Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 25 de febreiro de 2015 Páx. 8074

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de febreiro de 2015 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, da Dirección do Museo Pedagóxico de Galicia.

O Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), modificado polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establece, no seu artigo 6 que o/a conselleiro/a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, nomeará o/a director/a do Mupega de entre o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No artigo 8.2, o mesmo decreto establece que o posto de traballo de director/a do Mupega poderá ser cuberto polo sistema de libre designación, de conformidade co Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e percibirá o complemento específico establecido para as direccións dos centros docentes públicos tipo A.

Na actualidade a Dirección do Mupega atópase vacante e, de acordo co sistema de provisión que establece o citado artigo 8.2, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para nomear, polo sistema de libre designación, a Dirección do Museo Pedagóxico de Galicia.

Segundo. Requisitos das persoas candidatas

Para participar nesta convocatoria, as persoas candidatas deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser funcionaria ou funcionario de carreira de calquera dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Atoparse en situación de servizo activo.

Terceiro. Solicitudes

A solicitude de participación nesta convocatoria dirixirase á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e presentarase no Rexistro Único da Xunta de Galicia, nos seus departamentos territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe como anexo.

Cuarto. Documentación

Os aspirantes deberán xuntar á petición un currículum vítae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.

Quinto. Nomeamento

A resolución desta convocatoria, que será emitida polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserta, de considerarse oportuno.

Sexto. Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular potestativamente un recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2015

P.D. (Orde do 25.1.2012)
José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

missing image file