Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 22 de abril de 2015 Páx. 15366

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2015 pola que se convoca unha xornada sobre intervención en accidentes durante o transporte por estrada de gas natural licuado.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada sobre intervención en accidentes durante o transporte por estrada de gas natural licuado, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Xornada

Denominación

Intervención en accidentes durante o transporte por estrada de gas natural licuado

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

8

Prazas

Limitadas pola capacidade do local

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: realizar unha aproximación teórica e práctica a distintos aspectos das unidades de competencia incluídas na cualificación profesional SEA129_2 – Extinción de incendios e salvamento.

Contidos:

• Propiedades do gas natural. O gasoduto físico. Gas natural comprimido (GNC). O gasoduto virtual. Gas natural licuado (GNL).

• Cisternas para o transporte de GNL. Estabilidade das cisternas. Procesos de carga e descarga.

• Comportamento ante o lume das cisternas de GNL. O fenómeno BLEVE.

• Accidentes con cisternas de GNL en España. Intervención en accidentes no transporte de GNL. Sistemas de transvasamento.

• O accidente de Zarzalico (Murcia). Desenvolvemento do sinistro e intervención.

3. Destinatarios/as.

Profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios), persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES), profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias, persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil e outras persoas interesadas no tema.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Data: 18 de xuño.

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas.

Uniformidade: é obrigatorio asistir á actividade co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento da actividade formativa.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar na actividade convocada nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición cómpre darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos para a actividade, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos teléfonos 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou o enderezo de correo electrónico: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da actividade solicitada, así como á imposibilidade de participar en ningúnha outra actividade durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. A preferencia na selección establecerase na seguinte orde:

1º. Profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

2º. Persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

3º. Profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

4º. Persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil.

6.2. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houber.

6.3. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

6.4. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada xornada, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número: 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

10. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir a actividade, ampliar novas edicións desta ou suspendela temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 13 de abril de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública