Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 8 de maio de 2015 Páx. 18496

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan parcial do solo urbanizable delimitado número 11 (SUD-11). Muíño de Vidán.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria do día 28 de novembro de 2014, adoptou entre outros o seguinte acordo:

Aprobar definitivamente o Plan parcial de ordenación do SUD-11 (Muíño de Vidán), segundo o documento reformado presentado o día 17 de novembro de 2014 por Zoar Residencial, S.L., no cal figuran incorporadas as modificacións sinaladas no acordo, xunto cos anexos presentados o 9 de xuño.

O presente acordo notificaráselles persoalmente a todos os interesados e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo publicarase, xunto co texto íntegro da normativa urbanística aprobada, no Boletín Oficial da provincia.

Con data do 25 de novembro de 2014, Zoar Residencial, S.L. presentou un documento refundido que integra a documentación presentada o día 17 de novembro cos anexos presentados o 9 de xuño de 2014. Neste documento corríxese tamén a cor da trama que define o sistema viario nos planos de ordenación 3 e 6.1, xa que a anterior trama levaba a confusión. Este cambio é simplemente de carácter gráfico e non afecta o contido do documento aprobado. O Pleno da Corporación, con data do 4 de marzo, toma coñecemento da presentación do documento refundido.

O acto de aprobación definitiva da citada modificación puntual foi comunicado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, con data do 24 de marzo de 2015, en cumprimento do disposto polo artigo 92.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

O anuncio de aprobación definitiva, xunto coa normativa, publicouse no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 69, do 15 de abril de 2015.

Contra o acordo de aprobación definitiva poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2015

Teresa Gutiérrez López
Concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible