Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 22 de abril de 2015 Páx. 15344

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da comisión negociadora do convenio colectivo da Corporación Voz de Galicia, S.L.U 2015-2016.

Visto o acordo da comisión negociadora do convenio colectivo da corporación Voz de Galicia, S.L.U. 2015-2016, subscrito na xuntanza do 21 de xaneiro de 2015, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar a inscrición do devandito acordo no Rexistro Xeral de Convenios desta dirección xeral.

Segundo. Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2015

Carmen Bouso Montero
Directora xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Acordo de negociación colectiva da Corporación Voz de Galicia, S.L.U. 2015-2016

Primeiro. Vixencia

O presente acordo terá unha vixencia de dous anos, polo que estenderá os seus efectos durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2016.

Segundo. Incremento 2016

Con efectos do 1 de xaneiro de 2016 procederase a aplicar sobre os salarios de táboas a porcentaxe de IPC real do exercicio 2015. Esta aplicación só producirá os seus efectos se o IPC resulta positivo.

Terceiro. Minoración salarial

Establecemento desde o 1 de xaneiro de 2015 ao 31 de decembro de 2016 dun concepto salarial negativo sobre o total das retribucións brutas (fixas e variables) e exceptuándose 9.000 € en cómputo anual, que operará como concepto de neutralización salarial. Aplicarase en escala segundo se detalla a seguir:

Retribución anual por todos os conceptos

% de aplicación

Para traballadores/as con retribucións iguais ou inferiores a 22.000 euros e xubilados parciais

0,00 %

Para traballadores/as con retribucións comprendidas entre 22.001 euros e 30.000 euros

9,00 %

Para traballadores/as con retribucións comprendidas entre 30.001 e 42.000 euros

11,00 %

Para traballadores/as con retribucións superiores a 42.000 euros

12,50 %

A porcentaxe de minoración que se aplicará a cada traballador obterase da táboa anterior, en función do tramo que corresponda segundo a súa retribución bruta anual por todos os conceptos, que virá determinada pola suma do importe do seu salario bruto fixo anual equivalente a xornada completa e a do importe correspondente ao variable anual devindicado no exercicio anterior. Esta porcentaxe de minoración regularizarase ao final de cada un dos dous anos en cuestión, en función do salario bruto fixo anual equivalente a xornada completa e a do importe variable percibido.

Para determinar a base salarial suxeita a minoración (BI) do importe total retribución fixa (RF) e variable de cada traballador (RV), detraerase o mínimo exento de 9.000 € anuais por xornada completa ou porcentaxe equivalente a xornada (ME). É dicir, BI =RF +RV-ME.

Esta minoración aplicarase nas nóminas mensuais nas cales se incluirá tamén o desconto correspondente ás pagas extra.

Co obxecto de mitigar o efecto que produce este axuste nas pagas mensuais, os traballadores que non teñan as súas pagas extraordinarias rateadas poderán solicitar anticipo mensual á conta destas polos importes que compensen esa diminución.

A aqueles traballadores que teñan as pagas extras rateadas, o desconto correspondente realizarase en cada unha das nóminas devindicadas durante a vixencia do acordo.

Cuarto. Paga de beneficios con cargo aos resultados dos exercicios de 2015 e 2016, respectivamente

A minoración salarial aplicada en cada exercicio poderá ser recuperable en parte ou na súa totalidade mediante unha paga de beneficios.

Dado que o volume de actividade e a carga de traballo da empresa dependen en boa medida dos servizos prestados á súa filial e cliente principal, La Voz de Galicia, S.A., e, en particular, da evolución da conta de perdas e ganancias desta, co fin de dotar o presente acordo da maior obxectividade e fiabilidade posible, a paga de beneficios estará ligada aos resultados anuais antes de impostos obtidos no momento do peche de cada un dos respectivos exercicios por La Voz de Galicia, S.A. Non se computarán os dividendos percibidos de empresas do grupo, os beneficios por alienación de inmobilizado, os gastos por indemnizacións por despedimento en que eventualmente se puidese incorrer e tampouco os resultados (incluídas deterioracións) da carteira das sociedades participadas.

A paga de beneficios distribuirase proporcionalmente entre o persoal, segundo o detraído a cada empregado en cada exercicio anual. O importe da paga de beneficios de cada exercicio determinarase de acordo coa escala que a seguir se detalla (tendo como tope a minoración salarial total aplicada no exercicio en cuestión), que se aplica de forma acumulativa se resultan varios tramos.

Escala en función de beneficios (*)

Por cada 10.000 euros de beneficio ata 600.000 euros, recupérase a seguinte porcentaxe da minoración salarial aplicada no exercicio

0,489 %

Por cada 10.000 euros de beneficio de 600.001 ata 1.200.000 euros, recupérase a seguinte porcentaxe da minoración salarial aplicada no exercicio

0,370 %

Por cada 10.000 euros de beneficio a partir de 1.200.001 euros, recupérase a seguinte porcentaxe da minoración salarial aplicada no exercicio

0,244 %

(*) Resultados de La Voz de Galicia, S.A. antes de aplicar a paga de beneficios ao seu persoal

O pagamento das cantidades resultantes realizarase en concepto de paga de beneficios, con cargo á conta de resultados do exercicio 2015 ou 2016 (exercicios de devindicación), segundo corresponda, en dous prazos de igual importe, o primeiro antes do 7 de xaneiro e o segundo antes do 7 de abril do exercicio seguinte á súa devindicación.

Quinto. Paga compensatoria con cargo a resultados do exercicio 2014 por redución salarial

Para compensar o esforzo soportado polo cadro de persoal coa adopción destas medidas, Corporación Voz de Galicia, S.L.U. aboará ao persoal que estea no cadro de persoal en alta no momento do inicio de vixencia do presente acordo, con cargo á conta de resultados do exercicio 2014, unha indemnización compensatoria que se cuantifica no 50 % da minoración salarial aplicada durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014.

O pagamento das devanditas cantidades realizarase da forma que a seguir se detalla:

– O 50 % do importe total resultante antes do 31 de xaneiro de 2015.

– O outro 50 % restante na primeira semana de abril de 2015.

As cantidades percibidas segundo o previsto neste punto computarán para os efectos do establecido na cláusula terceira do Acordo do 4 de setembro de 2013 e, polo que se refire ás posibles cantidades pendentes de recuperar derivadas dos resultados dos exercicios 2015 e 2016, manterá a súa vixencia o establecido na referida cláusula terceira cuxo teor establecía que «Para compensar o esforzo soportado polo cadro de persoal coa adopción destas medidas e no suposto de que a empresa entrase en beneficios, por cada 90.000 € de beneficio bruto antes de impostos alcanzado pola sociedade nos exercicios 2014, 2015 e 2016 (non se computarán os dividendos percibidos de empresas do grupo nin os beneficios por alienación de inmobilizado, nin os gastos por indemnizacións por despedimento en que eventualmente se puidese incorrer), distribuirase entre o persoal anualmente 21.000 € e ata alcanzar o 40 % do importe detraído como minoración salarial, que equivale ao 1 % da masa salarial, excluídos directivos, sempre e cando o presente pacto manteña a súa vixencia».

Sexto. Mantemento de emprego

Corporación Voz de Galicia, S.L.U. renova o compromiso de mantemento de emprego, mediante o establecemento dunha garantía de mantemento de emprego, salvo que a caída de ingresos durante a vixencia do acordo arrastre a sociedade a unha situación de inviabilidade. Enténdese para todos os efectos que se produciría a devandita situación e, por conseguinte, Corporación Voz de Galicia, S.L.U. quedaría liberada do seu compromiso de mantemento de emprego se durante dous trimestres consecutivos se incumpren os límites de referencia que a continuación se sinalan (en euros):

30.9.2015

31.12.2015

31.3.2016

30.6.2016

30.9.2016

31.12.2016

Límite de referencia sen variación de emprego (euros)

45.681.109

62.874.275

14.412.845

30.345.218

45.681.109

62.874.275

Importes do ano 2014 (en euros a título informativo (4º trimestre estimado)

47.238.643

65.017.462

15.116.527

31.390.477

47.238.643

65.017.462

Os importes anteriores correspóndense coa suma de:

O importe neto da cifra de negocios de Galicia Editorial, S.L., Distribuidora Gallega de Publicaciones, S.L. e Instituto Sondaxe, S.L.

E os ingresos obtidos por La Voz de Galicia, S.A. por publicidade impresa e dixital (que se presentan netos de rappel de publicidade) e venda de exemplares (impresos e dixitais).

Non se computarían en ningún caso os dous primeiros trimestres de 2015.

No suposto de que os ingresos computables se sitúen por debaixo dos límites de referencia do cadro anterior para que decaia a garantía de mantemento de emprego, excepcionalmente, e atendendo á condición de cliente principal de La Voz de Galicia, S.A. respecto a Corporación Voz de Galicia, S.L.U., a devandita garantía non decaerá se os ingresos de La Voz de Galicia, S.A. por publicidade impresa e dixital (netos de rappel de publicidade) e venda de exemplares (impresos e dixitais) son iguais ou superiores a 33.053.930 € en 30.9.2015, a 45.970.793 € en 31.12.2015, a 10.241.018 € en 31.3.2016, a 21.773.474 € en 30.6.2016, a 33.053.930 € en 30.9.2016 e a 45.970.793 € en 31.12.2016.

Se hai que recorrer a medidas de variación de emprego, os despedimentos efectuados non poderán exceder o 8 % do cadro de persoal indefinido a 31.12.2014. No suposto de que se producise durante o período de vixencia unha segunda ruptura dos límites establecidos e fose necesaria unha nova variación no emprego, teranse en conta as desvinculacións que se producisen con anterioridade para os efectos de cómputo.

Prevese expresamente que non computarán para os efectos do referido compromiso de mantemento de emprego as baixas que se produzan sen iniciativa empresarial tales como xubilación, invalidez, excedencia, calquera tipo de baixa por instancia do traballador ou que conte coa súa conformidade, con independencia da modalidade pola que se articule esta; tampouco se computarán os despedimentos disciplinarios nin a subrogación contractual de traballadores a empresas da corporación.

Sétimo. Indemnizacións

No suposto de que decaia a garantía de emprego de acordo co establecido no punto sexto do presente acordo, as resolucións contractuais que se produzan levaranse a cabo mediante a modalidade de despedimento obxectivo con dereito a percibir unha indemnización de 30 días por ano de servizo co tope de 21 mensualidades, non podendo superar en ningún caso a suma de 110.000 €. Tomarase como base, para os efectos do cálculo da indemnización correspondente, o salario sen a minoración aquí pactada (e, polo tanto, obviamente, sen incluír a paga compensatoria nin as pagas de beneficios deste acordo), sen que proceda a devolución das cantidades detraídas.

Oitavo. Comisión paritaria

En beneficio do acordo subscrito, a comisión paritaria do convenio ocuparase do seu seguimento co fin de resolver as eventuais discrepancias que se poidan producir na execución do presente acordo.

Noveno

Quedará prorrogado ata o 31 de decembro de 2016 o convenio colectivo de Corporación Voz de Galicia, S.L.U. 2006-2007 (DOG 16.11.2006) e o Acordo modificativo do 4 de setembro de 2013 en todas aquelas cuestións que non contraveñan o aquí pactado.

Décimo

Ambas as dúas partes comprométense a continuar periodicamente as reunións de traballo co obxecto de tratar os temas que puidesen quedar pendentes de concreción tales como retribución flexible.

Décimo primeiro. Medidas de acompañamento

Durante o período de vixencia deste acordo, a empresa manterá a minoración salarial aplicada en 2014 aos directivos de Corporación Voz de Galicia, así como a minoración aplicada aos conselleiros e administradores de La Voz de Galicia no devandito exercicio.