacións gandeiras. Que ao quedar illada unha parte da parcela 385, polígono 52, queda inservible e solicita que se trate como unha ocupación definitiva.

4. Con data 18.4.2012, Monserrat Riádrigos Vázquez e Nilo Fernández Salgado, indican que son propietarios da parcela 525, polígono 52, do concello de Rodeiro, sobre a cal existe unha explotación gandeira e que o proxecto do parque corta as leiras de xeito transversal.

5. Con data 28.5.2012, Virgilio Olegario García Fente presenta escrito en que expón que na RBDA aparece como titular de diversos predios Juan García Negro, avó do alegante, e presentan documentación acreditativa da titularidade dos novos herdeiros.

6. Con data 8.5.2012, Manuel Pallares Porto e Jesús Pallares Porto presentan dous escritos de alegacións en que expoñen que son herdeiros da leira nº 18, polígono 50, parcela 119, e da leira nº 21, polígono 50, parcela 117, e presentan documentación acreditativa.

7. Con data 22.5.2012, Josefa Sánchez García presentou escrito en que expón que na RBDA aparece como titular da leira 26, polígono 52, parcela 355, o seu pai Manuel Sánchez Calviño, e presenta documentación acreditativa da titularidade polos herdeiros.

Sexto. O 19.8.2011, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra informou da existencia dos dereitos mineiros existente dentro da área de afección do parque eólico:

• López (concesión nº 2655) titularidade Pablo Morais Núñez.

• Guillar (concesión nº 2591.1) titularidade Jesús Vázquez Albor.

• Pedroso (concesión nº 2483.1) titularidade de Canteiras de Lalín, S.L.

Sétimo. O 2.5.2012, Retegal, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico. Neste condicionado, Retegal, S.A. comunica:

• A existencia do radioenlace Rodeiro-Lalín, e solicita un desprazamento do aeroxerador 3.

• A afección do aeroxerador 2 sobre a vista entre os centros de Rodeiro e Pedroso, polo que solicita un cambio de localización.

• A necesidade de que o promotor se comprometa á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno, para comprobar que non existe degradación do sinal.

En resposta a este condicionado, a empresa promotora, con data 23.5.2012, manifestou o seu compromiso de proporcionar os medios e emprender as actuacións necesarias para garantir as condicións actuais de comunicación no radioenlace Rodeiro-Lalín, así como entre os centros de Rodeiro e Pedroso, realizando os estudios coa finalidade de comprobar que non se produza pérdida ou degradación do sinal e proporcionando os medios adecuados para o restablecemento do sinal de TDT.

Oitavo. O 2.5.2012, Retevisión emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que, revisado o documento remitido, a localización do parque non afecta os seus servizos e solicita que se lles comunique calquera modificación do proxecto para avaliar as posibles afeccións.

O 23.5.2012, en resposta ao condicionado técnico, a empresa promotora presentou escrito en que manifesta a súa conformidade co condicionado feito.

Noveno. Con data 10.5.2012, o Concello de Rodeiro emitiu condicionado en que se recolle a necesidade de que a empresa garanta a restauración ou acondicionamento das vías públicas de titularidade municipal, e presente ante o Concello antes do inicio das obras un orzamento detallado. Con data 22.6.2012 a empresa promotora presentou escrito de conformidade co citado condicionado.

Décimo. O 19.7.2012, a Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu informe favorable á solicitude do promotor, tanto no que respecta á autorización administrativa como á aprobación do proxecto e á súa declaración de utilidade pública, así como á continuación dos trámites ambiental e do proxecto sectorial; para a continuación do procedemento.

Décimo primeiro. O 15.11.2012, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo segundo. O 19.12.2012 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas iniciou os trámites de compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros.

Décimo terceiro. O 7.2.2013 a empresa promotora presentou documento modificativo da RBDA polo cal se reducen as afeccións sobre os predios.

Décimo cuarto. O 10.7.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 30 de xullo de 2013 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG núm. 207, do 29 de outubro de 2014).

Décimo quinto. O 24.2.2014, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, en vista da documentación correspondente ao trámite de compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros afectados, comunica que considera que os labores mineiros autorizados dentro da área xeográfica do parque eólico son compatibles coa construción e explotación deste, sen apreciarse afeccións mutuas que impidan a súa coexistencia.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Tal e como se indica no antecedente de feito décimo quinto, o 24.2.2014, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, en vista da documentación correspondente ao trámite de compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros afectados, comunica que considera que os labores mineiros autorizados dentro da área xeográfica do parque eólico son compatibles coa construción e explotación deste.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– No que respecta ás alegacións presentadas de carácter ambiental, foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10.7.2013.

– Por outra parte, no que atinxe ás alegacións relacionadas coa titularidade dos bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico, así como coas súas características, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados, así como das súas características (lindes, dimensións, tipo de cultivo...).

– Con respecto á alegación presentada polo titular do dereito mineiro Pedroso nº 2483.1, debemos remitirnos ao recollido no antecedente de feito quinto, no cal se recolle que, unha vez finalizado o trámite de compatibilidade, os labores mineiros autorizados dentro da área xeográfica do parque eólico son compatibles coa construción e explotación deste, sen apreciarse afeccións mutuas que impidan a súa coexistencia.

– Con respecto aos posibles cambios de trazado para garantir a subministración de auga, feitas por Román García González, a empresa manifesta o seu compromiso de garantir a subministración e o cambio de afección sobre a parcela 385, polígono 52, de temporal a permanente.

– Con respecto á alegación presentada por Monserrat Riádigos Vázquez e Nilo Fernández Salgado, a empresa promotora manifesta que o actual trazado vén condicionado pola necesidade de raios de protección de xacementos arqueolóxicos e aproveitamento de vías existentes.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte acordo:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque Tenzas do Aire, nos concellos de Rodeiro e Lalín (Pontevedra) e promovido pola sociedade Renovables San Martiño, S.L., cunha potencia de 12 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Tenzas do Aire, asinado polo enxeñeiro industrial do ICOIIG José Ernesto Rodríguez Blanco. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Renovables San Martiño, S.L.

Domicilio social: Alto da Rocha, s/n, 36518 Dozón.

Municipios afectados: Rodeiro e Lalín.

Situación: (coordenadas UTM).

Coordenadas da poligonal:

X-UTM

Y-UTM

582.000

4.728.000

583.400

4.728.400

585.500

4.728.400

585.500

4.727.100

583.200

4.725.000

582.000

4.725.800

As coordenadas dos aeroxeradores son:

X-UTM

Y-UTM

582.794

4.727.676

583.107

4.727.548

583.214

4.727.208

583.428

4.726.941

Características técnicas do parque eólico:

• 4 aeroxeradores, cunha potencia nominal unitaria de 3.000 kW.

• Potencia total instalada: 12 MW.

• Produción neta anual estimada: 39.212 MWh/ano.

• Orzamento total: 14.187.430 euros.

Características técnicas da infraestrutura eléctrica de xeración, transformación e interconexión:

• 4 transformadores de 3.450 kVA instalados no interior do aeroxerador cunha relación de transformación 0,65/20 kV.

• Rede subterránea de interconexión entre as máquinas existentes a 20 kV.

• Subestación transformadora equipada con transformador de 12/15 MVA, relación de transformación 132/20 kV, aparellos de medida, protección, telemando, grupo electróxeno e demais equipamento auxiliar.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a compatibilidade do parque eólico Tenzas do Aire coas concesións de explotación:

• López (concesión nº 2655) titularidade Pablo Morais Núñez.

• Guillar (concesión nº 2591.1) titularidade Jesús Vázquez Albor.

• Pedroso (concesión nº 2483.1) titularidade de Canteiras de Lalín, S.L.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Tenzas do Aire, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 283.748,6 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Tenzas do Aire, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 106.406 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, cun orzamento de 14.187.430 euros, e de acordo co establecido no punto 1 (ámbito da declaración), da declaración de impacto ambiental.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Renovables San Martiño, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 10.7.2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando, intentada esta, non se puido practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

missing image file