Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Xoves, 12 de febreiro de 2015 Páx. 6256

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2015

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2014,
do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas organizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do 18 de xuño de 2014, para o estudo e a proposta de solución de discrepancias competenciais suscitadas en relación coa Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, ambas as partes considéranas liquidadas en razón dos compromisos seguintes asumidos respecto dos preceptos da dita lei:

a) Ambas as partes coinciden en que as referencias contidas nos artigos 11 e 13 ás directrices, fins e obxectivos da política exterior do Goberno deben interpretarse de conformidade coas competencias que corresponden ao Estado constitucionalmente e, por tanto, referidas ao ámbito de competencia exclusivo do Estado en materia de relacións internacionais. En consecuencia, cando tales directrices, fins e obxectivos establezan medidas aplicables á actividade exterior que desenvolvan as comunidades autónomas no exercicio das súas competencias de acordo coa súa autonomía política, limitaranse a regular e coordinar as actividades con proxección externa das comunidades autónomas para evitar ou remediar eventuais prexuízos sobre a dirección e posta en execución da política exterior que corresponde en exclusiva ao Estado.

b) Ambas as partes coinciden en que as referencias contidas nos artigos 5.2, 11 e 12 da lei, que prevén distintos informes sobre a adecuación ás directrices, fins e obxectivos da política exterior das viaxes, visitas, intercambios, actuacións que leven a cabo as CC.AA. no exterior e das oficinas ou unidades administrativas que establezan no exterior, así como os acordos internacionais administrativos e non normativos con outros suxeitos de dereito internacional, deben interpretarse de acordo coa lexislación aplicable en materia de procedemento administrativo común.

c) Ambas as partes coinciden en que as previsións contidas nos artigos 5.2 e 12, nas cales se alude como «propostas» á comunicación polas CC.AA. das viaxes, visitas, intercambios, actuacións e apertura de oficinas no exterior, deben interpretarse no sentido de que as CC.AA. comunicarán as ditas actuacións que prevexan levar a cabo no exterior e corresponderalle á Administración xeral do Estado o seu informe de conformidade cos ditos preceptos nos termos expostos na alínea anterior.

Segundo. En razón ao acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coas disposicións recollidas neste acordo e concluída a controversia exposta.

Terceiro. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 19 de decembro de 2014