Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Luns, 16 de febreiro de 2015 Páx. 6549

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 30 de xaneiro de 2015 pola que se regula o Rexistro de títulos habilitantes para prestar servizos de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, estableceu o novo marco normativo para o sector do taxi e do arrendamento con condutor/a na nosa Comunidade Autónoma. Un dos elementos máis destacables do novo réxime é a previsión de que as dúas administracións con competencias en materia de taxi, os concellos dentro do seu termo municipal e a Xunta de Galicia a nivel autonómico, deben actuar coordinadamente na emisión e xestión dos respectivos títulos habilitantes (licenzas e autorizacións).

Para estes efectos, a lei establece unha vinculación entre licenzas e autorizacións, de maneira que non poidan existir unha sen a outra. Así, alén dunha máis coherente intervención pública na ordenación do servizo, garántese a cobertura deste para todas as persoas usuarias sen limitación xeográfica. Ao mesmo tempo, os/as profesionais do taxi ven incrementadas as súas posibilidades de negocio ao ter un espectro potencial de clientela moito máis amplo, o cal incrementará o número de desprazamentos e mais a recorrencia desta.

Así mesmo, a vinculación tamén supón unha diminución das cargas administrativas para as persoas interesadas, de maneira que se xestionará a través dun procedemento integrado tanto a adxudicación deste tipo de títulos como a súa transmisión, e mesmo outros trámites como a extinción ou visado. Porén, a concreción de intervencións de tal natureza só pode efectuarse se existe unha comunicación fluída, eficiente e fiable entre os concellos e Administración autonómica. Consciente diso, a propia lei prevé no seu artigo 19 a creación dun Rexistro de títulos habilitantes, común para licenzas e autorizacións, no cal se asentarán todos os datos relativos a estes e se levará a súa xestión.

A norma, ademais, dispón que as comunicacións ou anotacións do dito rexistro se teñen que efectuar a través de medios telemáticos, o que supón unha aposta decidida polas novas tecnoloxías, cada vez máis presentes na vida da cidadanía e que deberán estalo tamén no campo administrativo.

Esta orde responde a esas exixencias legais, conforme a habilitación recollida para o efecto no punto 3 do artigo citado, e recolle a regulación detallada do Rexistro de títulos habilitantes. Establécense, así, as súas finalidades, estrutura e contido, ademais de deseñar o seu funcionamento. Do mesmo xeito, regúlase a publicidade e acceso ao seu contido, de maneira que, ademais de instrumento para a xestión administrativa, poida servir á súa función esencial de dar transparencia á realidade deste tipo de títulos. Todo iso haberá de redundar, logo dunha progresiva posta en funcionamento que se prevé no correspondente réxime transitorio, nunha adecuada coordinación das intervencións administrativas neste campo e, en definitiva, nunha mellor prestación do servizo.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 19.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e de acordo co Consello Consultivo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o Rexistro de títulos habilitantes para prestar os servizos de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 19.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Artigo 2. Natureza, adscrición e organización do rexistro

1. O Rexistro de títulos habilitantes para prestar os servizos de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia ten carácter administrativo.

2. O dito rexistro queda adscrito á dirección xeral competente en materia de transportes, sen prexuízo das funcións de inscrición, modificación, actualización de datos e demais que, en virtude do disposto nesta orde, lles correspondan aos concellos.

A dirección xeral citada no parágrafo anterior será a responsable do mantemento ordinario do rexistro e asume as funcións de coordinación administrativa deste e de publicidade do seu contido, de acordo co disposto nesta orde.

3. A xestión do rexistro estará centralizada na dirección xeral competente en materia de transportes, ben que cada concello será responsable dos datos relativos ás licenzas correspondentes ao seu ámbito territorial.

Artigo 3. Finalidades do rexistro

1. O Rexistro de títulos habilitantes para prestar os servizos de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia ten por finalidades:

a) Recoller nun soporte unificado os datos administrativos relevantes para ser titular dunha licenza de taxi e dunha autorización interurbana de taxi, así como para transmitilas, suspendelas, visalas e realizar o resto de trámites previstos na Lei 4/2013, do 30 de maio, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

b) Posibilitar que as comunicacións e anotacións relativas aos datos anteditos que teñan lugar entre os concellos e a Xunta de Galicia se fagan por medios telemáticos e coordinar a intervención destas administracións na inscrición e no resto de trámites que afecten os títulos habilitantes para prestar servizos de taxi.

c) Darlles publicidade aos datos inscritos no rexistro que sexan relevantes para garantir os dereitos das persoas consumidoras e usuarias no acceso e na prestación dos servizos de taxi.

Artigo 4. Estrutura, contido e funcionamento do rexistro

1. Tanto as licenzas de taxi outorgadas polos concellos de Galicia como as autorizacións interurbanas de taxi concedidas pola Xunta de Galicia, mesmo as que se atopen suspendidas, deberán constar obrigatoriamente no Rexistro de títulos habilitantes para prestar os servizos de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co artigo 15 da Lei 4/2013, do 30 de maio, entre licenza e autorización existirá unha vinculación, que se fará constar no rexistro. Sen prexuízo de que manteñan a súa numeración propia, para os efectos de rexistro poderá asignárselles un código identificativo común.

2. O rexistro estrutúrase nos seguintes módulos, que abranguerán os contidos mínimos que se indican:

a) Módulo de licenzas de taxi: nel faranse constar todos os datos administrativos relativos á licenza municipal para prestar o servizo de taxi.

b) Módulo de autorizacións interurbanas de taxi: inscribiranse neste módulo os datos administrativos relativos á autorización interurbana para prestar servizos de taxi que outorga a Xunta de Galicia.

c) Módulo de persoas titulares e persoal asalariado: incluirá os datos de identificación, domicilio para os efectos de notificacións administrativas e demais datos de contacto e capacitación profesional das persoas que teñan ao seu nome un ou varios títulos habilitantes para prestar servizos de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia, así como do seu persoal asalariado.

d) Módulo de vehículos: nel constarán os datos precisos para identificar inequivocamente o vehículo adscrito aos títulos habilitantes e as condicións de adscrición. Así mesmo, tamén figurarán as súas características básicas; de ser o caso, a súa condición de adaptado para ser utilizado por persoas con mobilidade reducida, e a indicación de se conta con taxímetro.

e) Módulo de normativa: recollerá todas as ordes, resolucións, ordenanzas ou demais disposicións de carácter xeral emanadas das administracións públicas competentes que afecten o sector de transporte público en taxi.

3. O Rexistro de títulos habilitantes para prestar os servizos de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia funcionará a través dunha plataforma informática habilitada para o efecto pola dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia, que será a canle utilizada polas administracións públicas competentes para realizar os actos e trámites obxecto de rexistro.

En todo caso, preveranse os mecanismos precisos para que a dita ferramenta informática teña carácter aberto, de maneira que os concellos poidan integrar ou comunicar con ela aqueloutras plataformas das que dispoñan para xestionar as licenzas da súa titularidade.

Sen prexuízo do anterior, garantirase que o acceso á dita plataforma se realice de xeito seguro e só por persoal autorizado.

4. Corresponderalles aos concellos a inscrición e permanente actualización dos datos incluídos dentro do módulo de licenzas de taxi, sen prexuízo das funcións de coordinación administrativa do rexistro que asume a dirección xeral competente en materia de transportes. Do mesmo xeito, esta dirección xeral responsabilizarase en exclusiva dos datos correspondentes ao módulo de autorizacións interurbanas de taxi.

Os módulos de persoas titulares e persoal asalariado, o de vehículos e o de normativa nutriranse dos datos que cada unha das administracións, dentro do seu ámbito de competencias, incorporen ao rexistro.

Non obstante o anterior, a dirección xeral competente en materia de transportes será a responsable de velar por que non se produzan discrepancias entre os datos achegados por unha e outra administración. Para estes efectos, en caso de que os ditos datos sexan incompletos ou contraditorios, procurará verificar cal é o correcto consultando a persoa interesada, outra administración ou empregando outras fórmulas de colaboración administrativa. Logo do anterior, o dato verificado inscribirase no rexistro eliminando todos os demais. A comprobación poderá realizarse ben por instancia do concello ou ben de oficio, garantindo, neste último caso, a audiencia da Administración municipal.

En todo caso, o procedemento descrito no parágrafo anterior será aplicable unicamente para erros materiais, aritméticos ou de carácter puramente formal; calquera outra discrepancia deberá resolverse mediante acordo entre as administracións competentes.

En todo caso, ambas as dúas administracións terán pleno acceso, para efectos de consulta, a todos os datos inscritos no rexistro.

5. A aplicación informática que dá soporte ao Rexistro de títulos habilitantes incorporará, así mesmo, unha funcionalidade de tramitación. Unha vez posta en funcionamento, realizaranse a través dela as solicitudes de informe, notificacións de resolucións e demais comunicacións entre administracións relativas aos procedementos regulados nesta orde.

Esta funcionalidade operará de maneira integrada co rexistro electrónico incorporado ao sistema único de rexistro da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Actos e procedementos inscritibles

1. Será obxecto de inscrición no Rexistro de títulos habilitantes a adxudicación de licenzas e autorizacións interurbanas de taxi, de acordo co disposto nos puntos 4 e 5 do artigo 16 da Lei 4/2013, do 30 de maio. A creación dun novo título non dará lugar a ningunha inscrición no rexistro no entanto non se produza a súa adxudicación a unha persoa titular.

Así mesmo, tamén accederán ao rexistro os seguintes procedementos, cos sucesivos trámites que os compoñen:

a) Transmisión de títulos habilitantes, de acordo co disposto no artigo 17 da Lei 4/2013, do 30 de maio, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

b) Suspensión de títulos habilitantes, segundo o establecido no artigo 11 da Lei 4/2013, do 30 de maio, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

c) Extinción e visado de títulos habilitantes, de acordo co establecido nos artigos 12 e 18 da Lei 4/2013, do 30 de maio, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Do mesmo xeito, deberán facerse constar no rexistro a susbstitución dos vehículos adscritos aos títulos habilitantes, a incorporación de novo persoal asalariado e calquera outra actualización dos datos que deban constar no rexistro de conformidade co artigo 4.

2. Con carácter xeral, as vicisitudes que afecten os títulos habilitantes e que deban ter acceso ao rexistro de acordo co disposto no punto anterior comunicaranas a este os concellos en primeiro lugar. En todo caso, a Administración que actúe en segundo lugar efectuará as actualizacións oportunas nos datos que sexan da súa responsabilidade.

3. A inscrición, modificación ou cancelación de contidos no Rexistro de títulos habilitantes farana de oficio as administracións que tramiten os procedementos a que se refire o punto 1.

Artigo 6. Dereito de acceso e publicidade

1. Segundo o establecido na Orde do 6 de xullo de 2011, pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nesta consellería, o órgano responsable dos ditos ficheiros é a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos persoais será a Secretaría Xeral Técnica.

Non obstante, se eses dereitos se exercen en relación con datos relativos a licenzas de taxi, tamén os concellos deberán efectuar a tramitación oportuna nos seus propios rexistros internos, de ser o caso.

2. O rexistro regulado nesta orde será público e o acceso ao seu contido farase de acordo co previsto no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. En todo caso, de acordo co artigo 19.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, terán carácter público os seguintes datos consignados no rexistro:

a) Número de licenza de taxi e de autorización interurbana de taxi.

b) Concello de adscrición dos ditos títulos habilitantes.

c) Identificación da persoa titular dos ditos títulos habilitantes, con indicación do seu nome, apelidos e DNI.

d) Vehículos adscritos aos ditos títulos habilitantes, en relación cos cales se sinalará a súa marca, modelo, matrícula, número de prazas autorizadas e a súa condición de adaptados para persoas con mobilidade reducida.

e) Identificación das persoas condutoras adscritas aos ditos títulos habilitantes, con indicación do seu nome, apelidos e DNI.

f) Situación de vixencia, suspensión ou extinción dos ditos títulos.

A dirección xeral competente en materia de transportes manterá permanentemente accesible e actualizada na súa páxina web institucional a información relativa aos aspectos anteriores.

Disposición adicional única. Áreas territoriais de prestación conxunta

Todas as mencións que nesta orde se efectúan aos concellos deberán entenderse referidas, de ser o caso, ás entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta creadas ao abeiro da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Disposición transitoria única. Incorporación de datos ao rexistro

1. Dentro dos quince días naturais seguintes á entrada en vigor desta orde, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas daralles acceso aos concellos aos datos sobre autorizacións interurbanas de taxi, a través de mecanismos informáticos.

Para tal fin, a dirección xeral competente en materia de transportes facilitaralles unha clave de usuario/a e un contrasinal seguros, sen prexuízo de que cada concello poida personalizalo posteriormente. De resultar necesario, poderán abrirse contas de usuario adicionais.

2. Unha vez comunicado o acceso, abriráselles aos concellos un prazo de tres meses para verificar que os ditos datos se corresponden con aqueles dos que eles dispoñen referentes ás licenzas de taxi. Dentro dese mesmo prazo deberán completar tamén os datos obxecto de rexistro que sexan da súa responsabilidade. En caso de discrepancia, observarase o disposto no artigo 4.4.

Transcorrido o prazo de tres meses, daranse por válidos e correctos os datos comunicados que figuren no rexistro.

3. Unha vez transcorrido o prazo previsto no punto anterior, procederase a realizar o envorco dos datos na plataforma informática na cal se sustentará o rexistro. Só cando este estea completado, o dito rexistro estará operativo e será aplicable o disposto nos puntos 2 e 3 do artigo 6.

Non obstante o anterior, a funcionalidade de tramitación a que se refire o punto 5 do artigo 4 poderá incorporarse nunha versión posterior da plataforma. No entanto, os trámites previstos nese precepto realizaranse polas canles administrativas ordinarias.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, se logo do proceso de revisión realizado polos concellos restan autorizacións interurbanas que non teñan ningunha licenza municipal asociada, a dirección xeral competente en materia de transportes comunicaralles esta circunstancia ás persoas titulares delas a través de notificación dirixida ao enderezo que conste no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte do Ministerio de Fomento. Simultaneamente, as ditas autorizacións tamén serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, con indicación do nome e dos apelidos da persoa titular, DNI, número de autorización e concello de adscrición.

No prazo de dous meses desde a data de publicación, ou, en calquera caso, dun mes desde que reciban a notificación, as persoas titulares das ditas autorizacións poderán instar ante o concello correspondente a incorporación ao rexistro dos datos da licenza da que, de ser o caso, dispoñan.

Transcorridos os ditos prazos sen que os datos das licenzas se insiran no rexistro, estas consideraranse extinguidas e, en consecuencia, as autorizacións interurbanas tamén quedarán definitivamente canceladas, de acordo co que dispón o artigo 15.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas