Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 29 de abril de 2015 Páx. 16556

III. Outras disposicións

Consello da Cultura Galega

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2015 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de tres bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, na súa liña b), establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2015 figura a convocatoria pública de tres bolsas de colaboración para proxectos de investigación sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase nas funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Esta resolución ten como obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria de tres bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e que se inclúen como anexos a esta resolución, na cal se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas regulamentadas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Cada bolsa estará dotada con novecentos cincuenta euros (950,00) por un período de seis (6) meses.

Segunda. Contía das bolsas e dotación orzamentaria

A contía das bolsas será de novecentos cincuenta euros mensuais (950,00 euros), coa retención fiscal que corresponda. Nesta contía están incluídos os custos da Seguridade Social (cota social e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 11 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

O Consello da Cultura Galega financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 e 03.01.111D.480.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, por un importe de dezasete mil cen euros (17.100,00 euros).

Para o gasto que se proxecta existe crédito suficiente na aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 e 03.01.111D.480.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Terceira. Duración

A duración de cada unha das bolsas será de seis (6) meses, iniciaranse previsiblemente o 1 de xuño de 2015 e rematarán o 30 de novembro de 2015. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa, en calquera caso, a data límite de finalización das bolsas será o 31 de decembro de 2015.

As bolseiras e os bolseiros que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.

Cuarta. Requisitos xerais

Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios/as delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación académica requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2010/11 ou posterior.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.

d) Non incorrer nalgunha das causas de prohibicións para ser beneficiario/a, ás cales se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os formularios tamén estarán dispoñibles na páxina web do Consello da Cultura Galega http://www.consellodacultura.gal .

A presentación das solicitudes poderá, de igual forma, facerse de forma presencial no rexistro do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar; praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexta. Documentación

Xunto coa solicitude (segundo o modelo que figura como anexo III desta resolución) presentarase, ademais, a seguinte documentación en orixinal ou copia:

– Copia do DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

– Título académico requirido no anexo correspondente ou, no caso de non telo, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición (só no caso de non autorizar a súa consulta).

– Certificación académica oficial completa na que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro). Os/as titulados/as que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación deste 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico. Os/as solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

– Currículo, acompañado da documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

– Copia do título de lingua galega (nivel perfeccionamento ou Celga 4).

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Xerencia do Consello da Cultura Galega revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompletas as solicitudes, conter erros ou non achegar toda a documentación acreditativa dos requisitos xerais exixidos por medio desta convocatoria, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos; se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante a publicación no taboleiro e na páxina web do Consello da Cultura Galega: http://consellodacultura.gal .

Sétima. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, de non o haber, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Oitava. Protección de datos persoais

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Procesos selectivos», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Consello da Cultura Galega. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Consello da Cultura Galega, mediante o envío dunha comunicación a través do correo electrónico: rexistro@consellodacultura.gal .

Novena. Instrución

A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Xerencia do Consello da Cultura Galega.

A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión de valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, os preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente: un membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega.

– Vogais: tres persoas especialistas nos ámbitos de coñecemento para os cales se convocan as bolsas.

– Secretario: o secretario do Consello da Cultura Galega.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

Décima. Criterios xerais de selección

A comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

– Expediente académico, que se valorará de forma proporcional ata un máximo de 10 puntos. A nota media do expediente académico persoal calcularase de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

– Currículo da persoa solicitante e experiencia dentro dos ámbitos de coñecemento aos que van destinadas estas bolsas: ata un máximo de 4 puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polas persoas solicitantes que non fosen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o expediente académico e, en segundo lugar, o currículo.

Décimo primeira. Procedemento

Unha vez rematado o proceso de avaliación dos méritos das e dos solicitantes, a comisión de valoración confeccionará un informe en que se concrete a atribución motivada das puntuacións. A Xerencia do Consello da Cultura Galega, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. Esta proposta farase pública na páxina web do Consello da Cultura Galega: http://consellodacultura.gal .

Abrirase un prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da data de publicación da listaxe coa puntuación provisional, co fin de que as persoas interesadas poidan realizar as reclamacións sobre esta nos lugares e forma indicados na base quinta desta convocatoria. Seguidamente, resolverá as reclamacións e expoñerá a seguir a listaxe definitiva de posibles bolseiros ou bolseiras, no mesmo lugar citado anteriormente, na cal figurarán os/as candidatos/as propostos/as e 5 suplentes, ordenados/as pola puntuación total, tendo en conta que só se valorarán os méritos alegados ou relacionados co anexo ao cal opte a persoa solicitante. A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a bolseira ou bolseiro seleccionada/o non se incorpore na data establecida, cando manifeste expresamente a súa aceptación da bolsa e renuncie a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

De non presentarse solicitudes ou se ningún dos/das candidatos/as presentados/as resulta idóneo/a, a comisión de valoración poderá establecelo así no seu informe.

Décimo segunda. Resolución e publicación

O órgano instrutor enviará a súa proposta de resolución ao presidente do Consello da Cultura Galega, como órgano resolutorio do expediente, na cal constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais puntos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión da bolsa publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web do Consello da Cultura Galega, http://www.consellodacultura.gal , mediante relación nominal do/a beneficiario/a e suplentes e demais supostos, pola que se entenderán notificados/as para todos os efectos os/as solicitantes, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos/ás beneficiarios/as.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as interesadas e os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, perante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, regulamentadora da xurisdición contencioso-administrativa.

De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións específicas nesta resolución será de cinco meses, contados a partir de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para considerar desestimada, por silencio administrativo, a solicitude de concesión da subvención.

Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses, a partir da publicación da concesión das bolsas, para recuperaren a documentación presentada.

Décimo terceira. Aceptación de bolsas

Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa polo/a beneficiario/a, este/a disporá do prazo de dez (10) días hábiles para comunicarlle ao Consello da Cultura Galega a súa aceptación ou renuncia. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa polo beneficiario/a, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo unha declaración responsable na cal conste o número IBAN (International Bank Account Number), onde deberá ser aboada a bolsa.

Se nese prazo algún dos/das beneficiarios/as fixese renuncia expresa da bolsa, procederase automaticamente á adxudicación da bolsa ao/á seguinte aspirante en puntuación.

A data de incorporación establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora no prazo de 15 días hábiles seguintes á data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada de atraso, que deberá ser alegada por escrito no referido prazo. No suposto de incorporación tardía, aínda que xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se vai percibir.

Décimo cuarta. Pagamento e xustificación

O pagamento da bolsa realizarase a mes vencido na conta bancaria indicada pola persoa interesada, logo da correspondente certificación emitida polo secretario do Consello da Cultura Galega, de acordo co informe emitido polo director do proxecto de investigación a que estea adscrita a bolseira ou bolseiro, sempre que as actividades desenvolvidas se realicen con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa. Co último pagamento os/as beneficiarios/as deberán presentar declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo quinta. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os bolseiros e bolseiras.

Décimo sexta. Incompatibilidades, obrigas e cumprimento

a) Se algún/algunha dos/das beneficiarios/as destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado/a para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao presidente do Consello da Cultura Galega, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. A bolsa vacante poderáselle adxudicar ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes.

b) As beneficiarias e os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento por parte da bolseira ou bolseiro de calquera das condicións recollidas na presente resolución e nas demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponde en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) A concesión destas bolsas será incompatible con axudas destinadas ao mesmo fin.

Décimo sétima. Réxime de desenvolvemento

Primeira. Os/as bolseiros/as seleccionados/as quedarán obrigados/as a:

a) Permanecer na sede do Consello da Cultura Galega, en horario habitual de presenza de mañá ou tarde, a non ser cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.

b) O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Seguir as indicacións técnicas dos/das coordinadores/as ou titores/as do proxecto.

d) Entregar mensualmente aos/ás coordinadores/as ou titores/as do proxecto un informe da súa actividade e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa do resultado daquela.

Segunda. Os/as coordinadores/as ou titores/as que dirixan os/as bolseiros/as poderán propoñerlle ao presidente do Consello da Cultura Galega a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

Décimo oitava. Titores e/ou titoras

Cada un dos bolseiros e das bolseiras contará cun titor ou cunha titora, que será a encargada de orientalos na súa formación. Deste xeito, as tarefas que os bolseiros e as bolseiras levarán a cabo estarán unicamente encamiñadas a completar a súa formación en cada eido investigador, non podendo desenvolver ocupacións relacionadas coas tarefas administrativas propias do Consello da Cultura Galega.

Disposición adicional primeira

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

A concesión das bolsas regulamentadas nesta resolución terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional terceira

Esta convocatoria poderase impugnar mediante un recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, regulamentadora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2015

P.D. (Resolución do 8 de abril de 2015)
Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Vicepresidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I
Dúas bolsas para colaborar na Área de Publicacións

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes.

Para solicitar as bolsas as que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Ser licenciado/a en Comunicación, Humanidades ou Ciencias Sociais.

Valoraranse como méritos:

– Posuír experiencia en edición de textos e edición dixital.

– Posuír coñecementos de tradución e corrección.

– Posuír coñecementos de informática.

ANEXO II
Unha bolsa para colaborar na Área de Documentación

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Ser licenciado/a en Documentación ou Humanidades.

Valoraranse como méritos:

– Posuír coñecementos de catalogación en formatos Marc.

– Posuír coñecementos de programas de catalogación.

– Posuír coñecementos de informática.

– Posuír experiencia en xestión documental.

missing image file
missing image file