Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 13 de maio de 2015 Páx. 18829

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2015 pola que se convoca a xornada O voluntariado de protección civil, elemento necesario no Sistema integrado de protección civil e emerxencias.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria da xornada O voluntariado de protección civil, elemento necesario no Sistema integrado de protección civil e emerxencias, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade:

Tipo

Xornada

Denominación

O voluntariado de protección civil, elemento necesario no Sistema integrado de protección civil e emerxencias

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

6

Prazas

Limitadas pola capacidade do local

2. Contido:

• O voluntariado de protección civil en Galicia, a súa importancia dentro do Sistema integrado de protección civil e emerxencias.

• Redes sociais e novas tecnoloxías na xestión de emerxencias.

• Actividades realizadas polas AVPC: inicio e desenvolvemento dunha AVPC nun pequeno concello. Actividades de prevención e loxística das AVPC en eventos de gran concentración de persoas.

• Formación das AVPC a través da Academia Galega de Seguridade Pública.

• Uniformidade e imaxe corporativa das AVPC.

• Nova Rede TETRA de comunicacións.

• Novo Centro de Atención a Emerxencias 112 Galicia.

3. Destinatarios/as:

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil e demais persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

4. Desenvolvemento da actividade:

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Data: 20 de xuño.

Horario: das 9.30 ás 17.00 horas.

Uniformidade: é obrigatorio asistir á actividade co uniforme de protección civil.

5. Inscrición:

a) O persoal que desexe participar na actividade convocada nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición empezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 12 de xuño de 2015.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos para a actividade, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da actividade solicitada, así como á imposibilidade de participar en ningunha outra actividade durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante:

6.1. Os criterios de selección son os seguintes:

1. Terán preferencia na selección as persoas solicitantes voluntarias das AVPC.

2. Garantiranse dous aspirantes por cada AVPC. Dentro de cada AVPC os aspirantes serán admitidos pola orde de presentación da solicitude de inscrición.

6.2. En caso de que despois de aplicar os criterios anteriores quedasen prazas vacantes, o resto de participantes admitiranse segundo a orde presentación de solicitudes.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado:

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada xornada, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante:

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Certificado de asistencia:

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

10. Facultades da Agasp:

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir a actividade, ampliar novas edicións ou suspendela temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 5 de maio de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública