Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 11 de maio de 2015 Páx. 18524

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 71/2015, do 7 de maio, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da obra variante de Aradas en Santiago de Compostela (clave AC/10/020.01).

Antecedentes:

O 13 de agosto de 2003 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 156) a Resolución do 4 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba definitivamente o plan denominado Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo como plan sectorial de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Máis tarde, o pasado 30 de setembro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 188) a Resolución do 21 de setembro de 2011, da entón Dirección Xeral de Infraestruturas, pola que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra variante de Aradas en Santiago de Compostela, clave AC/10/020.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

O 3 de outubro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 189) a Resolución do 19 de setembro de 2012 pola que se facía pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de xullo de 2012, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental da obra variante de Aradas, no concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

Posteriormente, e tras a análise das alegacións presentadas, o 15 de marzo de 2013, publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 53) o anuncio do 25 de febreiro de 2013 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o referenciado proxecto de trazado.

O mencionado proxecto ten por obxecto a definición dun trazado para a nova vía que conecte o polígono industrial do Tambre coas estradas CP-0701 e CP-7804, mellorando deste xeito a saída desde o polígono cara ao oeste a través da nova variante, e coa menor afección posible ao medio natural e as poboacións do contorno.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola necesidade de evitar que o tráfico xerado e atraído fundamentalmente polo polígono, que teña a súa orixe ou destino cara ao oeste de Santiago de Compostela, se vexa na obriga de retroceder e atravesar o centro da cidade.

Así mesmo, esta nova vía servirá para mellorar a conexión do tráfico procedente das comarcas de Bergantiños e Xallas coa rede de estradas de Santiago de Compostela, evitando a necesidade de que deban circular polo centro da cidade.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para facer fronte aos problemas de seguridade viaria. De aí a necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Segundo o número 5 do artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implica a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, os depósitos dos materiais sobrantes e os préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e da urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de maio de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da obra variante de Aradas en Santiago de Compostela, de clave AC/10/020.01.

Santiago de Compostela, sete de maio dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas