Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 16 de marzo de 2015 Páx. 10688

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se regulan os permisos derivados do proceso electoral para órganos de representación do persoal ao servizo das institucións sanitarias.

Ante o proceso de eleccións sindicais para representantes do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde que terá lugar neste ano, cómpre establecer o sistema de permisos para membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nelas, interventores, apoderados das candidaturas e electores das devanditas institucións sanitarias.

Xa que logo, esta dirección xeral, en uso das competencias previstas no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do organismo,

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto establecer os permisos necesarios para executar o proceso de eleccións sindicais para órganos de representación do persoal ao servizo das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, que terá lugar este ano, para os membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nelas, interventores, apoderados das candidaturas e electores das devanditas institucións sanitarias.

Segundo. Reunións previas

Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración desfrutarán de permisos polo tempo indispensable para asistir ás xuntanzas da mesa electoral, incluídos os desprazamentos fóra da súa residencia oficial.

Terceiro. Permisos das mesas electorais

Os membros das mesas, titulares ou suplentes, representantes da Administración, interventores ou apoderados, disporán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación, así como a xornada inmediatamente posterior, sempre que exercesen o seu cargo como membros das mesas. Así mesmo, os membros das mesas, incluídos os que figuran como primeiros suplentes, disporán da licenza retribuída correspondente á garda, quenda, atención continuada que inclúa necesariamente a noite inmediatamente anterior á data de votación, sempre que posteriormente se confirme a súa asistencia ao acto de constitución da mesa no día de votación, aínda que finalmente non forme parte da mesa por figurar o titular.

Os primeiros suplentes que comparezan ao acto de constitución citado e non exercesen o cargo serán compensados co tempo de desprazamento e comparecencia, cunha hora na inmediata quenda que lle corresponda traballar, de coincidir a mesa co centro de traballo. De non ser así, serán compensados ademais co tempo que razoablemente se calcule como de desprazamento.

Cuarto. Permiso especial para mesa coordinadora

Os membros das mesas coordinadoras, titulares ou suplentes, de exerceren o seu cargo, disporán de permiso durante os dous días inmediatamente posteriores á data da votación.

Quinto. Permiso electores

O persoal que presta servizos nas institucións sanitarias xestionadas polo Servizo Galego de Saúde que teña a condición de elector disporá, en función da situación da mesa electoral na que exercerá o seu dereito de voto, dos permisos seguintes:

1. De atoparse a mesa electoral no mesmo centro de traballo onde presta os seus servizos, do tempo imprescindible para depositar o seu voto.

2. Cando a mesa electoral estea situada en diferente centro de traballo do que se atopa prestando os seus servizos o elector, pero na mesma localidade, ata un máximo de dúas horas.

3. Se a mesa está situada nun centro de traballo fóra da localidade do centro de traballo do votante, ata un máximo de catro (4) horas.

4. O persoal de cota e zona disporá do permiso correspondente, establecido nos parágrafos anteriores, fóra do horario de consulta, durante o período da xornada correspondente á asistencia domiciliaria.

Nos supostos 2 e 3 demandaráselles aos electores o xustificante da efectividade do voto, expedido pola/o presidenta/e da mesa electoral na que exerza o seu dereito.

O persoal que teña unha xornada ou quenda de traballo, que na data da votación non coincida polo menos en catro (4) horas co horario establecido para a apertura da mesa electoral en que lle corresponda votar, non terá dereito a permiso.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos