Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14028

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 50/2015, do 26 de marzo, polo que se crea un instituto de educación secundaria no concello de Culleredo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; competencias e funcións que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lle atribúe a esta consellería.

Para a racional distribución das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria do concello de Culleredo e as necesidades de escolarización previstas para a zona, faise necesaria a creación dun instituto de educación secundaria no concello de Culleredo, por desagregación do IES Eduardo Blanco Amor, único centro da localidade que imparte as devanditas ensinanzas, hoxe en día saturado e sen capacidade para incrementar o número de grupos que se prevén necesarios nun futuro inmediato, dado o aumento da poboación escolar no concello nos últimos anos.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o artigo 1.3º do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, establece que a creación de centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación dun instituto de educación secundaria

Créase o instituto de educación secundaria de Culleredo, código 15032935, no concello de Culleredo, por desagregación do IES Eduardo Blanco Amor da mesma localidade, con capacidade para 12 unidades de educación secundaria obrigatoria e 4 unidades de bacharelato.

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

O profesorado adscrito con carácter definitivo ao IES Eduardo Blanco Amor poderá adscribirse voluntariamente, de forma definitiva, ao novo centro nun número igual ao de prazas que se creen por cada especialidade, aplicando os criterios que establece o artigo 3.2 do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda de destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el, e demais normativa de aplicación.

No suposto de que o número de persoas que solicitan a adscrición ao novo centro sexa inferior ao de prazas que se extinguen, aplicaranse os criterios que establece o artigo 3.1 do mencionado decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria