Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 9 de abril de 2015 Páx. 13658

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2015, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se acepta a desistencia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. dos procedementos de autorización, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública da instalación LAT 66 kV Padrón-Tibo, variante de Caldas, nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis (expediente IN407A 2009//941-4).

Antecedentes:

Primeiro. O 13 de novembro de 2009 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presenta nesta xefatura territorial o proxecto LAT 66 kV Padrón-Tibo, variante de Caldas, e solicita autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública para a mencionada instalación.

Segundo. A resolución pola que se sometía a información pública a petición de Unión Fenosa Distribución, S.A., xunto coa relación de bens e dereitos afectados pola instalación, foi publicada no DOG núm. 231, do 1 de decembro de 2010, no BOP núm. 15, do 24 de xaneiro de 2011, e no xornal La Voz de Galicia do 25 de novembro de 2010. Tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Caldas de Reis e Cuntis.

Terceiro. O 27 de febreiro de 2015 Unión Fenosa Distribución, S.A. presenta un escrito no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo da Coruña, en que manifesta que desiste da súa solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública para a instalación en cuestión e solicita que se arquive o expediente iniciado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no seu artigo 90 prevé a desistencia e a renuncia dos interesados das súas solicitudes.

Segundo. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra é competente para resolver o expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia e no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, en que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

De acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Aceptar a desistencia de Unión Fenosa Distribución, S.A. da solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública para a instalación LAT 66 kV Padrón-Tibo, variante de Caldas, nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis, tramitada co nº de expediente IN407A 2009/941-4 e proceder ao arquivamento do expediente e ao das actuacións realizadas.

Segundo. Dar publicidade a esta resolución, mediante anuncio no DOG, para xeral coñecemento dos afectados pola citada instalación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente.

Pontevedra, 11 de marzo de 2015

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra