Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 21 de maio de 2015 Páx. 20128

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 21 de abril de 2015 pola que se autoriza a transmisión inter vivos do permiso de actividade e concesión administrativa do establecemento de cultivos mariños Punta Palma-Punta Capitán, titularidade de María Cristina Borrás Paz e outros.

Unha vez revisado o expediente instruído para efectos de transmisión do establecemento que se cita a seguir e da concesión administrativa que o ampara, resulta:

a) Antecedentes.

Primeiro. O día 26.6.2014, María Cristina Borrás Paz, con CIF 35384226Z, inicia un expediente de transmisión da titularidade do parque de cultivo sito en Punta Palma-Punta Capitán, Abanqueiro, concello de Boiro, A Coruña.

O expediente finaliza nunha Orde do 14.10.2014, da Xefatura de Coordinación da Área do Mar, que non autoriza a transmisión, xa que o solicitante non presentou un plan de viabilidade que garanta unha explotación eficaz do parque de cultivo.

Segundo. Con data de rexistro de entrada do 20.2.2015, María Cristina Borrás Paz, con CIF 35384226Z, solicita a transmisión da súa participación (87,5 %) na titularidade do parque de cultivo sito en Punta Palma-Punta Capitán, Abanqueiro, concello de Boiro, A Coruña.

Terceiro. As características actuais da instalación son:

– Tipo: parque de cultivo.

– Data de outorgamento: Orde do 18 de marzo de 1889 e resolución de rehabilitación do 16.11.2013, da Consellería do Medio Rural e do Mar.

– Remate da vixencia: 22.7.2018.

– Superficie de dominio público: 32.000 m2.

– Especies: ameixa fina (Ruditapes decussatus), ameixa babosa (Venerupis pullastra), ameixa xapónica (Ruditapes phillipinarum) e berberecho (Cerastoderma edulis).

– Titulares: María Cristina Borrás Paz, con CIF 35384226Z, cun 87,5 %; Elena Concepción Borrás Carnero, con CIF 33300452V, cun 6,25 %, e Joaquín Eduardo Borrás Carnero, con CIF 33300593C, cun 6,25 %.

Cuarto. Segundo a documentación presentada, a adquirinte é a empresa La Punta del Capitán, S.L., con NIF B-85573947 e domicilio na rúa Zurbano 43, planta baixa-porta esquerda, en Madrid, cuxo obxecto social é, entre outros, a explotación do negocio do cultivo de marisco e a produción e comercialización de mariscos.

Quinto. Na tramitación da transmisión do ano 2014, a solicitante presenta a seguinte documentación que se incorpora no actual expediente:

– Escrito en que a Sociedad Cooperativa Ría de Arosa expón que a empresa Punta del Capitán, S.L. dispón de capacidade adecuada para a explotación dun parque de cultivo.

– Copia da escritura notarial nº 2499, de formalización de acordos sociais, ampliación e modificación dun artigo estatutario, por instancia da sociedade La Punta del Capitán, S.L.

Sexto. A solicitante presenta tres estudos técnicos e económicos que garanten unha explotación eficaz do parque:

– Informe de caracterización e análise de sedimento-substrato.

– Avaliación da potencialidade produtiva dun parque de cultivo de moluscos, situado en Punta Capitán, Abanqueiro (ría de Arousa).

– Informe de rendibilidade do parque de cultivo de ameixas Punta Capitán.

b) Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. Este órgano é competente para autorizar a transmisión, de conformidade coa Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, e coa Resolución do 12 de abril de 2012, de delegación de sinatura en materia de acuicultura nos titulares das xefaturas de Coordinación da Área do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Segundo. O expediente seguiu todos os trámites establecidos no disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Terceiro. Segundo o establecido no artigo primeiro da Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, o parque atópase na zona marítimo-terrestre.

Cuarto. É de aplicación a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca marítima de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Quinto. O artigo 54 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca marítima de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece que é necesaria para a súa transmisión a autorización previa da consellería competente en materia de acuicultura e mais a comprobación de que a nova persoa titular cumpre os requisitos contidos nesta lei.

Sexto. O artigo 49. Supostos da concesión da citada Lei 11/2008, no seu punto 2, establece que nos supostos de que a concesión teña por obxecto exclusivo a explotación de bancos naturais que supoñan a realización de labores de cultivo mariño extensivo ou semiextensivo, requirirase un plan de viabilidade que garanta unha explotación eficaz e racional e que acredite a suficiencia económica.

Esta obrigatoriedade da presentación do plan de viabilidade vén reforzada pola previsión contida no artigo 55.m) da Lei de pesca de Galicia, en canto establece, como unha das causas de extinción da concesión, o feito de non cumprir cos obxectivos de rendibilidade previstos.

Vistas as disposicións citadas, a Consellería do Medio Rural e do Mar, resolve:

Outorgar a autorización previa para a transmisión do parque de cultivo descrito no punto segundo dos antecedentes.

Baixo as seguintes condicións e características:

Primeira. Os actuais titulares deberán presentar no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, orixinal ou fotocopia cotexada da seguinte documentación:

a) Documento notarial da transmisión.

b) Solicitude ou carta de pagamento do imposto de transmisións patrimoniais ou documento de sucesións.

Segunda. Unha vez transcorrido o prazo indicado na condición primeira sen ter presentado a documentación requirida, a autorización quedará sen efecto, logo de comunicación por parte da consellería.

Terceira. Os novos titulares da concesión quedan subrogados nos dereitos e nas obrigas do anterior, desde o momento de formalización da compravenda en escritura pública, e deben cumprir as seguintes condicións:

– A rendibilidade do parque segundo os plans presentados na solicitude de transmisión.

– O mantemento da totalidade da superficie do parque nas adecuadas condicións que aseguren a súa produtividade.

– As variacións dos sistemas produtivos utilizados no parque para acadar a rendibilidade prevista nos plans deberanse comunicar á Administración competente en materia de acuicultura.

– O cesamento da actividade, aínda que sexa temporal, deberase comunicar á Administración competente en materia de acuicultura.

– Deberá inscribirse no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras) ou equivalente.

– Deberá cumprir as normas de extracción, regulación e comercialización e comunicarlle á Administración competente os datos estatísticos a que obrigue a lexislación vixente.

– Deberá comunicar, no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a autorización previa desta transmisión á Demarcación de Costas de Galicia, Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Cuarta. Unha vez tramitada a transmisión, as participacións na titularidade quedan para:

– La Punta del Capitán, S.L., con CIF B-85573947, cunha participación do 87,5 %.

– Elena Concepción Borrás Carnero, con CIF 33300452V, e unha participación do 6,25 %.

– Joaquín Eduardo Borrás Carnero, con CIF 33300593C, cunha participación do 6,25 %.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa publicación. En todo caso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza o rexeitamento presunto do recurso de reposición.

A Coruña, 21 de abril de 2015

P.D. (Resolución do 12.4.2012)
Juan Carlos Barreiro González
Xefe de Coordinación da Área do Mar-A Coruña