Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 6 de marzo de 2015 Páx. 9295

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2015 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. Alejandro López Quiroga, presidente do padroado da Fundación, formulou unha solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o 25 de setembro de 2014, ante a notaria Natalia Nieto Alba, co número de protocolo 1.443, polo Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo, representado por Alejandro López Quiroga.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto conseguir o dereito universal á saúde oral mediante a promoción e o desenvolvemento de programas preventivos, formativos e/ou asistenciais na área da saúde oral.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto e a finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Álejandro López Quiroga como presidente; Manuel Menéndez Mato como vicepresidente; José Otero Sanfeliú como secretario, Eduardo José Bena de Rette Armeri como tesoureiro e María Aparecida Queiroz Ocampo, Vanessa Quiñones Castro e María Dolores García González como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xusticia, a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 26 de xaneiro de 2015, clasificouse como de interese sanitario a Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de Protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, conforme a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa de aplicación en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuidas polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2015

Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade