Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14025

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 49/2015, do 26 de marzo, polo que se transforma o centro público integrado Vicente Otero Valcárcel en colexio de educación infantil e primaria e se crea un instituto de educación secundaria, ambos os dous no concello de Carral.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma Galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; competencias e funcións que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lle atribúe a esta consellería.

Para a racional distribución das ensinanzas que se imparten nos centros docentes existentes no concello de Carral e as necesidades educativas previstas para a zona, que experimentou un considerable aumento de poboación nos últimos anos, coa saturación do centro público integrado (CPI) Vicente Otero Valcárcel que acolle todas as ensinanzas obrigatorias no concello, faise precisa a súa transformación nun colexio de educación infantil e primaria e a creación dun instituto de educación secundaria no concello de Carral.

O novo centro acollerá o profesorado de educación secundaria do CPI Vicente Otero Valcárcel, polo que é de aplicación o Decreto 140/2006, do 31 de agosto, que determina os criterios de perda de destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o artigo 1.3º do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e o artigo 1.2º do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, aprobado polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro, establecen que a creación destes centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o artigo 1 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias establece que a creación e supresión destes centros se realizará por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Transformación dun centro público integrado nun colexio de educación infantil e primaria

Transfórmase o centro público integrado Vicente Otero Valcárcel do concello de Carral (código 15003005) en colexio de educación infantil e primaria, con efectos do 1 de setembro de 2015, e con capacidade para 6 unidades de infantil e 12 unidades de primaria.

Artigo segundo. Creación dun instituto de educación secundaria

Créase o instituto de educación secundaria de Carral, código 15032923, con capacidade para 12 unidades de educación secundaria obrigatoria, integrando nel as unidades de educación secundaria obrigatoria do devandito centro público integrado Vicente Otero Valcárcel.

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

As mestras e mestres adscritas e adscritos a prazas do primeiro e segundo curso de educación secundaria obrigatoria e o profesorado de ensino secundario, adscritos con carácter definitivo ao CPI Vicente Otero Valcárcel, quedarán adscritos definitivamente ao novo instituto de educación secundaria, aplicando os criterios que establece o artigo 7 do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda de destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el, e demais normativa de aplicación.

O persoal do corpo de mestres/as, adscrito con carácter definitivo ao CPI Vicente Otero Valcárcel en prazas de educación infantil e educación primaria, quedarán adscritos definitivamente ao novo colexio de educación infantil e primaria Vicente Otero Valcárcel, aplicando os criterios que establece o artigo 7 do devandito Decreto 140/2006, do 31 de agosto.

O persoal funcionario docente que queda adscrito aos novos centros manterá, para todos os efectos, a antigüidade que posuía no centro de orixe.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria