Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 4 de maio de 2015 Páx. 17196

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para autorización dos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia para a participación no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE).

A Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, establece as bases reguladoras do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE) nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na sección terceira da citada orde descríbese o procedemento de autorización dos centros: solicitude, documentación, lugar e prazo de presentación.

Ademais, na disposición derradeira primeira, autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2015/16 de autorización da impartición do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE) nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, as persoas representantes dos centros educativos solicitantes poderán completar en liña o formulario electrónico dispoñible na parte de linguas estranxeiras, programa (CUALE) (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos). Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa representante deberá imprimir, asinar e enviar á xefatura territorial correspondente.

Así mesmo, tamén poderán presentarse as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro deberá dirixirse á xefatura territorial correspondente antes do 10 de xuño de 2015. A xefatura territorial trasladará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, antes do 30 de xuño de 2015, a documentación recibida acompañada do informe dos servizos provinciais de Inspección educativa, no cal se fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 3. Documentación

Os centros que desexen participar no programa CUALE deberán facer a correspondente solicitude (anexo I, modelo normalizado ED530A) e dirixila á xefatura territorial correspondente, achegando a documentación que se relaciona a seguir:

1. Certificación da aprobación da solicitude por parte do consello escolar.

2. Título de funcionario ou funcionaria de carreira e acreditación de destino definitivo no centro do profesorado que impartirá a docencia.

3. Certificación da dirección do centro do número de alumnos e alumnas preinscritos en cada modalidade do programa.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es .

Artigo 5. Avaliación e certificación

1. O profesorado responsable desta formación realizará probas ao remate do curso correspondente a cada modalidade.

2. A superación das devanditas probas suporá a expedición por parte do centro de dous tipos de certificación:

a) Certificado do nivel básico A1 de competencia no CUALE A1.

b) Certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas, no resto das modalidades.

3. Para a avaliación positiva do curso será preciso ter unha cualificación igual ou maior de 5, sobre 10, nas probas de aproveitamento.

4. No caso de non ter avaliación positiva no curso, o alumnado poderá inscribirse na mesma modalidade por segunda e última vez.

Artigo 6. Memoria

Os centros que estean a participar nas distintas modalidades establecidas nesta resolución deberan remitir anualmente á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, antes do 30 de xuño, unha memoria final, que tamén se incluirá na memoria final de curso que o centro remite aos servizos provinciais de inspección educativa.

Artigo 7. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file