Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14008

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 46/2015, do 19 de marzo, polo que se crea a Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

Constitúen principios básicos da Administración achegar os servizos públicos á cidadanía, facilitar o seu uso e melloralos consonte os recursos dispoñibles, así o defenden as normas básicas de convivencia desta comunidade autónoma, recollidas na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 44.1, sinala que os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á cal todas as persoas teñen dereito.

Pola súa vez, o artigo 27.19 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle a competencia exclusiva á Xunta de Galicia en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

Así mesmo, o artigo 27.20 do propio Estatuto de autonomía recolle a competencia exclusiva da Xunta de Galicia na materia de fomento e ensino da lingua galega, e no artigo 32 sinálase que lle corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego.

En execución das ditas competencias ditouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, que establece, no seu artigo 20.3, a obriga da Xunta de Galicia de contribuír ao fomento do libro galego con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición.

O Decreto 316/1990, do 8 de xuño, regulou as publicacións da Xunta de Galicia. Foi derrogado polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo, que lle atribúe á daquela Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a actividade de funcionamento como servizo central de publicacións da Xunta de Galicia. Este, pola súa vez, foi modificado polos decretos 116/2002, do 1 de febreiro e 176/2011, do 1 de setembro.

Pola súa banda, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, xunto co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas súas entidades dependentes, abundan na necesidade da actuación obxecto deste decreto.

Finalmente, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, desenvolve a previsión constitucional de promover e tutelar o acceso á cultura de todas as persoas. Así mesmo, no seu artigo 11.4, establece que a Xunta de Galicia creará unha libraría institucional do Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia, na cal se ofrezan todas as publicacións oficiais de calquera departamento ou organismo autónomo.

Na actualidade, e consonte os textos legais referidos, enténdese como unha necesidade importante adecuar a xestión das publicacións institucionais aos recursos técnicos xerados, no que atinxe ás actividades de comercio electrónico, editoriais e bibliográficas, de maneira que a cidadanía de Galicia teña á súa disposición, dun xeito doado, o material xerado polos órganos de goberno autonómicos e as súas unidades e entidades dependentes.

Este decreto queda estruturado nunha parte expositiva, tres artigos, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e adscrición

Creáse a Libraría Institucional da Xunta de Galicia, que terá por obxecto a distribución e comercialización, a través dunha plataforma electrónica, do fondo editorial da Xunta de Galicia. A súa xestión correspóndelle á consellería competente en materia de cultura, en cuxa estructura orgánica se integra como unidade administrativa dependente do servizo competente en materia de publicacións.

Artigo 2. Natureza

A Libraría Institucional da Xunta de Galicia terá carácter público e desenvolverá a súa actividade a través dunha plataforma electrónica, de forma que garanta o acceso aos seus contidos e servizos a toda a cidadanía, con independencia da súa localización física.

Artigo 3. Funcionamento e xestión

A Libraría Institucional da Xunta de Galicia estará dispoñible a través do enderezo electrónico https://libraria.xunta.es, onde se recollerá a información sobre o seu funcionamento, asi como as normas de acceso e uso, de acordo coas regras contidas na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dependentes.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Prazos, recursos e materias non reguladas neste decreto

Respecto dos prazos, recursos e demais materias non reguladas expresamente neste decreto, aplicarase o disposto nas normas que resulten de aplicación.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria