Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 2015 Páx. 11104

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Porriño

EDICTO (118/2013).

Lucía García González, secretaria xudicial do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Porriño, por medio do presente

Anuncio:

Neste procedemento seguido por instancia de María Esther Machado fronte a Jorge Manuel de Paiva Gonçalves ditouse sentenza cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza.

O Porriño, 9 de setembro de 2014.

Vistos por Lorena Fernández Márquez, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Porriño, os presentes autos do procedemento de garda, custodia e alimentos número 118/2013, seguido por instancia de María Esther Machado, dirixida polo letrado Sr. Cachaldora Calderón e representada pola procuradora dos tribunais Sra. Núñez Martínez, fronte a Jorge Manuel de Paiva Gonçalves, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal.

Decisión:

Admítese parcialmente a demanda presentada por María Esther Machado fronte a Jorge Manuel de Paiva Gonçalves e acórdase adoptar as seguintes medidas definitivas reguladoras das relacións paterno-filiais:

1. Atribúeselle a garda e custodia dos fillos menores, Leandro Manuel e Madalena, á nai, e a patria potestade será exercida en exclusiva pola nai.

2. Non se establece réxime de visitas a favor do proxenitor non custodio.

3. Establécese unha pensión de alimentos de 150 euros mensuais a favor de cada un dos menores (300 euros en total), cantidade anualmente actualizable conforme as variacións que experimente o IPC e que o pai ingresará, dentro dos 10 primeiros días de cada mes, na conta que designe a nai.

4. Os gastos extraordinarios que xeren os menores serán sufragados ao 50% por ambos os dous proxenitores, logo de comunicación e xustificación por parte do proxenitor custodio. Enténdese por gastos extraordinarios aqueles que, sendo necesarios ou convenientes para os fillos, sexan excepcionais (non habituais ou ordinarios), imprevisibles e faltos de periodicidade. Para que sexa exixible o pagamento de gastos extraordinarios, na proporción correspondente, por un proxenitor ao outro, deberá mediar logo de consulta do proxenitor que proxecte realizar o gasto ao outro proxenitor, e prestación por este do oportuno consentimento ou, no seu defecto, autorización xudicial. Pero quedan exceptuados deste réxime de consulta previa os gastos sanitarios necesarios de carácter urxente que non estean cubertos polo sistema público sanitario de previsión da Seguridade Social ou calquera outro sistema de previsión concertado polos proxenitores; e tamén aqueles respecto dos cales os proxenitores pactaron que teñan a consideración de “extraordinario”.

Non procede facer expresa imposición de custas procesuais.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e ao Ministerio Fiscal, facéndolles saber que contra esta cabe recurso de apelación, que resolverá a Audiencia Provincial de Pontevedra e que deberá interporse ante este xulgado no prazo de 20 días contados desde a notificación da presente resolución.

Expídase e únase certificado desta sentenza ás actuacións, levando o orixinal ao libro de sentenzas.

Así, por esta sentenza, pronúnciao, mándao e asínao Lorena Fernández Márquez, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 dos do Porriño e o seu partido».

E encontrándose o dito demandado, Jorge Manuel de Paiva Gonçalves, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

O Porriño, 27 de xaneiro de 2015

A secretaria xudicial