Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 24 de febreiro de 2015 Páx. 7656

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro do 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006,
do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5 a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos, a Secretaría Xeral da Emigración ten detectada a existencia de situacións de grave necesidade, sobrevidas a persoas sen recursos económicos, orixinadas por desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial, que non poden ser atendidas a través de ningún outro recurso, polo que deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, co fin de evitar ou paliar situacións de exclusión social.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, e as causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribucións competenciais, lle corresponde á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como a diferente situación persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países en que viven impiden a comparanza e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento, sendo aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no seu artigo 31.4. Así mesmo, o ter estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

En consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no antedito artigo 19.2, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se creen expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións ás que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender
situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente, para evitar ou paliar situacións de necesidade ou exclusión social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias, ao cumprir os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2015.

Artigo 2. Natureza, réxime das axudas e compatibilidade

1. Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible, e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

Cando a axuda teña por obxecto sufragar gastos de viaxe, poderá ser considerada unha axuda en especie, correspondendo á Secretaría Xeral da Emigración a súa xestión.

2. Tendo en conta o obxecto e a finalidade destas axudas, o procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no
artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario da convocatoria e se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

A concesión destas axudas estará condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aqueles emigrantes que teñan nacido en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no padrón de residentes no exterior (PERE) ou no censo electoral de residentes no exterior (CERA).

Excepcionalmente, para o caso de teren que realizar unha viaxe as persoas ás cales se refire este punto e que non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

2. Persoas cidadás galegas residentes en Galicia que sexan familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de persoas emigrantes galegas residentes no exterior, que teñan que desprazarse necesariamente xunto a estas por mor de que padezan situacións extraordinarias de emerxencia social.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

a) Ter rendas ou ingresos insuficientes:

A carencia de rendas ou ingresos deberá ser acreditada pola persoa que solicita a axuda ou que vai realizar a viaxe, así como pola persoa acompañante á cal, de ser o caso, tamén se lle outorgue a axuda e polos familiares que, se é o caso, vaian a acoller ou seren atendidos pola persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles dos cales dispoña a persoa interesada ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores á 1,20 veces a prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español para o país de residencia da persoa solicitante, nas contías determinadas para o ano desta convocatoria, computándose todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Naqueles países para os que o Estado español non ten fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva da Seguridade Social do Estado español por xubilación, vixente no ano desta convocatoria.

Así mesmo, cando o solicitante da axuda sexa unha persoa que resida en Galicia, tomarase como referencia o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no ano desta convocatoria.

Se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade, pensión non contributiva ou indicador público de renda de efectos múltiples) máis o resultado de multiplicar o 30 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan ou do 70 % no caso de menores de 16 anos, menos unha.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar a formada pola persoa solicitante da axuda, cónxuxe ou parella de feito, fillos/as e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan coa persoa solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a súa unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

En casos acreditados de graves situacións de catástrofes naturais ou de calquera outra causa que orixine unha situación repentina de desamparo ou emerxencia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá, logo de resolución, modificar os niveis de rendas para poder ser persoa beneficiaria destas axudas.

b) Ter patrimonio insuficiente:

A carencia de patrimonio deberá ser acreditada polas mesmas persoas que no punto anterior.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles na unidade económica familiar cun valor superior ás contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Estes niveis de patrimonio poderán ser modificados nos mesmos casos e nos mesmos termos que no establecido no último parágrafo do punto anterior.

c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude que, pola súa gravidade, requiran unha actuación urxente ou a necesidade de realizar a viaxe por mor destas razóns.

Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias ou asistenciais as seguintes:

– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social, ou de tal grao de dependencia que a persoa non se poida valer por si mesma e non ter cuberta a necesidade de atención por ningún medio.

– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.

– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos, a persoa solicitante da axuda deberá acreditar previamente que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.

– Situacións sobrevidas causadas por graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval.

– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Artigo 5. Financiamento, contía das axudas e gastos subvencionables

1. Financiamento.

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 25.000 € correspondente á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Este importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación á vista do número de solicitudes presentadas. Transcorrido o segundo cuadrimestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto neste artigo, este poderá reducirse ata unha porcentaxe similar á empregada ata esa data para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. Contía das axudas.

Acreditadas as circunstancias excepcionais e urxentes que concorran no suposto, o importe da axuda establecerase atendendo á concreta situación de necesidade, consecución do obxectivo que se vai satisfacer, ao gasto necesario para satisfacela; así como á situación socioeconómica da persoa solicitante.

En todo caso, a contía máxima da axuda concedida por persoa beneficiaria non poderá exceder os 3.000 €, excepto para as axudas destinadas á realización de viaxes, que deberán realizarse na clase máis económica do medio de transporte que se utilice, nas que a contía máxima para conceder ou de custos para satisfacer será de 1.500 € por persoa beneficiaria.

3. Gastos subvencionables.

Segundo o tipo de finalidade, serán subvencionables os gastos derivados dos seguintes conceptos:

– De urxencia social: necesidades básicas en relación coa alimentación, co vestido, coa vivenda habitual ou con outros supostos de carácter urxente e grave necesidade.

– De urxencia sanitaria: necesidades graves e urxentes de carácter sanitario, non cubertas ou soo cubertas parcialmente polos sistemas públicos do seu país de residencia.

– De custos de viaxe: os necesarios para paliar os efectos das causas expostas anteriormente que precisen o traslado da persoa interesada, ou familiares desta, a outro país que non sexa o de residencia habitual. Para estes efectos, entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daquel. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe.

As resolucións de concesión para a realización de viaxes, ditadas ao abeiro da correspondente resolución, implicarán que a Secretaría Xeral da Emigración poderá efectuar, de ser o caso, as xestións que sexan precisas para a emisión dos billetes e para a súa posta á disposición da persoa beneficiaria da axuda, quen, salvo manifestación expresa en contra, entenderase que presta o seu consentimento para a realización de tales trámites.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web:
http://emigracion.xunta.es.

3. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou incapacitada xudicialmente, a solicitude realizarase a nome deste menor ou incapacitado e será asinada pola persoa que teña a súa representación legal( pai, nai, titor/a, etc.). En tal caso, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

4. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2015, ambos dous incluídos.

Artigo 8. Documentación

1. Xunto coa solicitude as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1.1. Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade española:

a) DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

As persoas que non dispoñan de DNI presentarán o pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior e a nacionalidade española en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

1.2. Documentación acreditativa da orixe galega.

A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

b) Ter vinculación con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior e ser descendente ata o segundo grao de consanguinidade, dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

1.3. Documentos acreditativos da situación económica tanto da persoa beneficiaria da axuda como, se é o caso, da súa unidade económica familiar ou da persoa acompañante e da familia de acollemento.

a) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada pola persoa interesada e/ou membros da súa unidade económica familiar e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estean obrigados a realizala, unha xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba a persoa interesada e os membros da unidade económica familiar e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

b) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda que inclúa un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a dita situación, emitido por un organismo oficial ou por organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

1.5. Para a realización de prestacións sanitarias no territorio do Estado español, acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar. Igualmente, para o caso de acollemento familiar ou asistencial, acreditación por parte da familia ou centro de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda.

1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberán presentarse certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten o grao de discapacidade e a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe. Non terán que presentar esta documentación cando a persoa solicitante autorice á Secretaría Xeral da Emigración para verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando sexa recoñecido pola Xunta de Galicia.

1.7. Para o caso de que a persoa solicitante da axuda teña necesariamente que viaxar cunha persoa acompañante, esta deberá cubrir tamén a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo II, e presentar a documentación que se especifica no punto 1.3 e o seu DNI, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

As persoas acompañantes que non dispoñan de DNI presentarán o pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais.

1.8. Outros documentos xustificativos ou informes do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a graduación do estado de necesidade.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no
artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Ás solicitudes das persoas interesadas deberán anexar os documentos ou informacións previstos no artigo 8, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 10. Procedemento de instrución e concesión

1. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

Se a comisión de avaliación así o estima, poderá encargar informes socio ambientais, que realizarán por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá á persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá por desistida a súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución, na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Resolución, notificación e pagamento

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver será de dous meses contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberán realizarse con anterioridade ao 31 de decembro de 2015.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

3. A contía das axudas concedidas aboaránselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. Realizarase, salvo casos que así o aconsellen, mediante transferencia bancaria. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

No suposto de viaxes de persoas ou grupos familiares, nos cales a situación que determina a concesión de axuda aconselle que estas sexan consideradas como axudas en especie, serán por conta da Secretaría Xeral da Emigración os trámites e pagamentos para a expedición dos billetes e/ou taxas necesarios para a realización de tales viaxes sen que se poida exceder no seu financiamento los límites previstos no artigo 5.2.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, a persoa beneficiaria faleza, poderá aboarse a axuda ás persoas que, de acordo coa normativa do país de residencia, acrediten a súa condición de herdeiras dentro do prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión, sempre que o obxecto da axuda así o aconselle.

Artigo 12. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días desde a notificación desta sen que a persoa interesada comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

2. No caso de que se comunicase a renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, logo do aboamento da axuda correspondente:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e, en caso das axudas de viaxe, xustificar ante a Secretaría Xeral da Emigración tela realizado.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Adoptar, de ser o caso, as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita Lei 9/2007.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere adecuados.

Artigo 14. Control

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuñan a denegación da axuda ou subvención.

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

A persoa beneficiaria deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 15 días desde o da data de notificación da resolución da axuda concedida.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano que a ditou, logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás persoas interesadas na forma prevista no artigo 10.

Artigo 16. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a accion.social.emigracion@xunta.es

Artigo 18. Publicidade

De conformidade coa Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, e co disposto no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e de conformidade co artigo 13.6 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, non se procederá á publicidade destas axudas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración http://emigracion.xunta.es e no Diario Oficial de Galicia nin da relación de persoas beneficiarias nin do importe das axudas concedidas, porque a súa publicación podería ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e intimidade persoal e familiar das persoas solicitantes.

Artigo 19. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es).

b) Así mesmo, no portal web oficial da Secretaría Xeral da Emigración
(http://emigracion.xunta.es), na súa epígrafe de liñas de Axuda, onde ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución así como facer consultas a través da caixa de correo de dúbidas habilitado para o efecto.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file