Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 24 de febreiro de 2015 Páx. 7680

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 29/2015, do 12 de febreiro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da obra de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1. Treito: enlace de Rande-enlace de Cangas, nos concellos de Cangas e Moaña (clave PO/12/070.01).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 14 de xuño de 2012 a directora da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou provisionalmente o proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01.

Segundo. Con data do 20 de xullo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 139) a Resolución do 26 de xuño de 2012, da directora da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se sometía ao trámite de información pública, polo prazo de 30 días hábiles, o proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Simultaneamente, o proxecto foi remitido ás administracións públicas afectadas, para que no prazo dun mes o examinasen e emitisen informe ao respecto.

Terceiro. Tras a análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes, o 30 de abril de 2013 publicouse o anuncio do 22 de abril de 2013, da Axencia Galega de Infraestruturas, para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande – enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01.

O mencionado proxecto ten por obxecto solucionar os problemas de capacidade e seguridade viaria da CG-4.1 e mellorar a estrutura territorial de comunicacións da comarca do Morrazo co eixo atlántico.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981,
do 6 de abril.

Segundo o artigo 16.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación dos proxectos de estradas de titularidade autonómica implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos correspondentes aos fins de expropiacións, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da
Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de febreiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como nos proxectos de construción que o desenvolvan, e en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01.

Santiago de Compostela, doce de febreiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas