Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 13 de maio de 2015 Páx. 18847

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as de diversas categorías estatutarias para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

Mediante Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 9 de xullo de 2014, abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de pasador/a de ferro e lavandeiro/a.

Na devandita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data do 30 de agosto de 2014 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e verificados os datos correspondentes aos requisitos das persoas solicitantes, esta dirección xeral, de conformidade coa base sétima da resolución de inicio do prazo de inscrición (DOG núm. 135, do 17 de xullo),

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de pasador/a de ferro e lavandeiro/a.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as en cada unha das categorías publicadas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base sétima da Resolución do 9 de xullo de 2014, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir ás direccións das estruturas organizativas de xestión integrada ou ás direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

As persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación neste proceso, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A estimación ou rexeitamento das emendas presentadas entenderanse implícitos na resolución desta dirección, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as.

As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado nesta resolución, non emenden o/s defecto/s motivo da exclusión, serán definitivamente excluídas da participación neste proceso de selección.

Cuarto. As persoas que formalizasen a súa solicitude de inscrición nas listas correspondentes a estas categorías con posterioridade ao 30 de agosto de 2014, incluiranse na relación de admitidos/as e excluídos/as do seguinte proceso de xeración de listas que se efectúe.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos